VIOLENCIA CONTRA AS PERSOAS SOLICITANTES DE ASILO

O BNG esixe da UE unha resposta á crise humanitaria das persoas refuxiadas

Ana Miranda defende a fin da violencia contra as persoas que chegan en busca de asilo, cualificándoa de “inaceptable”

O BNG esixe da UE unha resposta á crise humanitaria das persoas refuxiadas
Ana Miranda na misión Open Arms. Imaxe. BNG
Ana Miranda na misión Open Arms. Imaxe. BNG

"Diante da preocupante situación que se está vivindo nas fronteiras europeas, especialmente nas gregas, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insta á Unión Europea a ofrecer unha resposta global á crise humanitaria dos centros de persoas refuxiadas que tentan cruzar esas fronteiras en busca de asilo, así como a fin inmediata da violencia", sinala o BNG nunha nota de prensa.

Se ben Miranda considera inaceptable esa violencia exercida tanto contra as persoas migrantes como contra a poboación local, defende que Grecia non pode facerse cargo por si soa das persoas que chegan as súas costas. Considera que Grecia debe cumprir as leis internacionais no que respecta a súa obriga de proporcionar acceso legal ao seu territorio e os procedementos de asilo.

“Non só o Código de Fronteiras de Schengen e a lexislación vixente prevén esta obriga senón o propio Tribunal Europeo de Dereitos Humanos considera que os problemas que os Estados poden ter na xestión dos fluxos migratorios ou na recepción de solicitantes de asilo non xustifica o recurso a prácticas que non son compatibles coa Convención”, apunta, ao tempo que sinala que a decisión do goberno grego de suspender todo o acceso aos procedementos de asilo durante un mes e de devolver ás persoas de inmediato, infrinxe o dereito nacional, europeo e internacional.

Mais a portavoz do BNG en Europa salienta que este non é un problema que afecte unicamente a un país, senón que atinxe a toda a Unión Europea, e como tal debe ser afrontado. “Trátase dunha responsabilidade europea e Europa debe ofrecer unha resposta global que por suposto evite a violación dos dereitos humanos”, subliña. Ao respecto considera que esa resposta da UE debe incluír a premisa de que Turquía deixe de utilizar as persoas que foxen da guerra como moeda de cambio e como ferramenta de presión sobre Grecia.

Medidas imprescindibles

Entre as medidas que o BNG considera imprescindibles poñer en marcha figura a evacuación das persoas solicitantes de protección internacional das illas gregas e as fronteiras terrestres con Turquía, a súa transferencia inmediata aos Estados Membros da UE, e a creación de vías seguras e legais á Unión Europea. “Debe estabelecerse unha auténtica solidariedade europea”, apunta Ana Miranda.

“Onde queda a aprobación en decembro de 2018 a aprobación do visado humanitario por parte do Parlamento Europeo?”, pregúntase a portavoz do Bloque en Europa, quen lembra que este visado permitiría ás persoas solicitantes de asilo solicitar visados en embaixadas e consulados fóra da UE, a través dos que poderían viaxar legalmente a un país comunitario e xa nel solicitar asilo.

Ao longo da súa traxectoria Ana Miranda ten participado en diversas misións humanitarias, desde visitas aos campos de refuxiados na illa de Lesbos e o ubicado no paso de Calais, así como a misión de rescate no Mediterráneo da ONG Proactiva Open Arms, en xuño de 2018.

Comentarios
O BNG esixe da UE unha resposta á crise humanitaria das persoas refuxiadas