Foro Galego de Inmigración | nota de prensa

En situación administrativa irregular pola túa culpa, Oficina de Estranxeiría

Desde o FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN (FGI), plataforma que agrupa a persoas e entidades sociais que traballan en materia de inmigración, queremos denunciar a situación na que se atopa a Oficina de Estranxeiría da Coruña, dependente da Subdelegación de goberno.

En situación administrativa irregular pola túa culpa, Oficina de Estranxeiría

A Coruña, 10/06/2021.- Salientar que esta situación acontece concretamente na oficina de estranxeiría que atende ás persoas residentes na provincia da Coruña, non sucedendo no resto das provincias galegas.

Esta oficina de estranxeiría presenta por un lado, un reducido número de citas dispoñibles para presentar os trámites, e por outro lado está a demorar para resolver solicitudes máis de seis meses, cando o prazo legal de resolución é de 45 días no caso das reagrupacións familiares, autorización por fillas e fillos menores e autorizacións de traballo de tempada e de 3 meses nos restantes casos.

Isto supón un grave incumprimento dos prazos legais establecidos, sendo as consecuencias destes retrasos enormemente prexudiciais para as persoas migrantes, quen, presentando todos os seus trámites nos prazos indicados nos procedementos legais, vense privadas dos seus dereitos básicos, contribuíndo deste xeito a administración a incrementar a situación de vulnerabilidade na que as persoas migrantes xa se atopan.

En concreto, estamos a falar de graves atrasos en autorizacións e renovacións de residencia, permisos de traballo e reagrupacións familiares. Sen estes expedientes resoltos as persoas migrantes non poden acceder a un traballo aínda que esteen seleccionadas pola empresa, e esta demora dificulta en moitas ocasións a realización de trámites da vida cotiá como o acceso aos servizos máis básicos.

Por iso desde o FGI facemos pública a responsabilidade da Subdelegación do goberno en Galicia, para que revisen e corrixan a situación da Oficina de Estranxeiría e poñan fin á grave vulneración de dereitos que moitas persoas migrantes residentes na provincia están padecendo.

Comentarios
En situación administrativa irregular pola túa culpa, Oficina de Estranxeiría