Acampa pola paz e o dereito a refuxio

O VI Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereilto a Refuxio reflexionará na Coruña sobre a pandemia da fame que a 811 millóns de persoas no mundo

Entre o 9 e o 11 de xuño “Fame e Refuxio” converterá de novo a cidade nun referente do debate social colectivo. Un espazo público no que fotoxornalistas, activistas, expertos e voceiros de distinas organizacións falarán das moitas caras da fame, unha das principais causas dos desprazamentos masivos de persoas 
O VI Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereilto a Refuxio reflexionará na Coruña sobre a pandemia da fame que a 811 millóns de persoas no mundo
Vandana Shiva
Vandana Shiva

Entre os convidados, a india ecofeminista Vandana Shiva (física, filósofa e escritora), a responsable de Nutrición de Médicos Sen Fronteiras, Montse  Escruela, ou o xornalista correspondente internacional Rafael Poch. Os fotoxornalistas que expoñerán a súa visión da fame son, entre outros, Olmo Calvo, Lys  Arango, Silvia Landi, Juan Carlos Tomasi e Ricard García Vilanova 

A Coruña, 12 de abril de 2022.- Máis de 811 millóns de persoas, segundo datos da ONU, pasan fame. Preto de 17 millóns son nenos e nenas. Ao redor de 24.000 persoas morren cada día por falta de alimentos ou por causas derivadas desa falta. Unhas cifras que xustifican que a Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio  vire o foco cara esa realidade: a principal razón de que na sexta edición do Encontro Internacional Acampa pola Paz (A Coruña, do 9 ao 11 de xuño ) se fale de “Fame e Refuxio”.  A Coruña, a “Cidade Refuxio”, converterase un ano máis nun referente do debate social colectivo sobre dereitos humanos e dereito de asilo. O Encontro Internacional, un evento posible grazas ao financiamento do Concello coruñés, o apoio da Deputación Provincial e a achega doutros patrocinadores, é o resultado do traballo voluntario e de balde de decenas de persoas, organizacións, entidades sindicais, sociais, veciñais e partidos políticos que botaron a andar en 2016 o Movemento Acampa pola Paz, tecendo unha rede que non deixa de medrar. 

“As cifras da fame –xa insoportables na súa dimensión desde hai décadas-  creceron aínda máis por mor da pandemia do covid 19. Cando parecía que a situación empezaba a mellorar, a invasión rusa de Ucraína deu un novo chimpo á realidade mundial. Entre outras e gravísimas consecuencias, a guerra en Ucraína supuxo a destrución dun dos principais celeiros que fornecen de cereais aos países máis necesitados do continente africano e tamén Oriente Medio. Parece claro que o que está a acontecer en distintos puntos do planeta non fará máis que profundar na crise de persoas refuxiadas. “É obvio –sinalan desde a Rede Acampa para explicar o fío condutor desta edición- que os desprazamentos masivos de seres humanos formarán parte da paisaxe presente e futura”. Para o Movemento Acampa pola Paz, traballar en prol da sensibilización da sociedade civil e tratar de evitar así que creza o racismo e a xenofobia é algo esencial; a súa razón de ser. “Concienciar na irrenunciable defensa dos dereitos humanos e o dereito a refuxio é a fórmula con máis garantías nestes tempos en que a escaseza duns ha enfrontarse á voracidade e o espolio dos beneficiarios do capitalismo máis atroz; algo que inevitablemente vai deixar a millóns de persoas sen hoxe e mesmo sen mañá”, indica o seu coordinador, Xosé Abad.  

Campo simulado e convidados 

O eixo central de cada Encontro Internacional é o campo simulado instalado nos Xardíns de Méndez Núñez. Un espazo que permite á cidadanía penetralo, pasear ao seu arredor e pescudar de preto eses escenarios nos que sobreviven decote miles de persoas desprazadas por todo o planeta. Esta edición o campo reproducirá os escenarios das situacións causantes da fame no mundo.  

As exposicións fotográficas urbanas que arrodearán os xardíns achegarannos a visión particular que teñen sobre a fame, as súas causas e os seus efectos, algúns dos  fotoxornalistas de máis prestixio internacional; dende Olmo Calvo, Lys Arango, Ricard García Vilanova ou Silvia Landi a Juan Carlos Tomasi, entre outros.  

Activistas, expertos e testemuñas directas do drama da fame conforman tamén o programa que se está a ultimar estas semanas. Contaremos, entre outros, coa física, filósofa e escritora india Vandana Shiva, activista do ecofeminismo e receptora en 1993 do chamado Premio Nobel Alternativo, o Premio ao Sustento Ben Gañado. Shiva traballa desde hai décadas na abordaxe dos problemas ecolóxicos e sociais máis importantes do noso tempo e é fundadora dun movemento no seu país adicado á protección da diversidade e integridade dos recursos vivos, especialmente as sementes nativas e á promoción da agricultura orgánica e o comercio xusto.  

Tamén se achegará á cidade a responsable de Nutrición de Médicos Sen Fronteiras, Montse Escruela, ou o correspondente internacional Rafael Poch.  

As mil e unha caras da fame 

Os días 9, 10 e 11 de xuño, o VI Encontro Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio  encherá o centro da Coruña dunha intensa actividade sensibilizadora. Falarase da fame que deixan as guerras e a crise climática; da que provocan os embargos e a xeopolítica ou o espolio de recursos. Profundaremos na inseguridade alimentaria que a globalización multiplica. Reflexionaremos sobre a necesidade de recuperar a soberanía alimentaria, de volver conectar o consumo co territorio, e da necesidade de loitarmos contra a gandería e a agricultura intensivas que esnaquizan os hábitat, contaminan a terra e o aire, esquilman os recursos hídricos e multiplican a dependencia das importacións tanto de fertilizantes coma de cereais. Debateremos igualmente sobre esas outras formas de fame: a obesidade froito da alimentación deficiente e desequilibrada que impón a pobreza na que sobreviven miles de familias nos países supostamente máis desenvolvidos e con sistemas de protección social máis estruturados. Reflexionaremos sobre se é que estamos diante dun problema de escaseza produtiva de alimentos ou dunha egoísta repartición da riqueza.  Coñeceremos da man de testemuñas directas asiniciativas de máis éxito na loita contra a fame, e tamén as realidades máis vergoñosas ás que dá lugar. En definitiva, tomaremos conciencia da responsabilidade particular e tamén colectiva fronte á lacra  da fame e da necesidade imperiosa de loitarmos contra esa realidade.  

O VI Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereilto a Refuxio reflexionará na Coruña sobre a pandemia da fame que a 811 millóns de persoas no mundo