Música

Luar Na Lubre presenta 'Luar Na Lubre XX. Encrucillada' no Hotel Bela Fisterra

A emblemática banda Luar Na Lubre desvelará o venres 22 de decembro, ás 19:00 horas, no Hotel Bela Fisterra (A Coruña), o seu novo traballo 'Luar Na Lubre XX. Encrucillada'. Un evento aberto ao público que contará coa presenza de Bieito Romero e Xabier Ferreiro, quen analizarán a obra e asinarán exemplares do librodisco. O encontro terá lugar nas instalacións do Hotel Bela Fisterra, situado na Rúa Anchoa, 56, en Fisterra (A Coruña).
Luar Na Lubre presenta 'Luar Na Lubre XX. Encrucillada' no Hotel Bela Fisterra
LIBRODISCO 'LUAR NA LUBRE XX. ENCRUCILLADA'  (2023)
Librodisco "Luar Na Lubre. Encrucillada"

'Luar Na Lubre XX. Encrucillada' recolle temas icónicos do seu extenso repertorio, cunha selección de distintas voces que pasaron pola formación, acompañado dunha crónica visual e literaria da súa longa traxectoria, contando co testemuño de máis de 60 personalidades da música, literatura e xornalismo galegos.

Este traballo é unha compilación que inclúe temas clásicos reinterpretados con novas versións e voces destacadas como as de Pablo Milanés, SÉS e Rosa Cedrón, entre outros. O librodisco, editado por Baía Edicións e o CD por Warner Music, celebra un simbólico 'encontro de camiños'. Un momento histórico que compila músicas, relatos, imaxes e material diverso para capturar o verdadeiro significado de Luar Na Lubre, que se achega ao seu 40º aniversario.

O álbum tamén presenta unha peza moi especial, 'El largo Camino de Santiago', composta e gravada polo cantautor cubano Pablo Milanés antes do seu pasamento, unha xóia deste traballo. Unha composición extraordinaria, con letra e voz do cantautor cubano, inspirada na música celta e no seu amor por Nancy Pérez. E a canción 'Canto de andar', con novos arranxos, conta coa colaboración de Rosa Cedrón, vocalista do grupo entre 1997 e 2005, inspirada en antigas melodías tradicionais, que fala das cousas cotiás que realmente importan.

Nove voces femininas participaron na gravación de 'Romeiro ao lonxe', unha melodía tradicional inglesa adaptada por Luar Na Lubre con letra de Xulio Cuba. As voces de Rosa Cedrón, Paula Rey, Sara Vidal, Marisa Valle Roso, SÉS, Irene Sánchez (Filandera), Anna Espinosa, Irene Cerqueiro e a voz actual do grupo, Irma Macías, achegan novas texturas e sonoridades a esta canción, que tamén estará acompañada dun videoclip con espectaculares imaxes de paisaxes galegas.

Este traballo conta co apoio da Xunta de Galicia, enmarcado no Programa Operativo FEDER GALICIA 2014-2020, financiado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), como parte das medidas de resposta da UE á pandemia da Covid-19.

Luar Na Lubre presenta 'Luar Na Lubre XX. Encrucillada' no Hotel Bela Fisterra