ZONAS VERDES

“Co parque do Observatorio, o Concello debe tirar para diante e contará co apoio da veciñanza”

Ricardo Seixo, reelixido presidente da Asociación Veciñal da Agra, pide que se negocie para que no espazo se edifique o mínimo imprescindible.

“Co parque do Observatorio, o Concello debe tirar para diante e contará co apoio da veciñanza”
Ricardo Seixo diante do muro do Observatorio
Ricardo Seixo diante do muro do Observatorio

Despois de que unha sentenza do Tribunal Supremo sinalara que os terreos do antigo convento das Adoratrices quedan excluídos da urbanización e obrigue a adaptar o PXOM no Observatorio, e de que o Concello, a través do concelleiro de Rexeneración Urbana insistise en que haberá un espazo verde no parque, os veciños da Agra urxen ao goberno municipal a actuar para dotar ao barrio dun espazo verde que levan décadas reclamando.

É necesario tirar para diante co parque do Observatorio, e se o Concello o fai, contará co apoio da veciñanza”, comenta Ricardo Seixo, presidente da Asociación Veciñal da Agra, diante do portalón que pecha polas tardes o acceso ao recinto. Seixo di que se non se pode conseguir “o ideal deses 14.000 metros cadrados, hai que mirar en canto reduce o espazo dispoñible para parque a sentenza sobre as Adoratrices”, e urxe ao Concello. “Teñen que empezar a falar xa cos propietarios e coas administracións afectadas, negociar e tirar para diante, porque entre outras cuestións de aquí a uns anos pode cambiar o goberno e veriamos outra vez frustrado o parque”.  

Os veciños, que tamén aplauden que se queira incorporar a planificación do futuro parque o Camiño do Pinar, iniciaron unha campaña de recollida de firmas para que se atenda a demanda do parque –levan unhas mil sinaturas–, e aseguran, por boca de Seixo, que teñen “a perspectiva de que se faga a menor edificación posible, mesmo bastaría con pechar as medianas dos patios de luces que dan cara o parque, a poder ser que a edificación se limite a iso”.

Opinan desde a asociación que o Concello “ten vontade de dotar á Agra cunha zona verde” que os sucesivos gobernos municipais estiveron adiando, e di Seixo que o interese da Marea Atlántica “semella honesto e real”. “En calquera caso, pedimos que nos teñan informados e imos estar enriba do tema”.


 

Comentarios
“Co parque do Observatorio, o Concello debe tirar para diante e contará co apoio da veciñanza”