Galiza Nova | nota de prensa

Galiza Nova presenta campaña sobre saúde mental

Galiza Nova presentou este domingo unha campaña sobre saúde mental baixo o lema “O custo de sobrevivir. A quebra da saúde mental” para poñer unha cuestión que tanto preocupa á mocidade no centro do debate político
Galiza Nova presenta campaña sobre saúde mental
Campaña pola saúde mental
Campaña pola saúde mental

Santiago de Compostela, 10 de Abril de 2022.- A organización xuvenil do BNG reclama que cando se fala de saúde mental é necesario ter en conta o contexto social no que vive actualmente a mocidade e denuncia que as enfermidades psíquicas non poden encaixarse como unha cuestión puramente biomédica.

“O impacto da pandemia entre a xente nova é sistemático, profundo e desproporcionado. A situación económica, o desemprego, a perda de ingresos ou a incertidume sobre o noso futuro son factores de risco que incrementan os problemas de saúde mental da mocidade. Por iso entendemos tan importante esta campaña” afirmou Marta Gómez, Secretaria Xeral da organización.

Con esta campaña Galiza Nova pretende denunciar a situación de precariedade na que vive a mocidade galega, relacionándoa directamente co impacto que esta ten sobre a saúde da mesma. Poñendo o foco sobre o emprego, a vivenda, a situación do ensino, a falta dun ocio alternativo ou o fomento dunha sociedade individualista as mozas e mozos nacionalistas afirman que “a loita por mellorar os problemas de saúde mental é tamén unha loita política na que Galiza Nova debe tomar parte para garantir os dereitos da mocidade galega neste ámbito”.

A campaña, que dá comezo este domingo, terá lugar en todo o mes de abril, mes durante o cal a organización xuvenil do BNG realizará palestras, coloquios e actividades nas que trasladará a súa visión, as súas demandas e tamén as alternativas políticas que propoñen para mellorar a vida das mozas e mozos galegos. A campaña rematará co rexistro dunha iniciativa no parlamento galego e de distintas mocións nos concellos “adaptando cada moción á realidade local” na que se instará aos gobernos a tomar medidas para mellorar a súa situación.

Galiza Nova presenta campaña sobre saúde mental