Entrevista a Luís García, da Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma

“As listas de espera son, na práctica, unha negativa de asistencia”

 

Entrevista a Luís García, da Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma, que este mércores participa nunha charla na AAVV de Monte Alto xunto a Ramón Veras, de SOS Sanidade Pública, con motivo da Semana Mundial do Glaucoma. García advirte que existen os medios para prever a enfermidade e que a detección precoz sería o mellor método para loitar contra ela.

 

“As listas de espera son, na práctica, unha negativa de asistencia”
Luís García, este luns nas Conchiñas (2)
Luís García, este luns nas Conchiñas

Se hai un ano a actividade da sección coruñesa da Asociación para a Prevención do Glaucoma xirou en torno aos problemas de mobilidade cunha palestra organizada en colaboración con EntreNós, laduda.net e outros medios, a Semana Mundial do Glaucoma está neste 2018 orientada a dar conta do “grandísimo descontento social” pola calidade da atención sanitaria que tamén afecta a esta patoloxía, sinala Luís García. “Temos a mellor sanidade pública en canto te chaman, pero mentres esperas nas listas de espera a nosa sanidade está no nivel de calquera país subdesenvolvido”. García remata a entrevista cunha afirmación que dá conta dese enorme descontento do que fala e que se viu reflectido na mobilización do 4 de marzo: “As listas de espera son, na práctica, unha negativa de asistencia”.

- A canta poboación afecta e que efectos ten o glaucoma?

- Calcúlase que a un 2% da poboación. A nivel mundial estaríamos falando da segunda causa de cegueira, só por detrás das cataratas. A única maneira que existe para detectala é a través dun exame do nervio óptico. Require unha cirurxía moi especializada e non todos os oftalmólogos son quen de facela. Vas perdendo visión lateral e, se para, quedas cunha visión de canon de escopeta. Hai grupos de risco, si. Falamos de persoas con antecedentes familiares, de xente que a partir dos 50 anos de idade debería someterse a revisións.

- Como é a atención ao glaucoma no servizo público de saúde?

- Pois lamentabelmente como calquera outra patoloxía: lenta. Non é que poña en dúbida as estatísticas do Sergas, pero cústame crer que a lista de espera está nos 68 días. Ademais, falla a prevención. Mire, esta asociación en Galiza fundouse porque a actual presidenta sufriu o caso de seu pai. O home tiña ben a tensión ocular e ninguén se parou a mirar máis. Non abonda con medir a tensión ocular. Non abonda coas revisións dos oculistas. Hai un par de anos na Coruña había catro retinógrafos, que son os aparatos precisos para valorar o estado do nervio óptico. A prevención debería comezar no médico de familia que derivase ás persoas con antecedentes ao oftalmólogo.

- Non hai moito da dimisión do xefe de oftalmoloxía do Hospital de Pontevedra queixándose das listas de espera… Hai problemas en todos os servizos de oftalmoloxía?

- O que sei é que Pedro Corsino é un profesional honrado e prestixioso. Pensou que a atención non era como debía ser. Cansouse de pelexar? Non o sei… o que sei é que a saturación é algo xeral a toda a sanidade galega.

- Vostede fai parte de SOS Sanidade Pública. Como valora a mobilización do 4 de marzo?

- Eu creo que expresou un grandísimo descontento social. A xente está cansa. Está cansa das esperas. E empeza a ver como o deterioro do sistema público ten que ver coas políticas de privatización. Non sei se comprenderon a magnitude do problema… pero ese descontento evidencia que a xente empeza a darse conta de que algo non vai ben, inda que non saben certo o porqué. Por exemplo, non sei se como pacientes comprendemos o que significa a diminución de servizos sanitarios. Mire, na Mariña lucense eliminouse a unidade de neonatos a base de derivar pacientes a Lugo e, despois, dicir que na Mariña non era precisa a unidade porque non había pacientes… Así de basto.

- A plataforma SOS Sanidade Pública é moi crítica coa Lei de Garantías que impulsa o goberno Feijóo. Como explicaría ese rexeitamento?

- Esa lei o que pretende é dar á sanidade pública un lavado de cara que acabe favorecendo á sanidade privada. O que se está facendo é ofertar pacientes á sanidade privada. No futuro, na pública atenderanse só as patoloxías que non lle resulten rendíbeis á privada. E todo ese plan vístese como boa administración. Mentres obrigan aos pacientes a tratarse en centros privados, nos públicos hai salas pechadas. Por riba, esa deriva significa que se perde desde o público o control do paciente…

- Que mensaxe lle gustaría ser quen de fixar nas cabezas dos que acudan á conferencia deste mércores?

- Pois unha moi clara: que a saúde é un dereito cidadán que non pode estar suxeito a intereses mercantís. Que lle parece?

- Un bo resumo…

- Mire, terá escoitado dicir iso de que temos a mellor sanidade pública do mundo. Pode ser certo, pero con matices. Temos a mellor sanidade pública en canto te chaman, pero mentres esperas nas listas de espera a nosa sanidade está no nivel de calquera país subdesenvolvido.

- Nunha charla recente escoiteille dicir que as asociacións de pacientes corren o risco de acabar facéndolle o xogo a intereses alleos.

- Somos unha simple asociación, non podemos coñecer a problemática doutras, estamos en foros como SOS Sanidade Pública porque sabemos que as problemáticas son semellantes e que a mobilización, penso, é agora mesmo o único camiño. Pero direi unha cousa: a sanidade converteuse nun gran negocio. Sabe quen é o principal cliente do sistema sanitario público en España? Pois a industria farmacéutica. Eles son grandes e nós, pequenos.

- Pero, segue confiando na movilización?

- Non queda outra. Neste momento non vexo outro axente político ou social que poida facer o traballo de SOS Sanidade Pública. E segue sendo insuficiente.


- E segue pedindo a SOS Sanidade Pública que traballe en serio na denuncia das lista de espera...

- Sigo... e máis cousas. Falaba antes da perda de control. Iso ten que ver con que descoñecemos os niveis de eficiencia do sistema privado, que non comparte necesariamente os controis do público. En canto ás listas de espera, se ben é certo que ten que habela en calquera sistema sanitario. Pero a partir do momento en que esas listas fan moi limitada ou mesmo nula a eficacia do tratamento, convírtense noutra cousa. Entón, as listas de espera son, na práctica, unha negativa de asistencia.

“As listas de espera son, na práctica, unha negativa de asistencia”