XORNADA MEMORIA HISTÓRICA

Ana Miranda: “Temos a obriga de frear o avance do fascismo e ilegalizar as fundacións vencelladas ao franquismo”

O grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, no que está integrado o BNG, organiza o 20 de novembro a conferencia “Franquismo post Franco”

Ana Miranda: “Temos a obriga de frear o avance do fascismo e ilegalizar as fundacións vencelladas ao franquismo”
Cartel conferencia 20N
Cartel conferencia 20N

Bruxelas, 18 de novembro 2019.- A Eurocámara acollerá o vindeiro mércores, 20 novembro, a conferencia “Franquismo post Franco”, organizada polo grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo co obxectivo de dar a coñecer na capital europea a realidade da represión franquista, o espolio da ditadura vixente na actualidade e os pasos que se están dando para rematar coa impunidade. “Como demócratas temos a obriga de frear o avance do fascismo no Estado español e en Europa e dar cumprimento á Resolución aprobada hai un ano na Eurocámara e prohibir as fundacións vencelladas ao franquismo”, subliña a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, unha das coautoras desa Resolución. .

Para a nacionalista é primordial desvelar a historia da represión franquista nas súas múltiples facetas e a súa existencia na actualidade. Neste sentido destaca a participación do presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, Telmo Comesaña; a representante da Asociación das 13 Rosas de Asturias, Laura Díez; a neta dunha vítima represaliada, a galega María Lores; e a representante da Asociación de Nenos Roubados, Sol Luque. “O testemuño destas persoas daranos unha visión ampla do terror que exerceu o franquismo desde os seus inicios e como obedeceu a un plan sistemático de exterminio”, explica Miranda.

Testemuños do terror franquista

Estas intervencións completaranse coa participación de dúas persoas, representantes da Comuna ex presos e presas represaliadas por “Billy el Niño”, Miguel Ángel Gómez, “Gus”, e Rosa García, quen falarán en primeira persoa de como o franquismo exerceu a tortura como base para manter o seu sistema de terror. Neste obxectivo de poñer sobre a mesa a represión franquista tamén terán voz na conferencia da próxima semana os investigadores galegos Carlos Babío e Manuel Monge.

Por un lado, Babío é autor da obra “Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio”, que serviu de base a demanda presentada pola Avogacía do Estado co fin de reverter o Pazo de Meirás ao patrimonio público. Pola súa banda, Manuel Monge, autor de la obra “Os Borbóns: unha monarquía escandalosa. A herdanza do franquismo”, é un dos máximos denunciantes dos restos do franquismo, tanto en rúas, honras e distincións, entre as que destaca a retirada a Manuel Fraga da distinción de fillo predilecto da Coruña. Ademais, o xornalista Juan Miguel Baquero, autor de “El país de la desmemoria”, abordará o marco xeral do espolio económico que levou a cabo a ditadura.

A loita contra a impunidade

Do mesmo xeito que o Parlamento Europeo conta con diversas ferramentas para loitar contra a extrema dereita, entre as que destaca a Resolución contra o avance do fascismo en Europa – da que Ana Miranda é coautora-, a loita xudicial contra a impunidade do franquismo susténtase na denominada Querela Arxentina do franquismo, que instrúe en Bos Aires a xuíza María Servini. Neste sentido, a representante da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina contra o franquismo, Mercedes Sánchez, falará do que supón a existencia das foxas comúns desde hai máis de oitenta anos, mentres que dúas avogadas do Colexio de Avogados de Vigo, Jana Calero e Irene Álvarez, explicarán a situación actual das querelas polos crimes do franquismo.

“Teremos en Bruxelas unha intensa xornada para dar a coñecer como o franquismo post Franco aínda segue no Estado español e denunciar a pasividade deste Estado nos últimos corenta anos para reparar as vítimas”, salienta Ana Miranda.

Comentarios
Ana Miranda: “Temos a obriga de frear o avance do fascismo e ilegalizar as fundacións vencelladas ao franquismo”