BNG | nota de prensa

BNG logra desbloquear a tramitación da Lei de transferencia da AP9

A Mesa do Congreso resolveu este martes no sentido da solicitude presentada pola formación nacionalista en que se solicitaba que se non fose prorrogado máis o prazo de emendas ao texto da Proposición de Lei.
BNG logra desbloquear a tramitación da Lei de transferencia da AP9
Néstor Rego 03
Néstor Rego 03

Néstor Rego: “Non se xustificaba continuar dilatando a tramitación dunha Lei que leva demasiado tempo agardando. Esperamos que con este paso poida estar aprobada canto antes e para facilitalo, o BNG non presentará emendas”.

Madrid, 16 de xuño de 2021.- O Bloque Nacionalista Galego consegue que a Mesa do Congreso acepte a súa proposta para desbloquear o debate da tramitación da Lei Orgánica para a transferencia da AP-9 á Galiza e permitir que o texto poida comezar o trámite na ponencia da Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, espera que a partir de agora non haxa novas dilacións e se poida aprobar a máis tardar no outono.

A Mesa do Congreso viña prorrogando de maneira semanal o prazo de presentación de emendas ao articulado desde o día 22 de febreiro. Tres das catro formacións políticas que forman parte deste organismo tamén teñen representación galega, polo que o deputado do BNG decidiu convocalos a unha reunión co obxectivo de facer presión e facilitar o avance do debate. Así mesmo, Rego rexistrou o pasado luns un escrito no Congreso  solicitando á Mesa que non continuase prorrogando o prazo de emendas, de maneira que se poida producir o debate de forma inmediata.

Néstor Rego denunciaba que a dilación que se viña producindo coa prórroga do prazo durante 12 semanas consecutivas era inxustificada. “Non hai ningunha razón obxectiva para continuar demorando o debate e aprobación definitiva da lei de Transferencia, máxime cando o BNG solicitou no pasado 5 de febreiro a tramitación pola vía de urxencia e foi acordada pola mesa no día 9 dese mes”, sinala Rego.

En todo o caso, na reunión da Mesa realizada neste martes (15) este órgano resolveu no sentido da solicitude formulada polo BNG, de forma que o prazo de emendas conclúe hoxe mesmo e a Proposición de Lei Orgánica pode continuar a súa tramitación.  O deputado da formación nacionalista mostrou a súa satisfacción por esta decisión e avanzou que o BNG non presentará emendas para non demorar máis a aprobación definitiva.

“Hai que lembrar que esta proposición de Lei é resultado dun acordo unánime no Parlamento da Galiza a partir dunha proposta inicial nacionalista. En aras desa unanimidade o BNG renunciou a algúns aspectos que achábamos importantes. Con todo, para facilitar a aprobación canto antes e por respecto ao consenso que a fixo posíbel, non presentamos emendas no Congreso”, salientou Rego.

O deputado nacionalista espera que a tramitación poida concluírse como moi tarde no outono. “Que a autoestrada do Atlántico sexa galega debe ser o primeiro paso para conseguir unha autoestrada libre de peaxes para acabar coa estafa legalizada que sufrimos todos os galegos e galegas” destaca Rego. “Hoxe finaliza o prazo de emendas e fainos pensar que nos meses de outono podería estar concluída a tramitación da lei de transferencia da AP-9. Dáse un paso máis nun camiño que nos leve a un obxectivo claro para o BNG: que a autopista do Atlántico pase a ser unha autoestrada galega e libre de peaxes” afirma o deputado nacionalista.

Responsabilidade cos acordos asinados

O deputado nacionalista aproveitou para reclamar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana pór en marcha “canto antes” os descontos “estabelecidos no Acordo de Investidura” asinado co BNG, que lembra que recolle “a bonificación de 100% para usuarios recorrentes, non imputar na tarifa a suba das portaxes de 1% anual acumulativo durante 20 anos prevista nos convenios de 2011 e 2013 e liberar de portaxe o tramo Vigo-Redondela”.

“Entendemos que tampouco hai ningunha xustificación para que unhas medidas que tiñan que ter entrado en vigor o día 1 de xaneiro aínda non o estean neste momento. O último anuncio do Ministerio é que comezarán no mes de xullo e agardamos que así sexa” recrimina Néstor Rego. “Agardamos tamén que os descontos se fagan tal e como se recollen no acordo asinado entre BNG e PSOE para a investidura porque este é un compromiso con todos os galegos e galegas” enfatiza o deputado.

A organización frentista cre que este é un paso necesario no camiño de acabar coa “estafa legalizada” que supón para o noso país unhas portaxes tan elevadas e unha concesión de longa duración que finaliza aínda no ano 2048. “Hai que seguir traballando para acabar co atranco que supón para todos os galegos e galegas esas peaxes tan abusivas. Esperamos que as forzas políticas non dilaten máis esta tramitación e que poidamos ver cumprido ese obxectivo o antes posíbel” conclúe Néstor Rego.

BNG logra desbloquear a tramitación da Lei de transferencia da AP9