BNG | nota de prensa

BNG reclama tramitar xa a Lei de Transferencia da AP-9

Néstor Rego convoca para este mércores os deputados e deputadas electas na Galiza de todos os grupos para urxir a Mesa a levar a debate canto antes a Proposición de Lei, a poder ser, neste período de sesión
BNG reclama tramitar xa a Lei de Transferencia da AP-9
Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado nacionalista dirixiu un escrito á Mesa do Congreso para que non continúe prorrogando o parzo de emendas, como vén facendo desde o día 22 de febreiro

Madrid, 14 de xuño de 2021. O BNG denuncia que a tramitación da Proposición de Lei para a Transferencia da AP-9 á Galiza se está a demorar de maneira inxustificada desde o pasado mes de febreiro en que foi admitida a trámite polo Pleno do Congreso. Co obxectivo de que poida ser aprobada canto antes, o deputado do BNG, Néstor Rego, convoca para este mércores os deputados e deputadas electas na Galiza de PSOE, PP e Unidas Podemos para acordar conxuntamente as accións a realizar para ver concluída e aprobada a transferencia da AP-9 ao noso País.

A forza nacionalista lembra que, por iniciativa do BNG, a Proposición de Lei para a Transferencia da AP-9 foi aprobada por unanimidade no Parlamento da Galiza e trasladada ao Congreso. Após o bloqueo inicial por parte da Mesa -presidida polo Partido Popular- e do debate no ano 2018 -inconcluso como consecuencia da finalización da lexislatura- voltou ao Congreso no 2 de febreiro de 2021, sendo aprobada a toma en consideración. O día 5 de febreiro o BNG solicitou á Mesa a tramitación polo procedemento de urxencia, o que foi acordado por este órgano o día 9 dese mes.

No entanto, a Mesa vén prorrogando semanalmente o prazo de presentación de emendas ao articulado desde o día 22 de febreiro até a actualidade. Para o deputado nacionalista, Néstor Rego, “a tramitación e aprobación desta Lei estase facendo agardar demasiado e entendemos que non hai moitivo xustificado para a dilación dunha Proposición de Lei que foi acordada por unanimidade na Cámara galega e admitida a trámite no Congreso por amplísima maioría”.

Rego lembra que PSOE, PP e UP teñen 8 dos 9 membros da Mesa do Congreso e que, por tanto, depende destes partidos que non sexan aprobadas novas prórrogas semanais ao prazo de emendas e que a Proposición de Lei poida ir de forma inmediata a debate na Comisión de Transportes e ser aprobada canto antes polo Pleno do Congreso, mesmo neste período de sesións.

 “Cremos que a unanimidade que se produciu no Parlamento da Galiza debe trasladarse tamén ao Congreso para que o conxunto dos deputados e deputadas electos pola Galiza reclamemos a tramitación canto antes desta Proposición de Lei”, sinala Rego. Con ese obxectivo, o deputado nacionalista convocou os deputados e deputadas galegas dos outros grupos a unha reunión nesta cuarta feira (16), á 1 da tarde, no Congreso, “para acordar conxuntamente as accións a realizar para ver concluída e aprobada o antes posíbel a transferencia da AP-9 ao noso País”.

Aliás, o deputado do BNG dirixiu un escrito á Mesa do Congreso para que non continúe prorrogando o parzo de emendas, como vén facendo desde o día 22 de febreiro, de maneira que se produza o debate de forma inmediata.

BNG reclama tramitar xa a Lei de Transferencia da AP-9