BNG | nota de prensa

O BNG presenta no parlamento unha proposición non de lei para que a Xunta promova un plan industrial para a factoría coruñesa que garanta os 300 empregos

“O proceso para a liquidación dos activos aínda non está pechado e mesmo hai prazo para a presentación de alegacións á proposta formulada polo administrador concursal”, remarca Mercedes Queixas

O BNG presenta no parlamento unha proposición non de lei para que a Xunta promova un plan industrial para a factoría coruñesa que garanta os 300 empregos

A Coruña, a 6 de maio de 2022. O BNG non se resigna a dar por perdida Alu Ibérica –a súa desaparición agravaría aínda máis o preocupante proceso de desindustrialización que sofre a nosa cidade e comarca- e por iso a deputada nacionalista no Parlamento galego Mercedes Queixas presenta na cámara unha proposición non de lei visando que a Xunta promova un plan industrial para a factoría coruñesa que garanta a continuidade da súa actividade e, consecuentemente, o mantemento dos seus 300 postos de traballo.

A pesar de que xa hai autorización xudicial para a extinción dos contratos do persoal, o BNG entende que o proceso para a liquidación dos activos aínda non está fechado. “E mesmo hai prazo”, remarca Queixas, “para a presentación de alegacións á proposta formulada polo administrador concursal”.

Alu Ibérica pode salvarse se houber vontade política por parte dos gobernos galego e estatal e nesa dirección é fundamental que a Xunta reaccione e desande un camiño marcado pola “ausencia dunha política industrial digna de tal nome”.

A iniciativa de Queixas –que, alén da proposición non de lei, rexistrou tamén unha interpelación e preguntas orais e por escrito- pretende que o Plan Industrial estea rematado “e a disposición no momento máis oportuno do punto de vista xurídico”, de modo a garantir a “continuidade do emprego e da actividade industrial”.

A xuízo do BNG, ese Plano debe ter os seguintes alicerces: contar coa participación da Xunta e do Estado no accionariado (aínda que sexa de forma temporal mentres non se asegurar a estabilidade do proxecto), comprometer socios industriais solventes e asegurar un fornecedor de enerxía que garanta un prezo competitivo e estábel.

Na exposición de motivos da proposición non de lei, que se someterá a debate no Pleno da cámara, Queixas afirma que “non por advertido deixa de causar indignación o despedimento de todo o cadro de persoal” e subliña que as e os traballadores viviron ao longo destes anos “mudanzas na titularidade da fábrica, incumprimentos en materia laboral de todo tipo e mesmo comportamentos delituosos” por parte dos últimos propietarios da empresa.

O BNG presenta no parlamento unha proposición non de lei para que a Xunta promova un plan industrial para a factoría coruñesa que garanta os 300 empregos