BNG | nota de prensa

O BNG ve no proxecto da pasarela un novo exemplo de que a Xunta desatende as necesidades prioritarias da cidade e da comarca

A deputada nacionalista Mercedes Queixas pide no Parlamento unha copia do proxecto, aínda descoñecido polos concellos afectados, A Coruña e Oleiros

O BNG ve no proxecto da pasarela un novo exemplo de que a Xunta desatende as necesidades prioritarias da cidade e da comarca
Mercedes Queixas na Conferencia Prensa
Mercedes Queixas na Conferencia Prensa

A Coruña, a 2 de maio de 2022. O proxecto de construción dunha pasarela entre As Xubias e a praia de Santa Cristina é un novo exemplo de que a Xunta da Galiza gobernada polo PP “desatende as necesidades prioritarias” da cidade e da comarca da Coruña, afirmou esta mañá en conferencia de prensa a deputada do BNG no Parlamento galego, Mercedes Queixas.

“O PP desatende as necesidades prioritarias da Coruña e volve mostrar que non ten proxecto nin para a cidade nin para a comarca. Substitúe a política real –a que ten que ver coas súas competencias en materias como os servizos públicos (sanidade, educación, industria, vivenda)- pola propaganda”, avaliou a parlamentar.

 “O PP non ten proxecto para a perda de poboación, para a desindustrialización, para reforzar os servizos públicos, para ofrecer alternativas de vivenda pública á mocidade, para garantir unha vellez digna con oferta de prazas públicas en centros de día e residencias. Tampouco ten alternativas para o comercio local e as pemes...”, denunciou. “En realidade, o único que se lle ocorre ao PP cando pensa na Coruña é propor a construción dunha pasarela. Xa aconteceu coa que fixo para Marineda City. É todo o que sabe facer na nosa cidade”, acrecentou.

Queixas compareceu perante os medios para informar sobre a presentación de diversas iniciativas –pregunta oral, por escrito, interpelación ao Goberno galego- en relación ao proxecto. Como este non foi aínda presentado formalmente pola Xunta nin sequera ás outras administracións afectadas (concellos da Coruña e Oleiros, e o Estado, dado que a pasarela atinxe terreos que son dominio público marítimo terrestre), a parlamentar acóllese ao artigo 9 do regulamento do Parlamento e solicita que lle sexa facilitada unha copia do expediente en que se contén o proxecto da pasarela.

“Expertos ambientalistas e de mobilidade teñen cualificado o proxecto como unha aberración, como un proxecto do pasado. É xusto o que é o PP, un partido do pasado”, dixo Queixas, quen denunciou que a pasarela, tal e como a formula o Goberno galego, presentaría un “grave impacto ambiental ao afectar o cordón dunar” de Santa Cristina e ao producir “a alteración da forma natural da praia”, a modificar tamén “as dinámicas dos fondos mariños e praias somerxidas da Ría”, todo o cal traería consigo unha indubidábel deturpación da paisaxe.

No mesmo sentido, puxo en destaque Queixas que até o propio estudo ambiental previo ás obras de dragaxe da Ría do Burgo alertaba de que na duna da praia de Santa Cristina se acha unha planta en perigo de extinción, a Linaria Polygafolia, para a cal se estabeleceron mecanismos de control e protección e que loxicamente se vería seriamente ameazada pola pasarela.

Ante un PP que “desatende A Coruña e a súa comarca e opta pola “política da propaganda”, o BNG pide diálogo cos concellos afectados e tamén “contraste cos colectivos ambientalistas e de mobilidade que están a facer propostas alternativas como a de aproveitar a Ponte Pasaxe para na súa parte inferior habilitar un espazo para o tránsito de peóns e bicicletas”.

“Para A Coruña o BNG quere unha mobilidade sostíbel e non unha publicidade e unha propaganda insostíbeis”, concluíu.

Comentarios
O BNG ve no proxecto da pasarela un novo exemplo de que a Xunta desatende as necesidades prioritarias da cidade e da comarca