MEDIO AMBIENTE

O BNG reclama que o goberno estatal cofinancie o saneamento da Ría do Burgo

Ana Miranda critica que o desleixo de PP e PSOE impide que o dragado estea executado pase a que o Bloque levou este tema á Eurocámara en 2012

O BNG reclama que o goberno estatal cofinancie o saneamento da Ría do Burgo
Visita ría do Burgo
Visita ría do Burgo

Vigo, 5 de setembro de 2019.- A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, reclama que o goberno estatal cofinancie o saneamento integral da Ría do Burgo despois de que Bruxelas dera o visto bo ao cambio de criterios dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) que permite acometer o dragado desta ría. “Xa non hai escusas para que o Estado siga eludindo asumir a súa parte no financiamento da limpeza do Burgo”, subliña.

Miranda lembra que xa en 2012 o BNG levou á Eurocámara o problema do saneamento do Burgo e incluso unha delegación de eurodeputados e eurodeputadas visitou a zona en dúas ocasións. “Pero desde entón os avances no saneamento foron mínimos e por iso a Comisión de Peticións, en xaneiro deste ano, decidiu manter aberta a reclamación sobre a limpeza desta ría”, sinala a portavoz nacionalista en Europa.

“Una vez que a Comisión Europea decidiu acceder á modificación dos criterios dos fondos FEDER, o goberno central ten que mollarse para acadar o financiamento completo que precisa a execución da obra”, salienta Ana Miranda, para quen “é inadmisible o desleixo de PP e PSOE ao longo dos anos”, pese as numerosas protestas da Confraría de Pescadores e da veciñanza do Burgo en defensa do saneamento e a súa participación na Comisión de Peticións da Eurocámara.

Iniciativas parlamentares

Precisamente a portavoz do BNG en Europa, ademais das súas intervencións na Comisión de Peticións, tense dirixido en diversas ocasións á Comisión Europea e desenvolto diversas iniciativas co obxectivo de conseguir avances no proxecto. Así, recorda que nas reunións celebradas en febreiro deste ano coa Comisión Europea confirmáronlle que o Estado non solicitara aínda os fondos que estaban dispoñibles a nivel europeo. E xa en marzo recibiu unha nova confirmación do executivo comunitario a unha pregunta parlamentar na que reafirmaban a ausencia da petición de fondos.

Ana Miranda salienta que o estado da ría do Burgo supón non só un gran problema medioambiental, senón tamén económico e laboral, xa que nesta ría chegaron a desenvolver a actividade extractiva máis de 2.000 mariscadoras, mentres que neste momento son 81 as persoas que se dedican a esta actividade. “É inaudito que seis anos despois da primeira visita da delegación do Parlamento Europeo a ría do Burgo segue sen dragado, sen retirar os lodos e sen analizar por que se produce esa excesiva sedimentación”, manifesta.

Comentarios
O BNG reclama que o goberno estatal cofinancie o saneamento da Ría do Burgo