BNG | nota de prensa

BNG reclama a PSOE e Podemos a declaración de Meirás como lugar de memoria

Néstor Rego alerta que, de non introducir melloras no texto lexislativo, o BNG absterase na votación do próximo xoves e destaca que se trata dunha oportunidade perdida para rematar coa impunidade do franquismo 

BNG reclama a PSOE e Podemos a declaración de Meirás como lugar de memoria
MEIRÁS 1
MEIRÁS 1

Madrid, 8 de xullo de 2022. O Bloque Nacionalista Galego demanda a rectificación do Goberno do Estado sobre a Lei de Memoria Democrática para introducir no texto lexislativo aspectos importantes que permitan rematar coa impunidade do franquismo, así como que se inclúa o recoñecemento do Pazo de Meirás como lugar de memoria. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, alerta que, de non introducir estas cuestións, a lei será unha oportunidade perdida para avanzar e mesmo cualifica de “fraude” a posición dos partidos do Goberno do Estado ante a visión centralista do texto.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, xunto coa voceira do BNG en Sada, Laura Rodríguez, e o investigador e activista da memoria histórica, Carlos Babío, concentráronse diante do Pazo de Meirás ante o rexeitamento de PSOE, UP e PP de recoñecer o edificio como lugar de memoria acompañados de activistas memorialistas. A organización nacionalista alerta que, de non introducir mudanzas na lei neste sentido, tal e como defendía o BNG nas súas emendas, a Lei de Memoria Democrática será “unha fraude” e “unha oportunidade perdida” para rematar coa impunidade do franquismo.

Pola súa parte, o activista Carlos Babío chama a atención sobre a falta de consideración do Goberno do Estado na declaración do Pazo de Meirás como lugar de memoria “tendo en conta que polo Pazo pasaron todo tipo de cargos e todos eles tiveron como denominador común a memoria”. De facto, toda a argumentación da sentenza xudicial  relata como o Pazo foi sede da xefatura do Estado e está vinculada á memoria histórica. “Non se entende que se negue a declarar un espazo de memoria como é o Pazo porque, ademais, esa declaración non tería vinculación xurídica” afirma Babío.

E, neste sentido, o deputado do BNG nas Cortes lembra que entre as múltiples emendas rexistradas a organización nacionalista presentou una dirixida a recoñecer o Pazo como lugar de memoria. “PSOE, UP e PP terán que explicar porque votaron en contra desta emenda, cando si deron o seu apoio a recoñecer esta mesma consideración ao Forte de San Cristobal  en Nafarroa e mesmo a devolución ao Concello de Donosti o Palacio da Cumbre” subliña Rego.

Para Rego, esta diferenza de criterio “non é xustificábel” e simboliza “o desprezo a máis de 40 anos de loita cívica e democrática para a recuperación do Pazo de Meirás. Unha loita vitoriosa froito do traballo e as mobilizacións da sociedade galega”. Neste sentido, o deputado nacionalista lembra o traballo da sociedade galega no seu conxunto e o traballo do BNG que, inclusive, ten aínda militantes activistas pendentes de xuízo por manifestar a favor da memoria.

O portavoz nacionalista no Congreso destacou que “PSOE e UP néganse a derrogar os artigos 2 e) e f) da Lei de Amnistía, como se negaron hai catro meses a tomar en consideración unha Proposición de Lei que demandaba a reforma do Código Penal para poder investigar e xulgar os crimes do franquismo”. Porén, esta situación non vai resolver introducindo na lei como criterio interpretativo que o texto se aplicará ao amparo do dereito internacional e dos pactos, acordos e tratados que ten asinado o Estado español. “Esta mesma declaración xa está recollida no artigo 10.2 na Constitución Española, e así como no artigo 96, mais esa obriga constitucional non permitiu abrir ningún tipo de caso de investigación de ningún dos numerosos crimes do franquismo, polo que esta nova previsión do xa recollido non vai servir para acabar coa impunidade” subliña o deputado nacionalista. 

Rego considera que nesta lei recóllense avances, nalgúns casos bastante importantes en comparación coa Lei de 2007, mais tamén entende que non é todo o ambiciosa que debera e podería ser para rematar coa impunidade do franquismo. Esta postura está apoiada, ademais de polo BNG, polo conxunto das organizacións memorialistas do Estado. “Estamos diante dunha fraude, por non dar pasos adiante para permitir a investigación, e tamén resulta decepcionante que non se avance na restitución e devolución do patrimonio incautado polo franquismo, tema no que se recolle a posibilidade de resarcimento mais non se recolle a devolución” destaca o deputado do BNG.

BNG reclama a PSOE e Podemos a declaración de Meirás como lugar de memoria