BNG | nota de prensa

O BNG esixe á Xunta compromiso real para impulsar un proxecto alternativo de futuro para Alu Ibérica Coruña

Mon Fernández recrimina ao Goberno galego que o seu manifestado apoio previo á fábrica “non significou absolutamente nada” á hora de salvala.

O BNG esixe á Xunta compromiso real para impulsar un proxecto alternativo de futuro para Alu Ibérica Coruña
Mon Fernández
Mon Fernández

Santiago de Compostela, 8 xullo 2022.- O portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, reclamou á Xunta no Parlamento galego que abandone a súa inacción e actúe para garantir a actividade e o emprego en Alu Ibérica, na Coruña, fábrica que se atopa agora mesmo en fase concursal.

Nunha pregunta parlamentaria na Comisión de Industria, Fernández pediu ao Goberno galego información concreta polo interese da empresa Showa Denko nos terreos da fábrica e se nel hai un plan industrial serio, con prazos, orzamento, previsión de contratacións -e se esta inclúe ao persoal despedido- e plan financeiro, así como se ese posible plan “está condicionado á obtención de fondos europeos, se podería ser abondo coa financiación que poida achegar a Xunta a través dos fondos de transición xusta ou se depende dos fondos Next Generation”, cuestións que o director do Igape eludiu detallar na súa resposta. 

En todo caso, o deputado nacionalista emprazou ao Goberno galego a adoptar un compromiso real coa continuidade da actividade e a explicar cal é o seu plan para garantir a actividade e o emprego: “déanos conta de que está a facer a Xunta e se está disposta a facer algo que se poida cuantificar, porque o resto, descúlpeme, pero non son contas, son contos”, incidiu, logo de recriminar ao Executivo que a súa falta de planificación para reindustrializar Galiza e a súa incapacidade para desenvolver un plan de continxencias para empresas en crise contribuíse á situación actual da fábrica.

“A crise de Alu Ibérica é outro exemplo da política da Xunta do PP en materia industrial que se resume en máis de 10.000 postos de traballo destruídos no sector nos últimos 12 anos, case 1.000 empregos destruídos por ano, incapaz ademais de salvar a ningunha das empresas en crise. A ningunha”, enfatizou, para engadir a continuación, que no caso da factoría coruñesa afecta a 300 familias, “enganadas polos dous gobernos, que lles prometeron por activa e por pasiva que habían de ter o seu apoio e que a fábrica se salvaba”. “Vostedes limítanse a acompañar aos traballadores e traballadoras (é unha expresión da que gosta moito o vicepresidente Conde), acompañalos á porta de saída”, reprobou con severidade. 

Nesta liña, criticou tamén que estando xa na fase de liquidación do concurso, “onde se lles dixo que había que chegar para poder actuar, agora resulta que non se pode facer nada porque todo depende do xulgado”, unha posición inadmisible como goberno do País e que, segundo estendeu, tamén se pode comprobar nos casos de Barreras, Vulcano ou Alcoa San Cibrao. “E cando non son os xulgados, son as transnacionais, como Siemens-Gamesa, Vestas ou agora Albo, ou mesmo o Goberno do Estado cos centros de Navantia na ría de Ferrol”, afondou para concluír “que decida calquera e que decidan o que queiran; e vostedes pretenden convencernos de que teñen un plan estratéxico para Galiza”. 

Fernández reprochou ao director xeral do Igape que deixara patente na súa intervención que pese ao ‘apoio’ da Xunta á fábrica coruñesa e mesmo a declaración de sector estratéxico, “contar co apoio da Xunta non significou absolutamente nada, coma en tantos outros casos”. “Agradecemos que non teña vostede reparos en recoñecer que no caso de Alu Ibérica, por tempo non foi; sorpréndenos, iso si, que o diga sen rubor, como se vostede non tivera nada que ver co asunto”, reprendeu.

Logo de asegurar que o Plan Estratéxico de Galiza 2022-2030 que vén de presentar a Xunta “confirma que están vostedes instalados na ciencia-ficción” ao partir de previsións económicas inconsistentes e desactualizadas, o portavoz nacionalista de Industria rematou a súa intervención agardando que “polo menos algún dos últimos proxectos anunciados que a Xunta di apoiar non sexan novos capítulos de serie de ciencia-ficción na que continúan instalados vostedes”.  

O BNG esixe á Xunta compromiso real para impulsar un proxecto alternativo de futuro para Alu Ibérica Coruña