BNG | nota de prensa

O BNG urxe á Xunta a investigar e corrixir as irregularidades da concesionaria das liñas de bus A Coruña-As Mariñas-Ferrolterra

Paulo Ríos advirte do novo incumprimento da UTE adxudicataria ao non contar cos servizos comprometidos nas oito bases operativas ofertadas 
O BNG urxe á Xunta a investigar e corrixir as irregularidades da concesionaria das liñas de bus A Coruña-As Mariñas-Ferrolterra
Paulo Ríos
Paulo Ríos

Santiago de Compostela, 28 abril 2022.- O deputado nacionalista Paulo Ríos urxiu á Xunta no Parlamento galego a investigar e corrixir as irregularidades nas que segue incorrendo a UTE concesionaria do servizo de transporte público de autobús nas liñas que comunican A Coruña con Ferrolterra e a comarca das Mariñas.

Segundo advertiu Ríos nunha pregunta en comisión parlamentaria, a UTE adxudicataria do lote destas liñas de transporte de viaxeiros por estrada -UTE integrada por Mombús e Hércules Norte- está a incumprir os compromisos adquiridos na adxudicación, tanto no referente aos tempos de resposta en relación ás bases ofertadas, como á súa localización e ás características das mesmas.

Así, o deputado do BNG recordou a redución de horarios en franxas fundamentais para traballadores e traballadoras, estudantes ou calquera persoa que precise o desprazamento para calquera xestión; o quebrantamento das horas publicadas, a constancia de desperfectos graves nos vehículos ou o non cumprimento dos quilómetros establecidos nos contratos, así como as condicións precarias de traballo ás que están sometidas ás e aos acompañantes no servizo de autobús escolar nestas comarcas.

Logo de apuntar tamén que usuarios e usuarias veñen de alertar recentemente sobre aperturas de portas en plena autoestrada ou sobre a imposibilidade de acceder ao servizo por falta de prazas no autobús, Ríos advertiu na súa pregunta sobre os tempos de resposta que a UTE establece para acudir cando existe unha avaría ou problema con algún dos vehículos en calquera parte da ruta.

Neste sentido, explicou que as bases ofertadas por esta UTE deberan estar situadas na Coruña, A Coruña (estación de autobuses), Betanzos, Ferrol, Ferrol (estación de autobuses), Bergondo, Aranga e Pontedeume, con diferentes servizos como o de cocheras, oficinas, taller e centros operativos. “Destas oito bases, actualmente só unha, a de Ferrol, cumpre cos servizos que recolle a oferta da empresa, mentres que as outras sete carecen dalgúns dos servizos ofertados ou ben directamente non existen ou incumpren os servizos para a UTE Hércules Norte”, reprobou.

Nesta liña, censurou que, no caso da base ofertada no concello de Miño, “o centro de traballo que oferta a UTE corresponde á dirección dunha correduría de seguros, mentres que a ofertada no concello de Sada corresponde a unha tenda de venda de artigos náuticos”. Ao seu xuízo, isto implica falsidade documental no proceso de licitación tanto no que corresponde á existencia e servizos das bases ofertadas, como nos tempos de resposta que se derivan das mesmas.

“Todo isto acontece mentres a Xunta permite todas estas irregularidades en único beneficio da empresa e en detrimento dos usuarios e usuarias, que sofren uns tempos de resposta ante calquera problema no vehículo, moi superiores aos ofertados, así como tamén en detrimento doutras posibles empresas concorrentes a esta licitación debido á puntuación acadada ligada á falsidade documental na oferta da UTE Hércules Norte”, incidiu. “Quen traballa para quen: o grupo empresarial para a Xunta ou viceversa?”, concluíu para reclamar unha vez máis ao Goberno do PP que efectúe as labores de control, inspección e, se fose preciso, de sanción neste lote, “algúns deles que constitúen a propia extinción do contrato”.

Comentarios
O BNG urxe á Xunta a investigar e corrixir as irregularidades da concesionaria das liñas de bus A Coruña-As Mariñas-Ferrolterra