Defende Meirás | nota de prensa

“É inadmisíbel a indiferenza da Xunta na protección de Meirás”

A Iniciativa Defende Meirás insiste en que está en mans da Consellería de Cultura pechar definitivamente a porta o intento de rapina dos Franco cos bens móbeis do Pazo e pide o conselleiro que deixe de utilizar o asunto para facer oposición o Goberno do Estado.

“É inadmisíbel a indiferenza da Xunta na protección de Meirás”

Sada, 21 de maio de 2021. -  “É inadmisíbel a indiferenza da Xunta na protección de Meirás. Toda a responsabilidade recae nestes días decisivos sobre o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e todo o movemento memorialístico do país estalle a pedir que actúe, que colla o catálogo de bens móbeis do Pazo, que o publique no DOGA e garanta a protección de todos eses bens contra a rapina dos Franco. Así de simple, así de rápido. Pero non o fai, e por riba enlama o debate para non se mover. E se non se move, tempo que perde a loita pola memoria democrática deste país e tempo que gañan os Franco. De que parte está Román Rodríguez? Quedar quieto é avalar a impunidade”, afirma Carlos Babío, portavoz da Iniciativa Defende Meirás, que sumou máis de mil sinaturas nunha petición de apoio nas Redes e centos de adhesións das memorias de Galiza para impedir que os Franco consumen un novo espolio en Meirás.

A Iniciativa Defende Meirás lémbralle a Román Rodríguez que está nas súas mans aumentar o nivel de protección dos bens que contén o Pazo de Meirás e denuncia o intento do conselleiro de Cultura de desviar a atención sobre as súas responsabilidades na defensa dun espazo e duns bens que recuperou a mobilización da sociedade galega e, detrás, das institucións democráticas do país, tal e como subliñou a xuíza na sentenza que a finais de 2020 obrigou aos Franco a entregar as chaves.

A Iniciativa Defende Meirás, que xa mostrou as súas críticas coa tardanza e a timidez do Estado en reaccionar diante da ameaza dos Franco de retirar bens móbeis de Meirás, considera que na cuestión da ampliación da protección deses bens a través da figura do BIC a posición do Estado é “impecábel”, en palabras de Babío. “O único que fai o Estado é dicirlle á Xunta que exerza as súas competencias. O mesmo que lle reclama a sociedade civil galega desde o movemento memorialista”, insiste Babío. E engade: “non se entende que a mesma Administración que acaba de incoar o procedemento de declaración de BIC para a biblioteca de Pardo Bazán que está no Pazo, non actúe coa mesma dilixencia para protexer o resto de bens, e veña dicindo que ten que firmar un convenio do Estado para facelo, cando non precisou de convenio ningún para protexer o legado de Pardo Bazán”.

“En que quedamos? Hai bens que interesa protexer e bens que non interesa para lles facilitar os Franco o novo espolio? Ou do que se trata e de liar até o infinito o debate sobre Meirás para que non podamos avanzar na súa resignificación como espazo de memoria e a súa incorporación definitiva á memoria democrática do pobo galego?”, pregúntase Babío.

A Iniciativa Defende Meirás convocará para o 19 de xuño unha mobilización cidadá no Pazo de Meirás para mostrar a forza da reivindicación da sociedade sadense, coruñesa e galega.

Comentarios
“É inadmisíbel a indiferenza da Xunta na protección de Meirás”