Memoria Celanova | Nota de prensa

Localizada a filla dun dos asturianos fusilados en Celanova en 1939

A familia de Marcelino Fernández, como no caso da familia de Abelardo Suárez, ten o desexo de que se proceda á exhumación.

Localizada a filla dun dos asturianos fusilados en Celanova en 1939
Fosa dos asturianos no cemiterio parroquial de Celanova
Fosa dos asturianos no cemiterio parroquial de Celanova

O Goberno de Asturias reafirmou, en conversa coa presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, a súa vontade de promover a exhumación da fosa dos sete asturianos.

Marcelino Fernández García tiña 21 anos e unha filla de dous anos cando foi fusilado por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos contra o muro do cemiterio de Celanova a mañá do 22 de setembro de 1939, e soterrado nunha fosa común no propio camposanto.

Oliva, a súa dona, veu visitalo uns meses antes e trouxo á nena para que Marcelino a coñecese. Viaxaron de Xixón a Celanova despois de facer unha colecta entre as veciñas. E estiveron uns días na vila grazas a xenerosidade da familia da casa na que pararon, lembra Josefa Fernández Gutiérrez, a filla, a quen o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova localizou a través da Consejería de Presidencia do Goberno de Asturias.

Oliva e Josefa volveron a Celanova nos anos setenta. Querían topar a tumba de Marcelino. Oliva escribiu unha carta que figura no expediente carcerario do seu home, con data do 11 de maio de 1979, na que reclamaba os seus dereitos como viúva. Morreu con 74 anos despois dunha vida “moi dura, vivindo as dúas alugadas, ela traballando en casas, case sen cartos para comer... nunca superou a morte do meu pai”, di Josefa nunha conversa telefónica co Comité na que se mostra decidida a volver a Celanova. Quere visitar a tumba e honrar a seu pai. Quere facer as probas de ADN e promover a exhumación.

Contará coa colaboración do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, e do Goberno asturiano. A Consejería de Presidencia, que participou na homenaxe celebrada en Celanova hai hoxe xusto un mes, xa mostrou a súa vontade de proceder á documentación e á exhumación da fosa dos 7 asturianos. En conversa coa presidenta deste Comité, Celia Inés Feijoo Soto, responsábeis da Consejería de Presidencia, reiteraron a súa disposición despois de que se teñan localizado dúas familias.

A comezos de outubro, Gracia Gutiérrez, neta de Abelardo Suárez Del Busto -outro dos fusilados-, visitou a tumba e entrevistouse con membros do Comité. Gracia é un dos tres familiares directos vivos de Abelardo.

Os sete presos fusilados aquela mañá do 22 de setembro de 1939 en Celanova son:

  • Abelardo Suárez del Busto, 28 anos, albanel, natural de Xixón.
  • Alfonso Moreno Gayol, 26 anos, chofer, natural de Salamanca.
  • Baldomero Vigil Escalera Vallejo, 19 anos, pintor, natural de Xixón.
  • Belarmino Álvarez García, 29 anos, mineiro, natural de Sama de Langreo.
  • Guillermo de Diego Álvarez, 25 anos, chofer, natural de Mieres.
  • Marcelino Fernández García, 21 anos, mecánico, natural de Mieres.
  • Mariano Blanco González, 36 anos, litógrafo, natural de Xixón.

O Comité iniciou a investigación sobre a fosa a finais de 2020. As publicacións do historiador Domingo Rodríguez Teijeiro, da Universidade de Vigo, e as fontes orais achegaron as primeiras pistas. O Comité publicou as actas de defunción dos 7 homes e, a continuación, deu a coñecer as causas que permanecen no Arquivo Militar de Ferrol. Esa documentación enviouse tamén á Dirección General de Memoria Democrática, da Consejería de Presidencia del Gobierno de Asturias. A directora general de Memoria, Begoña Serrano, mostrou desde o primeiro momento a disposición do seu departamento a colaborar co Comité. E esa colaboración concretouse na participación do Gobierno asturiano na primeira homenaxe os 7 asturianos celebrada en Celanova o 25 de setembro.

En xuño de 2021, o Comité realizou diferentes publicacións nas redes sociais e en medios de comunicación estatais, asturianos e galegos seguindo o fío da historia de Marcelino Fernández García, porque grazas á persistencia de Oliva era a que ofrecía máis datos sobre a súa familia. Durante meses, e malia a insistencia e axuda de activistas asturianos da memoria, non se conseguiu avance ningún sobre o nome daquela nena que levaba os apelidos Fernández Gutiérrez e que debía ter entre 82 e 83 anos de idade segundo o rexistro dos datos familiares de Marcelino no cárcere de Celanova.

Foron os seus fillos os que se puxeron en contacto do Goberno de Asturias en canto tiveron noticia da recente homenaxe en Celanova a uns asturianos fusilados alí rematada a guerra. Agora, Josefa Fernández Gutiérrez, que tiña apenas un mes cando seu pai foi capturado polos fascistas no porto de Xixón o 21 de outubro de 1937, prepárase para vir por terceira vez a Celanova e poder honrar, por fin, a memoria daquel rapaz, seu pai.

Comentarios
Localizada a filla dun dos asturianos fusilados en Celanova en 1939