Mil veciñas e veciños, organizadas xa nos GAM que empezan a cooperar nos barrios

“A iniciativa naceu o venres pasado [o día 13 de marzo] e a día de hoxe hai xa organizadas máis de 1.100 persoas en doce barrios da Coruña”, di un dos impulsores.
 
Mil veciñas e veciños, organizadas xa nos GAM que empezan a cooperar nos barrios
Foto da web dos GAM da Coruña
Portada da web. Abaixo: o espazo para contar historias, e un dos recursos para pasar avisos ás vecñas e veciños.

“En realidade, non hai máis fin, polo de agora, que o de recoñecernos e acompañarnos ante unha crise sen precedentes e as súas consecuencias. Todas as accións que xurdan e que sirvan para iso, están camiñando pola mesma beira”, explica a Entre Nós dixital Diego Jiménez, veciño de Monte Alto e un dos impulsores da iniciativa dos Grupos de Apoio Mutuo (GAM) que agroman estes días na Coruña, que se organizan por barrios a través de grupos de Whatsapp e Telegram mais teñen vontade de intervir con accións de auxilio á veciñanza con dificultades para cubrir as súas necesidades básicas estes días de coronavirus. É unha rede solidaria na que xa se integran, informan e empezan a cooperar máis dun milleiro de veciñas e veciños.

A idea xurde “dun grupo moi pequeno de persoas, activistas dos barrios, e non estivo vinculado a ningunha iniciativa política concreta”, explica Jiménez, que fundou o primeiro en Monte Alto e A Pescaría e lembra os obxectivos recollidos nun texto que aparece na web que acaban de lanzar á Rede: “Este grupo nace co fin de detectar necesidades de persoas en situación de vulnerablilidade e organizar solucións de proximidade (…) Se tes algunha información importante compártea (…) Se tes algunha necesidade ou coñeces dalgún veciño que precise ou poida precisar algún tipo de axuda en relación á crise do coronavirus comparte neste grupo”.

Historias na web dos GAM da Coruña“A partir de aí foi espallándose a persoas do barrio e tamén doutros lugares, que pedían asesoría para lanzar o GAM no seu barrio. Por esta razón naceu a proposta de publicar unha web onde estivesen todos estes recursos. Foi un movemento espontáneo. Naceu o venres pasado [o día 13 de marzo] con dúas persoas e a día de hoxe hai xa organizadas máis de 1.100 persoas de 12 barrios, e réplicas, que nós saibamos, en Ourense, Vigo e Compostela”, conta o impulsor. “É difícil coñecer o número de activas... serán ao redor dun 20% do total”, indica. 

Os GAM pretenden tecer redes comunitarias que coiden do barrio, que nos permitan estar en alerta do que acontece e responder ás necesidades urxentes que poidan xurdir, agora que o contacto e a relación física son tan limitados. 

Vimos que había unha situación de emerxencia que estaba a golpear as xa febles redes comunitarias"

A día de hoxe publican unha web, “que sirve de centralita de recursos, historias e accións”, e xestionan doce GAM de barrio, cun total de 18 grupos entre os de Telegram e os de Whatsapp. Onte abriron conta de Twitter. “E estamos en conversas con Coruña Developers para ver a posibilidade de contar cunha ferramenta online para conectar demandas de axuda con xente que pode botar un cabo”.  

Non houbo unha inspiración concreta, di Diego Jiménez. “Vimos que había unha situación de emerxencia que estaba a golpear as xa febles redes comunitarias, nun escenario de agresión aínda maior contra os nosos dereitos. É necesario organizarse comunitariamente para enfrontar as crises”.

E explica que cada grupo vai tendo as súas propias dinámicas. Hainos máis activos na identificación de xente con problemas (especialmente de persoas maiores que viven soas); e outros que empezaron a funcionar como canle de novas, de recursos e propostas de acción. 

Diego pensa que os GAM están a servir, en primeiro lugar, “para sabernos comunidade, decatarnos que non estamos sos e soas e que hai veciños e veciñas ao noso lado, coma nós, preocupadas polo que acontece”. Pensa que isto é importante agora, “pero será fundamental” cando o problema se converta nunha crise aínda máis dura. 

O futuro… nas próximas semanas

Aviso para veciñas e veciñas. Un dos recursos que ofrece a web“As crises, as agresións que estamos padecendo, os ataques contra o público e o común... todo nos reafirma en que temos que dar respostas colectivas”. Aínda que “non houbo un plan inicial, si é claro que iso estaba nas cabezas das persoas que comezamos”, di o activista, que polo de agora confesa que “pensar nunha comunidade física nun escenario de confinamento é complicado”. Mais advirte que andan a tecer, “ou mellor, a recrear”, comunidades nos barrios e na cidade. “Veremos como se desenvolve a idea…”. Xa están en marcha iniciativas semellantes en Vigo, Compostela e Ourense, con esta última cidade xa manteñen contacto. 

As crises, as agresións que estamos padecendo, os ataques contra o público e o común... todo nos reafirma en que temos que dar respostas colectivas”

Mil veciñas e veciños, organizadas xa nos GAM que empezan a cooperar nos barrios