Ensino

Carme Fiaño, Mestra de Primaria do CEIP María Pita: "Temos que comezar a pensar en solucións máis colectivas e menos individuais"

Falamos con Carme Fiaño, Mestra de Primaria do CEIP María Pita sobre á volta á Escola en plena Pandemia. Leva máis de 30 anos de ensinante.

Carme Fiaño, Mestra de Primaria do CEIP María Pita: "Temos que comezar a pensar en solucións máis colectivas e menos individuais"
Carme Fiaño, Mestra de Primaria do CEIP María Pita
Carme Fiaño, Mestra de Primaria do CEIP María Pita

Carme, como está sendo a volta á Escola?

O comezo do curso en primaria está indo, en xeral ,razoablemente ben. A Concellería de Educación descargou totalmente nos equipos directivos a organización de todo nos centros: a loxistica, sinalización, etc. Todo o verán estiveron traballando e os centros están preparados para o inicio do curso.

Cantos nenos e nenas hai por aula?

No meu centro, por exemplo, hai aulas que se desdobraron (cando un curso pode ter mais aulas, polo tanto menos nenos/as por aula) e outras non. Temos aulas con 25 ou 26 e algunas con 17 ou 19. A min tocoume a lotería este curso, teño 17 nenos/as. Estar 25 ou máis nunha aula, iso é unha tolería, tanto para atender a todos ben como para as medidas de seguridade

Nun primeiro momento, a Ministra de Educación dixo que o ideal eran 15 nenas/os por aula. Todos estabamos encantados; iso é xenial, podes atender a todos, dentro da gran diversidade que hai nunha aula. Esta era a ocasión para cambiar a ratio, que tanto tempo levamos loitando por isto. Ter a 15 nenos/as nas aula, supón que poidas atender a todos/as, a quen vai mais lento, a quen tes que apoiar máis porque seguramente na casa non ten axuda, etc. Con 15 dache tempo e podes atender a cada un, con 25 como suxiere a Consellería non podes. Podes ter a intención de facelo, pero na práctica é imposíbel.

A Consellería de Educación está facendo o que ten que facer?

Non, a Consellería non está a facer o que ten que facer. Non empezou a preparar o curso desde o principio do verán, non contratou profesorado, non cambiou a ratio por aula, o presuposto para os centros é o mesmo que o do ano pasado e os centros téñense que facer cargo do hidroxel, papel, etc. todos os materiais que se precisan coa pandemia, Non se fai cargo do gasto de limpeza extra que xenera a pandemia; ese gasto, ao final, corren os concellos con el. Tampouco costea as máscaras dos nenos/as, cada un ten que levar a máscara que leva posta mais unha de reposto, isto recae sobre as familias.

Educación é competencia da Xunta de Galicia, convén lembralo.

Hai espazos nos Centros para poder abrir mais aulas?

No caso do meu centro si, o CEIP María Pita é moi grande, hai moito espazo; noutros centros hai menos espazo. Sería ideal poder utilizar máis aulas con 15 nenos/as, pero se precisa contratar profesorado e a Xunta non está contratando. Para os centros onde non hai espazo, na cidade temos bibliotecas públicas e centros cívicos, que pola mañá están baleiros, podíanse poñer ahí aulas, sería moi doado, están nos mesmos barrios, pero necesítase máis profesorado.

Por exemplo, o IES Agra do Orzán, tivo unha idea estupenda, vai haber aulas no Ágora. Iso pódese facer en todos os centros cívicos e bibliotecas da cidade. Outro exemplo: abriu un novo CEIP en Novo Mesoiro, e para aforrar un docente, non habilita unha das aulas e na outra están 25 nenos e nenas, dous deles con necesidades especiais. No colexio Concepción Arenal hai tres aulas de infantil que non teñen ventás, non se pode ventilar. Están recomendando que se ventile o máis posible, iso non se sabía?, como é posible isto?.

O IES Fernando Wirtz Suárez, que está na zona de Catro Camiños, lin na prensa que teñen un problema, se abren as ventás para ventilar, co ruido dos coches de Alfonso Molina non te enteras de nada, porque os coches pasan “zumbando”. Están pedindo ao Concello que poñan unha redución de velocidade nesa zona.

As Anpas estanse movilizando ante esta situación?

A información da que dispoño é que algunhas si se están mobilizando: a de Novo Mesoiro, a do Concepción Arenal, a do Rosalia de Castro... Isto sucede nas cidades. Sempre estabamos a tope, esta era a situación ideal para facer aulas humanas, 15 nenos /as ideal, 20 como máximo, era o momento de facer o cambio, pero se fixo o mínimo. No rural non existe este problema, alí teñen menos nenos e nenas, as aulas son de 15 máis ou menos, en xeral están moito mellor.

En que inflúe dar clases a 15 ou a 25 nenas/os?

Cunha aula de 15 nenos dás unha educación personalizada, podes atender realmente a cada un, con 25 é imposibel. Falas para todos, e quédanseche moitos polo camiño, hai nenos/as que necesitan mais atención, mais reforzo, temos que cubrir todas esas necesidades de atención na escola, con 15 podes facelo, con 25 non podes. A intención podes tela, pero na práctica non dás atendido a toda esa diversidade, e ademáis de non poder, chegas agotada a casa. O desgaste é brutal, cada neno/a ten a sua problématica e non dás abarcado todo.

Como vai ser o outono e o inverno?

Pois imaxínate, xa está chovendo..., como facemos? temos as ventás abertas? Que faremos cando faga mais frío?, Seguiremos con elas abertas? Non colleremos o coronavirus, pero unha pulmonía fixo!. Que pasa cos recreos? Non saímos cando choiva? Imos ter a nenas e nenos 5 horas encerrados nas aulas? Imos ver como vai ser, porque non o sabemos, pero imaxinamos... Temos moita incertidume.

Carme, ¿a Educación é competencia das Comunidades Autónomas? Que deberían facer para mellorar esta situación tan complexa?

Si, Educación é competencia total, en este caso, da Xunta de Galicia, non ten matices, a Xunta é a que ten todas as competencias en Educación.

Deberían haber feito, que non o fixeron: Contratar profesorado, mirar a situación de cada centro e xuntarse co profesorado, as anpas, a Consellería de Educación escoitar e coordinarse.

Están improvisando continuamente, non prevén o que pode pasar e están ocupados en non gastar cartos.

A Xunta de Galicia recibiu do Goberno Central cartos destinados a Educación. Nunhas declaracións, Alberto Núñez Feijóo dixo que ía a preguntar se podía destinar eses cartos a outras partidas que non foran Educación. Non sei o que fixo, pero esas declaracións foron recollidas pola prensa. Con esas intencións e co que está a facer a Consellería non se ve ninguna boa disposición.

Que se pode rescatar de positivo de esta situación?

As familias están moi preocupadas co tema da conciliación na pandemia. Eu nisto son bastante escéptica en canto a que as solucións poidan vir de “arriba”. Penso que é un bo momento para pensar máis como colectividade e menos como individuos. Antes botábase man dos veciños, unha veciña podía ir buscar os nenos á escola ou quedar con eles nun momento dado. Creo que temos que ir cara ese tipo de solucións máis comunitarias, deixarnos de tanto individualismo e axudarnos máis entre nós, no mesmo edificio, no barrio...

Esta é unha situación nova. Os universitarios tamén están con toda a incertidume, as clases van ser online, presenciais, semipresenciais? Como vai ser o curso?, Non o saben. Pero hai quen xa está vendo a oportunidade de ter pequenos traballos: facer de canguros, dar clases particulares, etc. Creo que temos que poñernos en contacto uns cos outros e comezar a pensar en solucións máis colectivas e menos individuais.

Comentarios
Carme Fiaño, Mestra de Primaria do CEIP María Pita: "Temos que comezar a pensar en solucións máis colectivas e menos individuais"