Violencia machista

O Concello convida á cidadanía a amosar o seu rexeitamento contra as violencias machistas nunha concentración o domingo en María Pita

A Concellería de Igualdade e Diversidade convoca, no Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, este acto público ás 12.00 horas para o que anima á veciñanza a vestir de negro e no que haberá reparto do material da campaña ‘En negro contra as violencias machistas’

O Concello convida á cidadanía a amosar o seu rexeitamento contra as violencias machistas nunha concentración o domingo en María Pita
A edil Rocío Fraga na presentación da campaña.
A edil Rocío Fraga na presentación da campaña.

A Coruña, 23 de novembro de 2018.- A Coruña celebra o vindeiro domingo o acto central da campaña En negro contra as violencias machistas cunha concentración na praza de María Pita, ao mediodía, coa que se pretende visibilizar o rexeitamento cidadá contra estas violencias. A Concellería de Igualdade e Diversidade convida a todas as veciñas e os veciños da cidade a participar na acción vestidos con roupa de cor negro, como símbolo de dor e respecto por todas as mulleres e menores que sofren violencia. O Concello da Coruña participa por terceiro ano consecutivo nesta iniciativa, á que se adheriron este ano 102 municipios e tres deputacións, e que pretende implicar nesta reivindicación ao tecido económico, asociativo, deportivo, social e cultural da cidade, así como ao conxunto da cidadanía.

Coa conmemoración o vindeiro domingo 25 do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, o Goberno local convoca esta acción de rúa, na que se repartirán dende as 11.00 horas diversos materias cos lemas da campaña --cuxas gráficas xenéricas se poden descargar en www.ennegrocontraasviolencias.gal e www.coruna.gal/igualdade-- nun posto habilitado nos soportais da praza de María Pita. Ás 12.00 horas terá lugar a lectura do manifesto por parte do alcalde, Xulio Ferreiro, ao que seguirá unha exhibición de Roller Derby. Para finalizar o acto de visibilización do rexeite ás violencias machistas, as persoas serán convidadas a tomar parte dunha foto colectiva cos paraugas rotulados co lema da campaña que se repartirán alí.

O acto do 25-N é o punto álxido dunha campaña que se leva a cabo de maneira intensa nestas semanas de novembro pero que se mantén ao longo do ano en distintos espazos da cidade. Nos últimos días, comercios, empresas, entidades socias, deportivas ou culturais da cidade foron adheríndose á campaña e facendo patente o seu rexeitamento ás violencias machistas nas súas sedes e locais e tamén nas redes sociais, onde se comparten as imaxes cos cancelos #CoruñaEnNegro e #EnNegroContraAsViolencias. A campaña municipal, que este ano fixo especial fincapé no reparto de material nos establecementos de hostalería e ocio nocturno, estendeuse tamén á rede de centros cívicos e de bibliotecas municipais; aos mercados, espazos culturais e instalacións deportivas municipais; e facultades da Universidade da Coruña así como centros de saúde e hospitalarios.

Comentarios
O Concello convida á cidadanía a amosar o seu rexeitamento contra as violencias machistas nunha concentración o domingo en María Pita