Galiza Nova | nota de prensa

Galiza nova presenta Campaña 25 de novembro 2022: “Que arda o medo. Acendemos fachos para iluminar o camiño”

Erea Blanco, Responsable Nacional de Mulleres: “Unha das ferramentas que ten o patriarcado de dominarnos é o medo, que reapareceu neste 2022 coa submisión química”
Galiza nova presenta Campaña 25 de novembro 2022: “Que arda o medo. Acendemos fachos para iluminar o camiño”
25N GalizaNova_RoldaPrensa
25N GalizaNova_RoldaPrensa

Galiza, 3 de novembro de 2022.- Galiza Nova, presenta a campaña do 25 de novembro baixo o lema “Que arda o medo. Acendemos fachos para iluminar o camiño.” co obxectivo principal de loitar contra a violencia machista que sofren diariamente as mozas galegas.

A organización xuvenil do BNG pretende visibilizar a situación das mozas galegas poñendo o foco no medo como unha forma máis de dominación do patriarcado.

“Desde as orixes do patriarcado, este dotouse de ferramentas para frear o desenvolvemento das mulleres e do feminismo. Unha destas ferramentas é o medo. En pleno 2022 (re)apareceu a submisión química como instrumento de terror contra as mulleres e, dalgunha forma, reavivou a sensación de medo que vivimos” sinalou Erea Blanco, Responsable Nacional de Mulleres da organización.

A campaña dá comezo este xoves, e contará cunha parte exclusiva de redes sociais coas que Galiza Nova pretende visibilizar situacións que “diariamente vivimos as mozas galegas” e unha parte externa con actos e actividades abertas para “dotar de ferramentas ás mozas para loitas contra o patriarcado”.

“Este medo ten moitas expresións na vida diaria das mozas galegas: o medo a camiñar soas polas rúas, medo a denunciar, medo a sinalar agresores e/ou agresións, a sufrir agresións...”, engadiu Erea. “É neste punto no que queremos conectar, desde a mocidade nacionalista, coas mozas galegas, compartindo medos e sumando para cada día sermos menos as que teñamos medo. Socializando os medos, falando de como abordalos, analizando as orixes e acreditando nas ferramentas que nos deu o feminismo como as mellores para combatelo” concluíu.

A campaña culminará o propio día 25, día internacional contra a violencia machista, coa participación nas mobilizacións que se convoquen dende o movemento feminista galego. “Animamos a todas a mocidade a saír ás rúas na defensa dos nosos dereitos, para poder vivir libres e sen medo” instou Erea.

Comentarios
Galiza nova presenta Campaña 25 de novembro 2022: “Que arda o medo. Acendemos fachos para iluminar o camiño”