Activistas | 8 de marzo

"Hai que rematar coa sociedade patriarcal e capitalista"

ENTREVISTA | María Gutiérrez Calvete. Bibliotecaria

"Hai que rematar coa sociedade patriarcal e capitalista"
María
María Gutiérrez Calvete. Bibliotecaria

.
Que é a campaña LilAgra?

É un espazo dentro da asociación veciñal que procura facer o que fan os movementos sociais respecto á violencia contra as mulleres: visibilizar, denunciar e esixir.

Parece que a sociedade se está acostumando á violencia de xénero: que habería que facer para eliminala? 

A sociedade estase horrorizando ante a violencia de xénero. Escoitas á xente dicir  con espanto “que está pasando?”, mentres outra xente pensa que agora é cando se ve o que antes se ocultaba. Son cada vez menos as persoas que pensan “algo faría a muller para que a matasen/mallasen nela”. Para eliminar a violencia de xénero hai que rematar coa sociedade patriarcal e capitalista. Van da man. Nos panos de mesa de LilAgra está a pirámide da violencia que culmina co asasinato, máis na base está esa sociedade que comeza por invisibilizar ás mulleres. Cando dicimos: o home descubriu o lume, xa estamos nesa pirámide. Non son casos aillados. O machismo mata.

Que debería facer a administración?

1. Non debe tolerar as agresións nin o desprezo contra as mulleres en ningún medio público.
1.1 O machismo debería ter a categoría do terrorismo.  Se unha persoa di en Facebook, que a unha persoa tiña que vir ETA a matala, aplícaselle a lei antiterrorista e ten sancións (ou mesmo cadea) por incitación ao terrorismo. O presidente do Consello Xeral da Cidadanía no Exterior dixo “as leis son como as mulleres, están para violalas” e non se di que sexa incitación á violación e non lle pasa nada (dimitiu do seu cargo por razóns persoais segundo el mesmo dixo). Nas redes sociais son moi frecuentes os comentarios machistas e misóxinos e é como se chovese. E o mesmo sucede con letras de moitas cancións.
1.2 Nas series de televisión e nas películas o machismo é o  normal. Debería mirarse moito os contidos e equilibrar por cada filme machista, un feminista ou sequera que supere o test de Bechdel, que é considerado un estándar mínimo para evitar a fenda de xénero nos filmes: a) Que haxan, cando menos, dúas personaxes femininas. b) Que, nalgún momento, esas personaxes falan entre elas. c) Que esa conversa trate de algo máis que non sexa un home (pai, noivo…calquera home).
2. Non se debe invisibilizar as mulleres ou convertelas en obxectos.
2.1 Os programas de estudos  eliminan as mulleres que destacan en diversos campos. Isto non pode ser.
2.2 A prensa, a radio e a televisión deberían ter unha revisión de detección do machismo antes de publicar o que publica: Existe o deporte femenino; non se pode decir muller “morta” cando é “asasinada”; non se pode fomentar o estereotipo de home-poder, muller-obxeto sexual.
3. Non se debe dar ningún tipo de axuda pública ou subvencións a ningún espectáculo ou secta/crenza/relixión ou como se lle queira chamar que demonice ás mulleres ou que as despreze. En particular a igrexa católica, que recibe tantas axudas do estado español, mantén que a muller naceu da costela do home e que foi a causa da expulsión do paradiso, glorifica a maternidade sen sexo, veta o sacerdocio ás mulleres… e xa non quero falar da cantidade de pedófilos e violadores que acubilla.
4. A xustiza debe evitar que as mulleres sexan asasinadas. Non coñezo moito de como está a cousa, mais sei de casos de mulleres que teñen orde de afastamento dalgún home e viven aterradas, fuxindo deles. Como pode ser que a víctima sexa a que se agocha e o potencial asasino ande fachendeando de ser perigoso? Cales son as penas para os homes que matan mulleres e cales son as penas para as  mulleres que matan a un acosador? Se o único que fai a lei para protexer ás mulleres é dar orde de afastamento, cando unha muller agride ou mata o seu acosador, debería ser considerado defensa propia. 

Que debemos facer as persoas a nivel individual?

As mulleres especialmente temos que facer un esforzo para detectar os pequenos machismos cotiáns… de ser tan cotiáns nin siquera os ollamos como tales. Detectalos é moi importante, porque xa nos indican que acción debemos tomar, e vou poñer uns exemplos: non rirse de certos chistes e comentarios, non tolerar que invadan o noso espazo persoal, non conceder liderado a quen non nolo mereza, non falar de nós mesmas en masculino e en xeral non facer un uso sexista da linguaxe,… 
e sobre todo preguntarnos que é o que queremos na vida e como nos gustaría vernos a nós mesmas; independentemente de que poidamos levalo a cabo ou non, ter esa imaxe é importante porque o machismo sempre nos está dicindo ás mulleres o que debemos querer e como debemos ser.

Que poden facer os movementos sociais?

Visibilizar. Denunciar. Esixir. E xa o fan. Concretamente o movemento feminista galego, aglutinando diversas agrupacións sociais, políticas e sindicais do país, e ao mesmo tempo formando parte da  Marcha Mundial das Mulleres, un movemento internacional de accións feministas que reúne grupos, organizacións de base e mulleres que traballan para eliminar as causas da pobreza e da violencia contra as mulleres.O que é verdadeiramente noxento é que os medios non  fagan  eco das esixencias deste movemento. A prensa e as cadeas televisivas son propagandistas do poder establecido, que é capitalista e patriarcal. 

Uns exemplos recentes do que organizan na Coruña: Concentracións no Obelisco ao día seguinte de que a prensa publique que unha muller foi asasinada na Galiza; manifestacións, concentracións e recollida de sinaturas en defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos; 

Comentarios
"Hai que rematar coa sociedade patriarcal e capitalista"