ENTREVISTA | ESTUDANTE UNIVERSITARIA, VÍTIMA DE VIOLENCIA DE XÉNERO

"As institucións deberían garantir unha protección máis eficaz das vítimas de violencia de xénero"

Non quere que publiquemos o seu nome. As razóns dáas na entrevista. Pero é fácil imaxinalas.

"As institucións deberían garantir unha protección máis eficaz das vítimas de violencia de xénero"
violencia de xénero
violencia de xénero


Parece que a sociedade se está acostumando á violencia de xénero; Que habería que facer para eliminala?

Desde o meu punto de vista sería preciso concienciar máis a sociedade sobre esta lacra, educando na igualdade e eliminar o machismo existente na sociedade; actualmente a violencia de xénero non só aparece nunha determinada franxa de idade, senón que está a repuntar na adolescencia, co perigo que isto supón para as novas xeracións. Desde os medios de comunicación non se está a dar unha versión real do tema, tódolos medios dan información sesgada, só fan referencia ós casos que rematan coa morte da muller vítima de violencia de xénero, e nestes casos dinnos o número delas que xa faleceron a unha data determinada, sen recalcar que nesas estatísticas tan só se reflicten as que falecen no mesmo día en que son agredidas, xa que as que sobreviven máis dun día e finalmente morren non aparecen reflectidas nas estatísticas que se publican. Si se recollesen nas estatísticas de vítimas mortais de violencia de xénero tódalas mulleres que son asasinadas polas súas parellas ou ex–parellas, veriamos que son case o dobre das que se nos di nos medios de comunicación.

Ademais é preciso informar mellor as vítimas e facilitarlles o proceso de denuncia da situación vivida: trátase dun proceso longo e moi traumático, pois supón revivir a situación de maltrato cando denuncia, cando ratifica ante o xuíz e nas futuras pesquisas que se fan para corroborar a versión da vítima antes da vista oral (xuízo) e, por último, revivilo no xuízo. Por riba, as máis das veces, os avogados que lles levan o caso non se implican o suficiente nin están especializados en temas de violencia de xénero todo o que deberían. Chegado o xuízo, a vítima ten que declarar ó lado do seu agresor (sínteno respirar) pois non se lle permite declarar detrás dun biombo ou nunha sala contigua.

Por outro lado, deberían endurecer as condenas dos agresores e garantir unha protección máis eficaz das vítimas: as valoracións do graos de perigo que se lles asignan a vítimas para concedérselles as medidas de protección deben ser máis rigorosas e mesmo máis previsoras das posibles agresións que as vítimas poden sufrir; aínda que os medios informan dalgúns erros que se cometen nesas valoracións, na realidade son moitos máis: cando o caso non remata en agresión con desenlace grave ou mortal, tanto os xulgados coma os medios de seguridade (policía e garda civil) ocultan eses erros para que non se cuestionen a súa profesionalidade e os seus postos de traballo.

Que debería facer a Administración?

Todas as administracións deberían ter un protocolo sobre violencia de xénero. Malia toda a publicidade que anima a denunciar a violencia de xénero, cando a vítima dá o paso e presenta a denuncia, resúltalle moi difícil ou imposible protexerse. A lei de protección de datos resulta inútil por non se aplicar: as administracións non están preparadas para prestar unha efectiva protección de datos; no caso das Administracións que aplican unha relativa “protección de datos”, a vítima ten que ir contando o seu caso particular, co que ten que revivir, en certo modo, unha e outra vez a súa desgraza, co que se lles está a pór unha especie de “marca” ou “selo”, que as fai diferentes, cando elas simplemente queren ser coma calquera outra muller que non pasou por esta dificultade na vida, e verse tratadas con vitimismo non as fai sentir mellor, senón todo o contrario. En moitos casos, ben sexa por non dar explicacións, por vergonza ou por deixar de levar “colgado” o cartel de vítima non esixen os seus dereitos lexítimos de protección de datos, que lles poderían resultar útiles de cara a unha tranquilidade, porque cos medios tecnolóxicos actuais resulta moi sinxelo saber absolutamente todo acerca dunha persoa, e os agresores poden seguir tendo un certo control sobre elas ao saberen case todos os seus pasos.

Canto á Administración de Xustiza, sería conveniente que se tivesen máis en conta as denuncias presentadas polas vítimas, posto que en ocasións, ata que un xuíz lle dá a unha vítima unha orde de protección pasan moitos días e incluso varias denuncias, porque non considera que a vítima estea en perigo.

Que debemos facer as persoas a nivel individual?

Tomar unha actitude máis responsable de cara a esta lacra: non fai falta ser vítima para presentar unha denuncia, calquera persoa que saiba que unha muller está sendo maltratada pode presentar a denuncia; moitas veces a vítima non é capaz de dar o paso polo medo que lle ten ó seu agresor e segue sufrindo o maltrato, que en moitas ocasións remata coa súa vida.

Non deberíamos permitir ningunha falta de respecto a unha muller. Cómprenos educar os nosos fillos e irmáns na igualdade, porque ata que non teñamos unha igualdade total e acabemos co machismo existente na sociedade, non seremos capaces de erradicar a violencia de xénero, e as nosas mulleres (avoas, nais, irmás, fillas) segurirán sufrindo maltrato e seguiremos empobrecendo a sociedade, porque perderemos os poucos dereitos que con tanto esforzo conseguiron as mulleres que loitaron por ter unha liberdade máis real. Cómprenos tomar conciencia do problema que sofren as mulleres e poñerlle remedio canto antes.

Que poden facer os movementos sociais?

Facer máis mobilizacións sociais contra a violencia de xénero, xa que canta máis visibilidade e normalidade se lle dea ó problema, máis sinxelo e efectivo será o labor de cambiar a sociedade na que vivimos, e influirase nas persoas para que se posicionen, rexeiten e denuncien estas prácticas delitivas, que acaban cada ano con tantas vítimas asasinadas ou cunhas secuelas moi graves para o resto da súa vida e sen poder vivir coa liberdade que merecen. É posible que si se fan moitas mobilizacións, nas que participen unha parte importante da sociedade, co tempo se consiga unha lei máis protectora para as vítimas, máis dura e restritiva para os agresores, e dentro duns anos poidamos dicir que erradicamos o maltrato.

Tratar de facer máis públicas as historias reais que viven as vítimas de violencia de xénero, aínda que, por seguranza, respectando o seu anonimato: así, outras vítimas poden verse reflectidas e decidirse a acabar co maltrato que estean sufrindo, e os cidadáns poden actuar responsablemente para impedir que esta violencia siga existindo.

"As institucións deberían garantir unha protección máis eficaz das vítimas de violencia de xénero"