Comercio de proximidade

“Fago un traballo que me resulta satisfactorio”

ENTREVISTA | José Antonio Salgado, presidente de Distrito Mallos

“Fago un traballo que me resulta satisfactorio”
José Antonio Salgado. Os Mallos, 29 de maio
José Antonio Salgado, onte nos Mallos.

José Antonio Salgado ten 78 anos, preside a asociación de comerciantes e profesionais Distrito Mallos e dirixe un aparcadoiro que el mesmo creou hai máis de vinte anos. Antes fixera estudos de teoloxía, foi mestre, fundou escolas no barrio e mesmo a finais dos oitenta traballou coas mozas e mozos da Sagrada diante da ameaza das drogas.

Salgado ten despacho no aparcadoiro. Hai un acuario, libros, unha colección de deuvedés, outra de cedés, fotografías de familia e unha da primeira promoción do colexio dos Mallos mesturadas con carteis, un crucifixo, un cadro colorido de Hockney e outro collage coas figuras de Muhammad Ali (ferido por frechas indias), The Beatles, Belmondo en À bout de souffle e Jimi Hendrix xunto a unha das latas de Warhol. Enriba, os coches que circulan pola Ronda de Outeiro soan como tronos.

- Como foi isto do garaxe?

- Eu tiña todas as direccións da xente que pasara polo colexio dos Mallos. Era un censo enorme. Dese de conta de que lle dera clase a pais, fillos e logo aos netos. Tres xeracións. Escribinlles dicindo que o barrio necesitaba un aparcadoiro e que os que quixeran ter praza que se puxeran en contacto comigo. Fixémola reunión no Centro social da Sagrada, do que eu era presidente. Reunímonos un montón de xente. Decidiuse que me irían dando os cartos, pouco a pouco, e eu os ingresaría nunha conta a meu nome. Fixeramos un estudio cunha xestoría e cada praza saía a un millón duascentas mil pesetas. Baratísimas daquela.

- Cantos se anotaron?

- O garaxe ten 520 prazas. Houbo que deixar un 10% para aparcadoiro público. En menos dun ano xuntamos cincocentos millóns, falamos co Concello e con Dragados. A obra custou 760 millóns de pesetas. Durou dous anos. Inauguramos en 1996. Alí aportou todo o mundo. Digamos que o Concello puxo a rúa. Nos puxemos os cartos, pero isto é propiedade do Concello, que uns anos cobra o canon e outros o IBI, coma se foramos propietarios. A empresa concesionaria é miña. Somos seis persoas traballando aquí.

- Canto paga de canon?

- Depende do recibo que veña: se o do canon ou o do IBI. Serán uns 30.000 euros ao ano. O que ingresamos non dá para o mantemento e para pagar as taxas. Paguei mentres puiden. Levamos uns anos sen pagar… É que claro, os propietarios non queren que se lles suba o que pagan cada mes. Nos estatutos da comunidade de propietarios consta que non se pode subir a cota se a asemblea non o autoriza. E de momento non o autoriza. Están pagando dez euros ao mes por luz, auga e mantemento. Perdemos cartos todos os meses.  

- Como é que sigue aberto?

- Teño un crédito persoal. Agora un de 40.000 euros. Todo o risco é meu. Fago todo o posible para manter os postos de traballo e dar servizo ao barrio. Mentres me deixen, seguirei facéndoo. O normal sería que os donos das prazas pagaran o suficiente para manter o garaxe e pagar ao Concello. Con que pagaran 15 euros cada un, podería ser suficiente.

José Antonio Salgado

- Non pensa en xubilarse?

- Tópome ben, fago un traballo que me resulta satisfactorio. Mírome ao espello e estou contento. Fago máis cousas.

- Cóntenos de Distrito Mallos.

- Hai trinta anos, cando eu inda tiña o colexio, unha tenda de electrodomésticos e outra de mobles empezaran cunha asociación. Decatáranse de que no barrio había un problema. O problema era que se perdía comercio. Este barrio tiña un comercio moi variado. Pero entón os coches, as dificultades de circulación. Eu colaboraba con eles, pero aquela asociación non callou. Eu tiña os contactos de comerciantes que tiñan os fillos no colexio. Fundamos Distrito Mallos.

- E que é hoxe Distrito Mallos?

- Pois unha asociación de comerciantes e profesionais, cun xornal que xa ten 17 anos. Temos unha tarxeta de cliente amigo, que sirve para participar en sorteos e beneficiarse de descontos. Un dos premios consiste nun cheque regalo para aquel cliente que máis gaste nos comercios asociados ao mes. Agora mesmo hai 5.500 clientes coa tarxeta. Facemos unha especie de lotaría nos bares e tamén ofrecemos servizos de avogacía gratuítos.

- Parece que todas as iniciativas xurdiron a raíz do colexio. Como empezou aquilo?

- Eu vivía en Riazor e viña dar clases de latín e grego. Vin que os rapaces das aldeas de por aquí, Vizoño era unha delas, non tiñan escola. Había locais baleiros. Montamos un colexio cos cursos repartidos polos locais. Pronto fomos subvencionados e podíamos emitir os certificados de escolaridade. Cheguei a ter 19 profesores. Cando empezaron a montar os colexios actuais, o da Sagrada, o da Sardiñeira, os nenos e os profesores foron para alí. Eu non quixen, pensei que tiña que facer outras cousas.

- Foi entón cando estivo como presidente do Centro social da Sagrada, nuns anos complicados alí.

- Creo que chegamos a mover a máis de mil rapaces. Puxemos un scalextric enorme nun dos baixos. Había moitas actividades. Estaba o Safa, que foi un equipo de baloncesto con sona na Coruña. Había discoteca e tamén pasabamos películas. Eu ía persoalmente a Compostela a escollelas. Recordo que proxectamos Balarrasa, de Fernando Fernán-Gómez, un fenómeno, facía dun cura que se relacionaba coa clase alta e comportábase coma tipo normal. Os rapaces dicían que non había curas así, i eu que si… Pasamos tamén Perros callejeros. Houbo moito debate. Os rapaces estaban diante de problemas que lles eran coñecidos.

José Antonio Salgado no cruce Outeiro con Arteixo

- Cales son os problemas de hoxe aquí nos Mallos? O máis urxente.

- O do paso elevado que acaban de retirar onde os xulgados, en Alfonso Molina. Deixaron que podrecera e a xente colleulle medo a utilizalo. Agora din que van poñer un semáforo e un paso de peóns. Hai quen o ve perigoso. Despois temos dous problemas graves: un é o da limpeza e o outro o da iluminación. O abandono estase agudizando. Hai herba medrando nas beirarrúas. Iso nunca pasou. Coa iluminación o que fixeron foi cambiar as lámpadas a led e non rebaixar a altura. O goberno municipal actual di que sería moi caro cambiar todas as luminarias. Iso non é unha solución, é unha escusa.

- E as árbores de San Vicente?

- Aí seguen, medrando. Din que fixeron unha análise. As árbores están ben de saúde, son bonitas, só pedimos que as poden un pouco.

- E respecto do comercio. Pasou a crise?

- Non, non pasou. Pero son optimista. E dígolle por que. Porque hai xente moza con ideas e gañas. Empézanse a facer cousas sen esperar a que se mova a asociación. Primeiro foron os hostaleiros. Agora a xente dos comercios de regalo e moda. Confío no mimetismo, en que se alguén empeza, a xente se mova detrás.  

- E os que non son comerciantes, como viven no barrio?

- Somos un barrio avellentado. Dos máis. Porque este foi un barrio que se creou por aluvión e houbo unha construción deficiente. Hai poucos ascensores. Os cuartos pisos están empezando a quedar libres. Veñen estudantes, porque o alugueiro está entre os 200 e os 300 euros de media. Barato. Por outra banda, a dobre fila dos coches e moi molesta e non só para os condutores. Bótase en falta maior vixilancia da Policía Local. O mellor que nos pasou foi o parque de Vioño. Sería unha instalación perfecta se metera aos cans nun espazo propio e tivera máis elementos de xogo para as nenas e os nenos. Ese parque deunos un pouco de ar porque vivimos en metade de dúas vías moi transitadas.


 

“Fago un traballo que me resulta satisfactorio”