Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros | nota de prensa

Preocupación na Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros tras a reunión das administracións sobre a Fachada Marítima

Tras a reunión realizada o pasado 22 de maio, do Concello, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes, Portos do Estado, Adif e a Autoridade Portuaria, sobre a transformación urbanística dos terreos do porto da Coruña, a Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros emite o seguinte comunicado.
Preocupación na Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros tras a reunión das administracións sobre a Fachada Marítima
Paulo Sexto
Paulo Sexto

A Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros declara: 

Ante a información que sae na prensa sobre as xuntanzas interadministrativas respecto ao futuro dos terreos do porto interior, observamos que A Coruña vai hipotecar parte da cidade para asumir o custo do porto exterior. 

“Vemos como se fala de renegociar a débeda para cubrir parte da mesma e pagar por unha infraestrutura que xa é pública. E o único do que se fala é de refinanciar o préstamo, para que o Estado poida seguir cobrando intereses durante máis tempo”.

Dende a asociación observamos que só se fala dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, e non se menciona o futuro da zona de San Diego, onde se concentran a maioría dos metros cadrados a liberar e tamén a actividade produtiva. 

Calquera acordo ten que ofrecer unha solución tamén para San Diego. Na modificación do planeamento urbanístico do porto interior, debe apostarse pola súa promoción, uso mixto, creación de novas actividades e preservación para o fomento económico como lugar de actividade comercial e pesqueira que xera riqueza.

Lembramos a nosa postura radicalmente en contra de financiar o porto exterior a través da venda de patrimonio público, e instamos a que sexa Fomento quen financie as obras. 

Estimamos que todos os organismos relacionados coa nova infraestrutura deben acadar un acordo definitivo para anular todos os convenios asinados ata o de agora, de costas á veciñanza, co obxectivo de que unha nova modificación do PXOM asegure a titularidade pública e uso cívico de todos os espazos portuarios dentro do concepto da economía produtiva e sostíbel. 

Dende o noso colectivo temos claro que unha cuestión de tanta trascendencia para o futuro da cidade non se pode levar a cabo sen a participación da veciñanza, polo que reclamamos canles de participación aberta e directa cos diversos axentes que configuran o movemento cidadán. 

Denunciamos a opacidade e reclamamos que todas as administracións con competencias no futuro dos peiraos constitúan un consorcio ou entidade similar, 100% pública, que garanta que a titularidade e o control dos terreos portuarios queden nas mans da cidadanía.

Preocupación na Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros tras a reunión das administracións sobre a Fachada Marítima