servizos sociais
O BNG leva ao Pleno as demandas das traballadoras do Servizo de Axuda ao Fogar
A Coruña, 10 de setembro de 2025 - O BNG levará ao Pleno do Concello unha moción coas demandas das traballadoras do Servizo de Atención no Fogar (SAF), froito dunha xuntanza mantida esta semana entre o concelleiro nacionalista David Soto e representantes do colectivo. O obxectivo é abordar as graves problemáticas que afrontan estas profesionais a diario, que inclúen salarios baixos, precariedade laboral e a necesidade urxente de mellorar a súa seguridade.
Na moción, que será defendida por Soto no Pleno deste xoves, recóllense as principais preocupacións das traballadoras. Un dos puntos cruciais é a precariedade laboral e os baixos salarios, xa que moitas delas teñen contratos a tempo parcial que, en moitos casos, non lles permiten superar os 400 euros mensuais.
Ademais da precariedade salarial, as empregadas do SAF tamén denuncian o incumprimento por parte das empresas concesionarias dos compromisos en materia de prevención de riscos laborais. Segundo Soto, unha das compañías leva moito tempo sen convocar os cursos necesarios para a mobilización de pacientes encamados e para a prevención xeral de riscos.
Outra das cuestións máis preocupantes que se tratarán na moción é a violencia que as traballadoras sofren por parte das familias dalgunhas persoas usuarias. Aínda que a maioría destas situacións son violencias verbais, as profesionais alertan sobre a importancia de atallalas para evitar que se repitan sucesos como o tristemente acontecido este verán no Porriño. "Temos que estar alerta para evitar que se produzan sucesos como o tristemente acontecido no Porriño”, sinalou Soto.