memoria libertaria das Atochas

Bota a andar Mapoulas na Rúa, unha proposta creativa comunitaria con artistas e veciñanza para plasmar a memoria libertaria das Atochas

O proceso, que impulsa Refuxios da Memoria, convoca este mércores, día 25, unha xuntanza aberta no local da asociación veciñal de Monte Alto para avanzar na planificación artística, como paso previo ás intervencións colectivas que se desenvolverán nos meses vindeiros.
Bota a andar Mapoulas na Rúa, unha proposta creativa comunitaria con artistas e veciñanza para plasmar a memoria libertaria das Atochas
Mapoulas na rúa
Mapoulas na rúa

Trátase dunha proposta de creación comunitaria, impulsada no marco das actividades que cada ano se organizan para a celebración do Día das Mapoulas Libertarias, unha homenaxe ás mulleres anarquistas das Atochas que o 10 de xullo de 1937 morreron asasinadas, foron detidas ou tiveron que fuxir, tras unha serie de asaltos ás súas vivendas levados a cabo polas novas autoridades franquistas, e que foron dirixidos a desmantelar as redes de resistencia antifascista que se artellaron na Coruña despois do golpe de estado.

O proxecto Mapoulas na Rúa parte dunha convición: é a propia veciñanza quen mellor coñece a historia do seu barrio e quen ten dereito a decidir como se conta e como se ocupa o espazo público con ela. Por iso este non é un proxecto de arte no barrio, senón un proxecto do barrio: a memoria das Atochas-Monte Alto, traballada e plasmada pola xente que alí habita, como forma de resistencia colectiva fronte ao esquecemento e de reapropiación do territorio.

Neste caso, Mapoulas na Rúa busca desenvolver unha serie de accións artísticas, definidas, deseñadas e desenvovidas de forma comunitaria, para plasmar en distintos espazos das Atochas e Monte Alto a memoria colectiva arredor destas mulleres, como símbolo da resistencia dos barrios, onte e hoxe, contra os embates reaccionarios e autoritarios.

Con ese obxectivo púxose en marcha, xa a finais de 2025, este proceso, que ata hoxe desenvolveu dúas xuntanzas de mapeo participativo no barrio e unha de planificación artística, e que colle forza agora con esta nova sesión de planificación comunitaria do día 25, aberta a quen queira sumarse, como paso previo ao inicio das accións de rúa, que se desenvolverán nos vindeiros meses e que culminarán o propio 10 de xullo, Día das Mapoulas Libertarias, cun percorrido polos novos lugares de memoria do barrio, entre outras actividades.

Traballo colaborativo

A proposta de intervención colectiva que dá corpo a Mapoulas na Rúa complétase cunha serie de colaboracións artísticas, entre elas co IES Adormideras, ligada aos contidos curriculares, e ao traballo que se está a facer con entidades e colectivos da cidade como son a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Acéfala, Oasis Monte Alto, o Centro Social Gomes Gaioso, CGT... Ademais, o labor de investigación, deseño e desenvolvemento de todo o proceso estase a desenvolver grazas a unha colaboración entre Refuxios da Memoria e a Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación SEPA-interea.

Refuxios da Memoria 

O Día das Mapoulas Libertarias está organizado por Refuxios da Memoria, un colectivo de investigación e divulgación creado en 2018 para traballar no eido das memorias colectivas e arredor do movemento obreiro libertario coruñés, nomeadamente no barrio das Atochas e Monte Alto. A deste ano será a novena edición do memorial, que comezou a celebrarse no ano 2018, tras un proceso de investigación sobre a memoria libertaria do barrio das Atochas, recollido na web https://www.refuxiosdamemoria.org/

Bota a andar Mapoulas na Rúa, unha proposta creativa comunitaria con artistas e veciñanza para plasmar a memoria libertaria das Atochas