Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana
A Federación Veciñal da Coruña impulsa a formación con charlas sobre saúde mental, ciberdelincuencia e reciclaxe
A Coruña, 20 de outubro de 2025.- O programa “Escola Veciñal” de 2025, patrocinado pola Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello e entidades como a Fundación SALMA, a consultora PERMAE e a Policía Nacional, centrará o debate en tres eixos fundamentais: a saúde mental, a reciclaxe e a ciberdelincuencia. A Federación aposta por un formato de charla participativa que permita aos asistentes profundar con expertos no coñecemento de cuestións que están a marcar a axenda social e comunitaria.
A elección destes temas responde a unha análise da realidade social. Segundo a Federación, a redución da delincuencia tradicional contrasta co aumento exponencial dos delitos informáticos, un fenómeno que obriga a veciños e veciñas a tomar consciencia e coñecer as ferramentas para previr estafas e outros cibercrímenes.
Do mesmo xeito, a xestión de residuos e a reciclaxe é un eido que está a experimentar cambios socioculturais e nas prácticas diarias das familias, facendo necesario un debate sobre as novas formas de xestión urbana e a implicación veciñal.
Finalmente, a saúde mental é unha "realidade incontestable", especialmente tras a pandemia, co incremento de persoas que sofren trastornos como a depresión ou a ansiedade. Neste senso, a formación busca tratar e debater o papel da comunidade e das asociacións veciñais na promoción do benestar emocional e no apoio ás persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.
Os encontros proxectados celebraranse ás 18:30 h. nas seguintes datas:
- 27 de outubro: "O coidado da saúde mental en comunidade" con Ana González da Fundación SALMA.
- 3 de novembro: Charla sobre reciclaxe a cargo de Andrés Silva Vázquez (biólogo, mestre composteiro e experto en residuos), dentro do proxecto de divulgación ambiental “O camiño sostible”.
- 17 de novembro: Charla sobre ciberdelincuencia e delitos informáticos realizada por membros da Policía Nacional.