Vivienda
A vivenda afoga A Coruña: alugueiros disparados e miles de pisos baleiros
Marisa Fernández
O encarecemento dos alugueiros, a expansión das vivendas de uso turístico e a existencia de milleiros de pisos baleiros están a dificultar cada vez máis o acceso a un fogar digno, especialmente entre a mocidade e a clase traballadora. Unha realidade que xa non afecta só ao centro urbano, senón que se estende a toda a comarca.
Nos últimos meses, esta problemática tamén se fixo visible nas rúas, con carteis de Galiza Nova espallados por distintos barrios denunciando a situación da vivenda. Neste contexto, diferentes colectivos comezan a organizarse para poñer o foco no problema e propoñer alternativas. Falamos con Gonzalo Prado, responsable comarcal da mocidade de Galiza Nova, sobre a campaña que están a impulsar e o impacto da crise da vivenda na área coruñesa.
Quen es e cal é o teu papel nesta iniciativa?
Son Gonzalo Prado Estévez, teño 21 anos e son da Coruña, criado en Zalaeta. Actualmente son responsable comarcal da mocidade en Galiza Nova.
Como nace a campaña e que pretende?
Nace do malestar social pola situación da vivenda. É un problema que afecta a toda a sociedade e que se foi agravando nos últimos anos. Ata agora faciamos accións máis pequenas, pero vimos a necesidade dunha campaña máis ampla, centrada nos barrios e nos concellos da comarca, porque xa non é só un problema da cidade.
A que nivel se está desenvolvendo?
Neste momento a nivel comarcal, especialmente na área da Coruña, onde a presión é maior. Aínda así, é unha realidade que se está estendendo por todo o país e tamén no estado.
Como está afectando esta situación á xente?
Principalmente á clase traballadora. Hai estudantes que teñen que buscar vivenda con moita antelación e compartir en condicións precarias. Tamén hai persoas que teñen que marchar dos seus barrios porque non poden asumir os prezos, nin sequera nos concellos próximos.
Por que é tan grave o problema da vivenda?
Porque a vivenda é un ben básico. Sen ela non hai estabilidade nin futuro. O problema é que se está tratando como un negocio e non como un dereito.
Quen está detrás desta situación?
Sobre todo fondos voitre e grandes propietarios, pero tamén hai unha normalización social de entender a vivenda como investimento, algo que consideramos perigoso.
Que consecuencias pode ter isto nas cidades?
Estamos vendo como as cidades se converten en espazos para o turismo e a especulación. Medra a vivenda turística mentres hai miles de pisos baleiros. Na Coruña estímase que arredor do 15% das vivendas están desocupadas.
Como afecta isto aos barrios?
Provoca a perda de identidade e de vida comunitaria. O comercio local desaparece e os barrios convértense en espazos pensados para visitantes, non para quen vive neles.
Que significa dicir que a vivenda é un dereito?
Implica cambiar o modelo actual. Non é razoable que haxa persoas acumulando múltiples propiedades mentres outras non poden acceder a unha vivenda. Tampouco que se trate igual fiscalmente quen compra unha vivenda que quen compra varias.
Que propostas plantexades?
Reducir as vivendas turísticas, mobilizar as vivendas baleiras, apostar pola vivenda social e limitar as subas abusivas dos alugueiros. Tamén é clave rehabilitar vivendas en desuso.
Hai datos que evidencien o problema?
Si. Na Coruña hai arredor de 20.000 vivendas baleiras, mentres a poboación apenas medrou nas últimas décadas. Iso indica que o problema non é de falta de vivenda, senón do seu uso.
Como ides desenvolver a campaña?
Con accións en redes, presenza nos barrios, encontros con colectivos e actos abertos á veciñanza para debater solucións.
Que opinión tes sobre alternativas como as cooperativas?
Poden ser positivas se están orientadas á vivenda social e á clase traballadora.
E sobre a ocupación?
Non é un problema relevante na realidade galega. Está sobredimensionado e utilízase para desviar o foco do verdadeiro problema.
Que mensaxe final lanzas?
É necesario mobilizarse e tomar conciencia. Hai que defender os barrios e garantir o dereito a vivir neles. Sen cambios profundos, a situación seguirá empeorando.