A mocidade galega na conquista do futuro

Os datos oficiais dan conta da situación desesperada que vive a mocidade galega: en canto ás súas condicións laborais, á posibilidade mesma de ter un traballo e tamén en canto á capacidade de ter un proxecto de vida propio froito da independencia económica.

Presentación da campaña de emprego de Galiza Nova o pasado 30 de marzo port
Presentación da campaña de emprego de Galiza Nova o pasado 30 de marzo port

O mercado laboral xuvenil ten como características a temporalidade nos contratos asinados - que representan unha parte moi importante do total - un salarios moi baixos - inferiores á media do salario percibido polo conxunto da sociedade galega - e unha taxa de desemprego próxima ao 30%. Esta situación agudízase nas mozas máis novas que acceden ao mercado laboral.

Unha das consecuencias máis palpábeis desta precariedade laboral e desemprego vémolo na continuada expulsión da mocidade galega cara outros lugares do estado e do mundo. A emigración xuvenil afastou do noso país a preto de 100.000 mozas galegas na última década. Segundo o informe publicado polo Foro Económico de Galiza, o noso país perde entre 178 e 311 millóns de euros ao ano en concepto de investimentos na formación das mozas que se ven obrigadas a emigrar. O informe apunta tamén que a emigración da mocidade por falta de oportunidades en Galiza, supón a creación de 315 pequenas empresas menos cada ano, así como tamén supón uns 1.500 nacementos menos por ano.

Temos un país cun devalo demográfico incesante, cunha crise industrial sen precedentes e no que só un 17% da mocidade galega é independente economicamente. Mentres, o 63% das mozas menores de 30 anos teñen que recorrer a seguir vivindo na residencia familiar porque non poden acceder a unha vivenda.

Este é o panorama ao que se enfronta a mocidade galega dende vai moitos anos, sen que o goberno da Xunta de Galiza aposte pola xeración dun emprego xuvenil de calidade que permita fixar poboación e que as mozas galegas teñamos un presente e un futuro digno na nosa terra. O goberno da Xunta de Galiza non aposta pola mocidade, non aposta por un futuro mellor para o noso país. A min fártame escoitar esta cantinela que di que o Partido Popular non ten un proxecto para Galiza. Non estou de acordo. O PP ten un proxecto clarísimo para o noso país: vendelo anaco a anaco até converternos no país dos servizos, no país dos Xacobeos e do turismo de baixo custo.

Coa chegada da COVID-19 observamos como a mocidade, traballadoras nunha alta porcentaxe do sector servizos, sufrimos dun xeito moi notábel as primeiras consecuencias desta crise sanitaria, económica e social. Isto tradúcese na destrución de preto de 15.000 postos de traballo entre as mozas de 16 a 29 anos, onde só 2 de cada 10 mozas galegas recuperamos o emprego perdido por mor da COVID-19, cun impacto moi notábel no sector servizos con 7.800 empregos menos para a mocidade que no ano 2019. Ante isto vemos unha Xunta de Galiza sen alternativas reais para a mocidade.

A alternativa que nos dá o goberno da Xunta de Galiza ás mozas é a de mercarnos unha maleta á mocidade e mandarnos a traballar cunhas condicións laborais pésimas a empresas estranxeiras. Ou como lle chaman na Xunta de Galiza: Galeuropa.

As mozas galegas non podemos comer só do turismo, a hostalaría ou o sector servizos. Precisamos mudar completamente o modelo, onde o noso país invista en investigación e novas tecnoloxías, onde se poña en marcha un plan de reindustrialización e o peche dos ciclos produtivos en Galiza. Precisamos un proxecto sólido de país, e iso é incompatíbel coa terciarización absoluta e a dependencia do turismo e a hostalaría.

Para rachar con esta situación que vivimos as mozas galegas, desde Galiza Nova vimos de presentar unha campaña de emprego, co lema: “Prendamos lume ao Capital. Sen futuro, non temos nada que perder” co fin de fornecer á mocidade galegas de alternativas para conquistar o noso presente e futuro. Dentro desta propostas destacan a elaboración e execución dun Plan de Emprego Xuvenil que remate coa precariedade e a temporalidade laboral, así como tamén diferentes propostas para xerar valor engadido no noso país, fortalecer unha industria sostíbel e apostar polo I+D+i para a xeración de postos de traballo dignos e situar a Galiza como vangarda da innovación.

Hai dúas pezas fundamentais para mudar este modelo e darlle un presente e un futuro dignos á nosa mocidade e ao noso país. Precisamos dunha soberanía real para ser quen de poñer en marcha as alternativas políticas que tanto precisa o noso país. Se queremos garantir o futuro do noso país, é indispensábel permitir que a mocidade galega emigrada poidamos producir e crear riqueza aquí, e garantir unhas condicións de traballo dignas para non vernos obrigadas a marchar. A mocidade somos o futuro pero tamén o presente e se non se actúa no presente, non haberá futuro polo que traballar.