Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros | nota de prensa
“O barrio ten historia, presente e moito futuro se traballamos xuntos"
Como é habitual cada vez que EntreNós sae á rúa, falamos con Paulo Sexto, presidente da Asociación Veciñal Oza-Gaiteira–Os Castros, para que nos conte como avanzan as actividades que puxeron en marcha a comezos de ano, en que están a traballar actualmente e como se presenta o seu calendario para os vindeiros meses.
A asociación afronta unha nova etapa. En que consiste este novo impulso?
Estamos nun momento de cambio, cunha aposta clara por reforzar o tecido social do barrio. Queremos colaborar máis con entidades deportivas, culturais e sociais que xa están a facer un gran traballo aquí. A idea é sumar, non duplicar esforzos, e construír entre todos unha base social máis forte.
Falas de colaboración con clubs deportivos. Que papel xoga o deporte neste proxecto?
É fundamental. Queremos traballar conxuntamente con clubs como Galicia Gaiteira, Atlético Os Castros e outras entidades deportivas do barrio. A nosa intención é fomentar hábitos saudables e achegar o deporte á vida cotiá da veciñanza.
Tamén mencionades que o tecido social precisa reforzarse.
Si, nalgúns aspectos está debilitado. Pero cremos que hai moito potencial. Se conectamos asociacións, clubs, centros educativos e veciños, podemos fortalecer ese tecido e facelo máis sólido. O barrio ten unha base moi rica, só hai que activala.
Ademais do deporte, a cultura e a memoria teñen un peso importante no voso traballo.
Totalmente. Estamos a desenvolver o proxecto Pasando barrio, pasando historia, co que queremos recuperar a memoria dos últimos 50 anos. Hai historias incribles que a xente descoñece: desde clubs históricos ata espazos emblemáticos.
Como estades a recoller esa memoria?
Estamos a traballar con colexios e ANPAs para recoller testemuños. Queremos que sexa a propia xente do barrio quen conte a súa historia. Esa é a mellor maneira de construír memoria colectiva.
Tamén estades a impulsar un proxecto de memoria democrática.
Si. Aquí houbo persoas represaliadas durante a Segunda República e un movemento social moi activo. Queremos visibilizar esa parte da historia, que moitas veces non se coñece. Farémolo a través de charlas, actividades e contidos na web.
Este ano hai unha cita importante: o centenario do Galicia Gaiteira.
Así é. É un acontecemento moi relevante para o barrio e imos colaborar activamente. Están a preparar actividades no seu local da rúa Gaiteira, con propostas culturais e tamén gastronómicas, para este mes de abril. É unha boa oportunidade para poñer en valor a historia deportiva da zona.
Se miramos ao verán, como van as festas do barrio?
Xa estamos a traballar nelas. Celebraranse entre xullo e agosto na Gaiteira e Os Castros, e queremos que sexan un referente a nivel estatal. Aínda non podemos adiantar moito, pero haberá propostas potentes, especialmente no ámbito da música galega.
A idea é dar un salto de calidade nas festas?
Exacto. Queremos que tanto a romaría como os concertos teñan unha identidade propia e un nivel que os sitúe no mapa. O barrio meréceo.
Con tantas iniciativas en marcha, como se organiza o traballo interno?
Hai un equipo moi implicado detrás, moi constantes. O importante é a implicación e as ganas de facer cousas polo barrio.
E de cara ao futuro?
Queremos reforzar a colaboración con outras asociacións e participar máis activamente na federación. Hai moitas problemáticas comúns entre barrios e cremos que traballar xuntos é a mellor maneira de abordalas.
Para rematar, unha próxima cita para a veciñanza.
O 1 de xuño, ás 19:00 horas, no Fórum, proxectaremos o documental 7291, sobre a situación das residencias de maiores durante a pandemia da COVID-19. Será unha actividade moi especial, porque contaremos tamén con familiares.
A Asociación Veciñal Oza Gaiteira–Os Castros avanza así nunha folla de ruta que mestura memoria, cultura, deporte e participación, cun obxectivo claro: facer do barrio un espazo máis vivo, máis conectado e con máis futuro.