Buscar
08:23h. Miércoles, 24 de Enero de 2018

“EN 2018 O CONCELLO SEGUIRÁ A LOITAR CONTRA A DESIGUALDADE E A CONSTRUCIÓN DUN ESPAZO PÚBLICO DE CALIDADE”

O alcalde despide o ano coa cidadanía nun Encontro de Nadal

Xulio Ferreiro presidiu un acto no Pazo de María Pita, ao que asistiron máis de 300 persoas, e no que estivo representada toda a Corporación municipal ademais do tecido asociativo da cidade

Cantabile
Cantabile

Concello da Coruña | 29/12/2017

O Pazo de María Pita acolleu este venres o Encontro Cidadán de Nadal, no que o alcalde, Xulio Ferreiro, fixo balance e despediu o ano acompañado de toda a cidadanía, así como o resto de concelleiros e concelleiras da Corporación municipal e representantes das entidades do tecido asociativo da cidade. O rexedor recordou que "por terceiro ano consecutivo, o Pazo abre as súas portas, facendo quizais, non aínda tradición, pero si costume". No seu discurso, e ante un Salón de Plenos ateigado de veciñas e veciños, o alcalde repasou algúns dos fitos realizados polo goberno local este 2017, dende a posta en marcha do Centro Abeiro para dar resposta ás persoas sen fogar ata a nova tarificación das escolas infantís introducindo a cota cero para as rendas máis baixas. "Esta cidade non deixa a ninguén atrás e 2017 foi o tempo no que asentamos unha prestación tan fundamental para devolver a autonomía aos nosos veciños e ás nosas veciñas con dificultades, como é a Renda Social Municipal, que chega ao mes de decembro con máis de 300 persoas beneficiarias. Son 200 familias con 80 menores que hoxe teñen unha oportunidade da que antes carecían", dixo.

En canto ás actuacións previstas para o ano que vén, Ferreiro salientou que os orzamentos municipais para 2018, aprobados de forma inicial este mesmo venres, "incrementan a capacidade de investimento un 5,65% e con 29,2 millóns permiten volver poñer A Coruña, un ano máis, á cabeza do investimento en Galicia, duplicando o de Pontevedra, multiplicando case por catro o de Vigo e por dez o de Ourense, a cidade galega que peor o está a pasar". "Dedicaremos a maior parte dos nosos esforzos ao combate contra a desigualdade, á construción dun espazo público accesible e de calidade ao servizo das persoas, á mellora e ampliación da rede de equipamentos públicos, ao impulso das políticas de fomento do emprego e de promoción económica, ás políticas culturais e deportivas, á participación cidadá e, por último, á mocidade, a ese 16% da nosa veciñanza, ao noso futuro, ao que dedicaremos unha especial atención", incidiu.

O acto, que congregou a máis de 300 persoas, comezou contra ás 13.00 horas, momento no que tivo lugar, no Salón de Plenos, a entrega de premios ás persoas gañadoras do concurso de fotografía do do Calendario Municipal 2018, que este ano se dedica á relación da Coruña co mar. Posteriomente, e nese mesmo escenario, tivo lugar o discurso do alcalde e un recital a cargo do Coro Cantábile.  O acto rematou cun brindis polo ano novo con todas as persoas participantes nos distintos salóns do pazo municipal.

Discurso do alcalde no Encontro cidadán de Nadal (155 KB)