Galiza Nova presenta a súa campaña para o Primeiro de maio, día internacional da clase traballadora

A mocidade galega suma a súa voz á reivindicación dos dereitos laborais coa nova campaña presentada hoxe por Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, de cara ao Primeiro de maio, día internacional da clase traballadora. Marta Gómez, Secretaria Xeral da organización, destacou a necesidade de sindicalización da mocidade galega como resposta ás políticas do sistema capitalista que perpetúan a emigración forzosa e a precariedade laboral.
Galiza Nova presenta a súa campaña para o Primeiro de maio, día internacional da clase traballadora
Presentación da campaña
Presentación da campaña

Vigo, 23 de abril de 2024.- Paulo Alonso, responsable nacional de Emprego, Vivenda e Servizos Públicos de Galiza Nova, subliñou a importancia de concienciar á mocidade sobre o papel fundamental da sindicalización na loita polos seus dereitos laborais. Por outro lado, Daniel Sussman, corresponsábel con Alonso, destacou a orientación da campaña para a mocidade traballadora, explicando os beneficios e procedementos para unirse á Confederación Intersindical Galega (CIG), sindicato maioritario na Galiza.

A Secretaria Xeral, Marta Gómez, denunciou as dificultades que a mocidade galega enfronta no mercado laboral, coa temporalidade e os baixos soldos como realidades cotiás. Instou á mocidade a organizarse e a non permanecer allea ante as adversidades, sinalando á CIG como unha ferramenta esencial para facer fronte á precariedade e defender os seus intereses laborais.

A campaña, que se desenvolverá en vindeiras semanas, incluirá actividades en colaboración coa CIG e contará cunha presenza activa nas redes sociais, onde se difundirán vídeos explicativos sobre os obxectivos e beneficios da sindicalización. Ademais, Galiza Nova comprométese a participar nas mobilizacións convocadas pola CIG para o Primeiro de maio, apoiando a loita polos dereitos laborais e evidenciando a firmeza da mocidade galega na defensa dos seus intereses.

Galiza Nova presenta a súa campaña para o Primeiro de maio, día internacional da clase traballadora