Pleno municipal de marzo

O pleno municipal aproba a ordenanza de Administración Dixital, que reducirá os trámites burocráticos e mellorará a atención á cidadanía

A ordenanza inclúe a disposición de puntos de atención física para asistir ás persoas que precisen axuda no manexo dos medios dixitais e o uso da firma electrónica
O pleno municipal aproba a ordenanza de Administración Dixital, que reducirá os trámites burocráticos e mellorará a atención á cidadanía
Inés Rey
Inés Rey

O Pleno municipal aprobou este xoves, de forma inicial, a nova Ordenanza Reguladora da Administración Dixital do Concello da Coruña, unha iniciativa orientada a mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía, ás empresas e ás demais institucións públicas e privadas desde a Administración municipal.

"A ordenanza ten uns obxectivos claros: diminuír os tempos de resolución de trámites, simplificar e automatizar os procedementos e incrementar a interoperabilidade, facendo máis sinxelos os trámites aos cidadáns na súa relación coa Administración", explicou hoxe o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage.

A ordenanza, que xa recibiu a autorización previa da Xunta de Goberno Local a mediados de febreiro, abrangue a implantación dunha rede de apoio á administración dixital, que plantexa un novo sistema de atención ao cidadán, con atención presencial e persoal co obxectivo de axudar a todas aquelas persoas que precisen de asistencia no manexo dos medios dixitais e no uso da firma electrónica, con técnicos habilitados para facer trámites en nome dos usuarios. Tamén haberá apoio para a realización de trámites en determinadas materias, como no caso das actuacións e xestións urbanísticas.

Lage abundou nas especificidades deste apartado: "O Concello contará cunha rede de puntos de atención persoal que se porá en marcha en María Pita, Ágora, Fórum Metropolitano e Franja ao longo do mes que vén, e que poderá estenderse a outros servizos. Ditos puntos serán atendidos por funcionarios habilitados que non só informarán aos que así o soliciten, senón que poderán axudar a completar os trámites cando as persoas que o requiran non saiban como facelo".

Por outra banda, a creación do arquivo dixital único suporá o almacenamento por medios electrónicos, un proceso seguro e confidencial, dos documentos administrativos que se xeren en procesos desta tipoloxía, así como a correcta xestión e conservación dos mesmos a longo prazo e a súa dispoñibilidade inmediata para facilitar trámites e mesmo para permitir o uso de novas aplicacións cidadáns.

Neste sentido, contémplase tamén a ampliación e actualización de servizos da sede electrónica, o rexistro electrónico, o taboleiro de edictos electrónico e demais sistemas e instrumentos do Concello.

Aprobación do estudo de detalle para ordenar volumes na Cidade das TIC

Por outra banda, o Pleno aprobou, de forma definitiva, o estudo de detalle da Cidade das TIC promovido pola Universidade da Coruña, que ten como principal finalidade continuar avanzando nun dos proxectos de maior interese para a cidade en termos de crecemento económico e emprego.

O estudo de detalle que recibiu hoxe a aprobación plenaria ten como obxecto a ordenación desta edificabilidade xa recollida dentro dos volumes existentes e proxectando novos volumes, "en ámbolos casos cumprindo os parámetros de ocupación e altura máxima xa vixentes, o que vai permitir continuar coa implantación de novos usos, novas empresas e, polo tanto, impulsar o emprego e a economía da cidade", precisou o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego.

O documento autorizado hoxe só introduce unha novidade con respecto ao aprobado inicialmente: a colmatación dos volumes xa previstos ou existentes, recollendo as determinacións vixentes no Plan Xeral actual, cunha altura máxima de 25 metros e ocupación máxima do 60 %. 

"O estudo de detalle non reduce áreas verdes, nin dotacións, nin suprime aparcadoiros, así como tampouco aumenta edificabilidades", concretou o concelleiro.

Luz verde ao regulamento do Consello Municipal da Cultura

O Pleno municipal tamén aprobou, de forma definitiva e coa unanimidade de todos os grupos, o regulamento orgánico que recolle as normas de constitución e funcionamento do Consello Municipal da Cultura, ideado como un órgano consultivo e de seguimiento que incentiva a participación do tecido cultural da cidade nas políticas públicas municipais adoptadas polo Concello nas áreas de Cultura, Bibliotecas e Museos Científicos.

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, puxo en valor este paso definitivo para conformar o Consello Municipal da Cultura, "pensado para darlle aos e ás profesionais da cultura un espazo de diálogo con toda a corporación local, con voz e voto. Terá un plenario amplo, con representación de profesionais e asociacións relacionadas coa cultura en toda a súa diversidade, e con presenza dos grupos políticos municipais. Trátase, precisamente, de escoitar todas as voces para tomar as mellores decisións".

As liñas de acción previstas no regulamento do Consello Municipal da Cultura abranguen a promoción da participación cidadá a través das entidades culturais da cidade, canalizando as demandas do sector; a realización de propostas que contribúan a mellorar os servizos culturais municipais; o fomento e promoción da lingua e cultura galegas; e o apoio á creación e produción propias, un propósito que vai en sintonía con iniciativas como as axudas de creación artística para artistas individuais empadroados na Coruña, aprobadas en Xunta de Goberno Local a comezos de febreiro e actualmente en prazo de solicitude para este exercicio.

José Manuel Lage recalcou que "o Consello Municipal da Cultura é unha forma de apostar pola cultura mediante un organismo que fomenta a máxima participación cidadá dando voz a todos os actores que conforman o sector". 

O calendario ordinario de sesións do Consello Municipal da Cultura, de carácter semestral, definirase no primeiro Pleno do organismo. En todo caso, o regulamento contempla o establecemento de convocatorias extraordinarias, ben a instancias da presidencia, da Comisión Permanente ou por solicitude dunha cuarta parte das persoas membras do CMC.

Tras recibir hoxe a aprobación plenaria, o regulamento do Consello Municipal da Cultura entrará en vigor aos quince días da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Tamén se publicará no portal de transparencia do Concello, así como na web de Cultura.

Declaracións institucionais polo 8-M e o Día das Enfermedades Raras

No Pleno de hoxe, a alcaldesa, Inés Rey, leu dúas declaracións institucionais pactadas entre todos os grupos da corporación.

Unha delas foi con motivo do 8-M, Día Internacional da Muller, que se conmemora o vindeiro mércores. "A loita pola igualdade e contra a violencia de xénero incúmbenos á toda a sociedade. O Concello da Coruña, como administración máis próxima á cidadanía, pon todos os medios e recursos ao seu alcance, en moitos casos, máis alá incluso das competencias que lle son propias, para mellorar a protección, o desenvolvemento e o benestar das mulleres da nosa cidade", apuntou a rexedora.

Por outra banda, Inés Rey tamén leu unha declaración de adhesión, por parte do Concello, á declaración institucional promovida pola Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) no marco do Día Mundial das Enfermidades Raras, que se conmemora cada 28 de febreiro. 

O pleno municipal aproba a ordenanza de Administración Dixital, que reducirá os trámites burocráticos e mellorará a atención á cidadanía