Buscar
01:09h. Miércoles, 18 de Julio de 2018

“UNHA FERRAMENTA DE DINAMIZACIÓN QUE PERMITIRÁ ACHEGAR AS PRAZAS A NOVOS PÚBLICOS”

O Concello habilita o novo espazo web dos mercados municipais

O edil Alberto Lema salienta “a aposta continuada do goberno local pola revitalización e posta en valor das prazas de abastos”, a través desta iniciativa, que se pode consultar en www.coruna.gal/mercados

O edil de Emprego presentou a nova web ao colectivo de praceiras e praceiros dos mercados.
O edil de Emprego presentou a nova web ao colectivo de praceiras e praceiros dos mercados.

Concello da Coruña | 

Os mercados municipais da Coruña contan, desde esta semana, cun novo espazo na rede. O Concello vén de publicar a páxina web www.coruna.gal/mercados, unha iniciativa enmarcada no Plan de Dinamización presentado polo goberno local o pasado mes de maio, e que ten, como principal obxectivo, revitalizar e poñer en valor estes equipamentos. O edil de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, salienta a posta en marcha deste espazo dixital "como un paso máis na aposta continuada do goberno local pola dinamización do comercio de proximidade".

A nova páxina súmase así ás diferentes actuacións impulsadas polo goberno local ao longo destes últimos anos coa finalidade de crear novos públicos e fomentar a compra nas prazas de abastos, "lugares de abastecemento moi próximos, que crean riqueza na contorna e que actúan como motor económico e social dos barrios", tal e como destaca o concelleiro. "Introducir un elemento innovador como é a presenza na rede dos mercados municipais permite visibilizar e achegar á veciñanza, en especial á máis nova, uns equipamentos esenciais para a vida dos barrios e que forman parte do patrimonio da cidade", apunta Lema, quen engade a posibilidade que se presenta "de abrir ao mundo unha nova canle que achegue información de calidade e actualizada dun dos atractivos turísticos máis relevantes da Coruña, tanto polo seu produto como polo seu alto valor arquitectónico". A nova proposta virá acompañada, nos vindeiros días, da apertura de perfís propios dos mercados nas redes sociais dos mercados, nas que se achegarán contidos vinculados tanto aos equipamentos como ás praceiras e praceiros.  A través da páxina web, a cidadanía poderá coñecer, polo miúdo, a localización, teléfono, horarios e postos que acollen os nove equipamentos municipais de abastos, como son o Mercado de San Agustín, Santa Lucía, Ramón Cabanillas, Palavea, Monte Alto, Eusebio da Guarda, Elviña, Conchiñas e a galería de alimentación de Durmideiras. O novo espazo inclúe información histórica de cada unha das prazas de abastos así como unha completa galería fotográfica dos edificios e das persoas que traballan nos mesmos. "Queremos achegar á veciñanza o valor dos mercados, que é, en especial, o que achegan as praceiras e praceiros", puntualiza Lema, quen presentou esta semana o proxecto ás traballadoras e traballadores dos mercados. O espazo www.coruna.gal/mercados tamén dispón de enlaces de interese con información vinculada ao transporte de mercadorías ou de carga e descarga na vía pública, ademais de toda a documentación relativa á organización e funcionamento dos mercados municipais, así como a ordenanza fiscal nº 30, que regula a taxa por prestación de servizos. Tamén desde o web poderase acceder, nos vindeiros días, aos novos perfís dos mercados en Facebook, Twitter e Instagram, así como á canle de Vimeo específica das prazas de abastos coruñesas.