Buscar
20:14h. Lunes, 15 de Octubre de 2018

Chegará este curso a máis de 6.190 rapazas e rapaces

A edil María García salienta, no Día do Medio Ambiente, a aposta do goberno local polo programa de educación ambiental

O Concello porá en valor o ENIL da Torre de Hércules con actividades de sensibilización nas que participarán máis de 200 alumnas e alumnos de centros escolares da cidade

A concelleira María García, nunha visita á lagoa de Eirís, no marco do programa de educación ambiental
A concelleira María García, nunha visita á lagoa de Eirís, no marco do programa de educación ambiental

Concello da Coruña | 05/06/2018

A concelleira María García destacou esta mañá, no Día Mundial do Medio Ambiente, o interese do goberno local por achegar á cidadanía "coñecemento sobre a contorna natural e conservación do medio, de cara a impulsar transformacións nos hábitos individuais e colectivos" a través do programa municipal de educación ambiental. Este ano a área que dirixe reforzou a súa programación coa ampliación das súas actividades de sensibilización e visibilización "tanto na súa diversidade temática, como no formato no que se presentan", co obxectivo de chegar "a un público máis amplo", expuxo a edil.

Así, desde o inicio do curso 2017-2018, máis de 5.384 escolares dos centros educativos da Coruña participaron en actividades do programa de educación ambiental, que se estenderá até o  final deste mes de xuño para atender a un total de 6.193 rapazas e rapaces. Dentro da programación promovéronse tamén, para diferentes públicos, 13 cursos, xornadas e talleres en distintos equipamentos públicos. En concreto, a Concellería apostou pola diversificación de espazos nos que se realizan as actividades de educación ambiental, "incidindo naqueles lugares ou equipamentos de maior afluencia", sinalou García. Deste xeito, os centros cívicos acolleron obradoiros vinculados á xestión de residuos, as bibliotecas municipais, charlas sobre literatura de natureza e os mercados municipais foron protagonistas dunha campaña para reducir o uso de bolsas de plástico.

Tamén desde o inicio do curso escolar, a área que dirixe María García organizou 49 visitas guiadas de balde para grupos, tanto aos dous espazos nos que o Concello ten solicitado o ENIL --Torre de Hércules e Illas de San Pedro-- como as instalacións ambientais ou zonas verdes da cidade, que se organizan baixo demanda de grupos de, como mínimo, cinco persoas. Estas visitas, que comezaron en 2016, permiten á veciñanza coñecer, co apoio do persoal do programa de educación ambiental, áreas como o encoro de Cecebre, a lagoa de Eirís, o parque de Bens ou a planta de tratamento de residuos de Nostián, entre outros. Este ano incorporáronse á proposta os xardíns de Méndez Núñez ou o parque de Santa Margarita.

Finalmente, a Concellería realizou desde o mes de xaneiro 7 exposicións divulgativas e realizou 9 días enteiros de actividade vinculados aos Días --sen contar co propio Día do Medio Ambiente--. "Todas estas iniciativas terán continuidade nos vindeiros meses, nos que terán por exemplo, especial relevancia as actividades de sensibilización ambiental vinculadas ás festas dos barrios, ademais das propias actividades que se desenvolven nas praias nos meses de xullo e agosto", sentenciou García.

Celebración do Día do Medio Ambiente

O Concello da Coruña celebrará esta semana o Día Mundial do Medio Ambiente coa realización de tres xornadas de actividades lúdicas arredor da proposta de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Torre de Hércules. O inicio da proposta estaba previsto para hoxe, pero por mor das condicións meteorolóxicas e as fortes choivas, adiouse. A iniciativa, enmarcada tamén no programa municipal de educación ambiental, ten como finalidade dar a coñecer entre o alumnado dos centros escolares máis próximos á zona "os extraordinarios valores naturais e culturais dun dos principais puntos de biodiversidade do municipio", segundo explicou a titular de Medio Ambiente. Así, máis de 220 alumnas e alumnos dos CEIP Sanjurjo de Carricarte, Víctor López Seoane e Curros Enríquez coñecerán "a gran riqueza ambiental que garda este espazo, con máis de 700 especies de flora e fauna diferentes".

Como recordou a responsable municipal, o goberno local trasladou, o pasado ano, o requirimento do ENIL da contorna da Torre de Hércules á Xunta de Galicia, de cara a garantir a protección dun espazo "cun patrimonio natural de valor importantísimo", e compatibilizar co seu uso público, con garantías, por parte da veciñanza. "Este espazo conta con máis de 100 tipos de aves, 6 endemismos ibéricos, 7 especies de anfibios e 11 de mamíferos. Actividades como estas xornadas divulgativas na Torre non só dan continuidade á liña de traballo de posta en valor e coidado da zona, senón que favorecen o coñecemento do territorio desde a infancia e inciden na necesidade da corresponsabilidade cidadá de cara a conservación da biodiversidade", sinalou a edil.