Buscar
18:15h. Martes, 16 de Octubre de 2018

"Un labor silencioso que busca avanzar no dereito á vivenda de colectivos vulnerables"

O goberno local avanza no Plan de Acceso ao Hábitat Digno na Pasaxe

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro Xiao Varela visitaron o asentamento, onde os servizos municipais levan culminado o realoxo de 13 familias nos últimos meses, dentro dun programa transversal que abrangue medidas educativas, sociolaborais e ambientais

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, visitaron o asentamento precario da Pasaxe, no que se está a desenvolver o Plan de Acceso ao Hábitat Digno
O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, visitaron o asentamento precario da Pasaxe, no que se está a desenvolver o Plan de Acceso ao Hábitat Digno

Concello da Coruña | 12/04/2018

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado polo concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, visitou nos últimos días o asentamento da Pasaxe para coñecer as actuacións que o goberno local está a desenvolver coas familias residentes na zona, no marco do Plan municipal de Acceso ao Hábitat Digno, unha intervención transversal no territorio dirixida a ofrecer alternativas habitacionais para as persoas que se atopan nos asentamentos precarios do termo municipal. O programa, que se aprobou no verán de 2016, e inclúe medidas educativas, sociolaborais e ambientais, é, segundo explica Varela, "unha ferramenta básica para acadar unha igualdade efectiva entre a veciñanza na Coruña", ao realizar, coa colaboración dos diversos servizos municipais, "un labor necesario, continuado e silencioso, que evoluciona cada día co obxectivo de avanzar no dereito á vivenda de todos os veciños e veciñas da cidade, tamén os colectivos máis vulnerables, un tema central e prioritario na axenda política deste goberno".

Tal e como destaca o concelleiro, desde a posta en marcha do Plan --que impulsan as Concellerías de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda e Xustiza Social e Coidados, e que contan coa implicación directa das áreas de Igualdade e Diversidade, Emprego e Economía Social e Medio Ambiente--, que inclúe un traballo social e de formación coas persoas residentes nos asentamentos, "para facilitar a súa integración social e educativa", o executivo coruñés achegou solucións habitacionais para un total de 13 unidades de convivencia na Pasaxe, entre as que se atopaban 22 menores de idade. "Todas as reubicacións estanse a realizar sen incidencias, grazas ao labor previo que desenvolve o Grupo Hábitat, a diferencia doutras situacións que se deron, con anteriodade, no termo municipal", explica o concelleiro. "Este proceso propón dereitos para as veciñas e veciños, pero tamén un compromiso pola súa banda, xa que se fan responsables tamén dunha parte do seu aluguer. Esta asunción de responsabilidade tamén facilita a súa integración", engade o edil.  

O Grupo Hábitat, unha comisión interdesciplinar creada especificamenta para levar a cabo este plan e que conta con persoal municipal especializado, está a traballar a día de hoxe con 25 unidades de convivencia que residen na zona, nas que se inclúen 9 menores de idade. "É un proceso lento e complexo, pero seguimos a avanzar na implantación de políticas transformadoras e ambiciosas nun escenario no que, até o de agora, foron inexistentes", asevera o responsable municipal, "co obxectivo final de poder ofrecer solucións, a medio prazo, ás veciñas e veciños dos asentamentos". Ao fío, o titular da área de Rexeneración Urbana lembrou que, nos últimos meses, tamén se ofreceron alternativas habitacionais estables a dúas unidades de convivencia de Penamoa.  

Novas intervencións de limpeza

Dentro das actuacións programadas no Plan de Acceso ao Hábitat Digno, o goberno coruñés ten previsto iniciar, proximamente, unha nova fase do proceso de limpeza na Pasaxe, dando así continuidade ás tres intervencións realizadas o ano pasado --entre as que destaca o derrubo na nave da Toja e o desmantelamento das infravivendas na súa contorna-- e nas que se recolleron un total de 5.332 toneladades de residuos, "iniciativas planificadas que e nas que houbo un traballo de diálogo previo cos e coas residentes no asentamento", puntualiza o concelleiro, quen lembra que a área de Medio Ambiente realizou tamén distintas accións formativas vinculadas á xestión dos residuos coa veciñanza encamiñadas a súa inclusión sociolaboral.

"O Plan de Acceso ao Hábitat Digno é unha das máis destacadas medidas transversais postas en marcha por este goberno, que traballa dun xeito integral e que tamén incide na aposta polas políticas de acceso á vivenda de colectivos máis vulnerables", sinala Xiao Varela, que nomea actuacións como a elaboración das bases reguladoras da formación dun banco de vivendas en réxime de aluguer por EMVSA, a coordinación xunto á area de Xustiza Social, do programa de Pisos de Emerxencia Social, "para poder abordar as situacións de desafiuzamento e ofrecer ás persoas afectadas unha alternativa e acompañamento na procura da súa autonomía", ou o convenio coa Fundación Emalcsa para a creación do programa A Flote, "que presta atención inmediata a persoas en situación de risco e que precisan con carácter urxente, puntual e transitorio, recursos de apoio".