Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica preguntará no Pleno polas xestións que fixo o goberno local para o mantemento da actividade de Alu Ibérica

Alu Ibérica está nun momento crítico coa fábrica parada, todo o persoal en ERTE, en administración concursal e os 400 postos de traballo baixo a ameaza real de extinción
A Marea Atlántica preguntará no Pleno polas xestións que fixo o goberno local para o mantemento da actividade de Alu Ibérica

A Marea Atlántica preguntaralle ao goberno local no vindeiro Pleno se realizou algunha xestión para reivindicar o futuro da fábrica de aluminios da Coruña, dende que tivo lugar a reunión do comité de empresa no Pazo de María Pita, o pasado mes de setembro. 

Como declara María García, voceira do grupo municipal da Marea Atlántica: “Logo do ERE extintivo en Avilés, Alu Ibérica na Coruña atópase nunha situación crítica. A fábrica está parada e todo o persoal en ERTE, trátase dun momento decisivo no que cómpre amosar todo o apoio dende o Concello” e continúa “Logo da reunión do comité de empresa en María Pita, que xa foi iniciativa de Marea Atlántica, acordouse manter reunións de seguimento periódicas e facer toda a presión posible ante a Xunta e o Estado, pero dende entón non temos noticia algunha de que o goberno local actuase neste sentido". 

Temos que lembrar que despois dos compromisos adquiridos na xuntanza, pasaron máis de vinte días antes de enviar unha a carta en apoio ao futuro da factoría, asinada por todos os grupo do Concello, para remitila aos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica e reclamarlles que atendan ás reivindicacións e asuman a súa responsabilidade na venda fraudulenta das instalacións. 

Dende entón a situación non fixo máis que empeorar e agora, coa compañía en administración concursal, cómpre mediar, facer presión e amosar todo o apoio dende o Concello para manter os 400 postos de traballo. 

A industria na Coruña, desmantelada 

Segundo os datos do INE, no primeiro trimestre de 2008, a provincia da Coruña contaba con 77.000 empregos no sector industrial, que no terceiro trimestre do 2020 xa se reduciran a 66.200. Neste tempo perdéronse máis de once mil empregos vencellados á industria, un 14% do total e sen contar os últimos peches. 

Endesa, Emesa, Gamesa, Poligal, Isolux… E as sombras constantes sobre a antiga Alcoa; para encontrar as causas deste progresivo desmantelamento da industria habería que establecer, como punto de partida, a mal chamada Reconversión Industrial e as políticas privatizadoras do goberno de Aznar polas que o Valor Engadido Bruto da Industria respecto do total da economía pasou do 25,9% en 1980 ao 14% no 2019.

A Marea Atlántica preguntará no Pleno polas xestións que fixo o goberno local para o mantemento da actividade de Alu Ibérica