Pleno Municipal A Coruña

O Pleno aproba o estudo para a ampliación do comedor do CEIP Ramón de la Sagra e a moción pola Renda Básica

A Cámara tamén deu luz verde a unha moción do grupo de goberno e o BNG, a iniciativa do Colectivo Renda Básica da Coruña, que reclama a posta en marcha dunha renda básica incondicional, universal, individual e suficiente

O alcalde volveu a lamentar o erro da concesionaria da limpeza que retirou antes de tempo a alfombra floral confeccionada pola asociación Faro de Monte Alto, á vez que solicitou “responsabilidade” aos grupos da oposición “para non favorecer a crispación”, dados os incidentes que se produciron na sesión plenaria

O Pleno aproba o estudo para a ampliación do comedor do CEIP Ramón de la Sagra e a moción pola Renda Básica
08-10-18 Foto 2 Pleno
08-10-18 Imagen del Pleno

O goberno local deu hoxe un novo paso no seu compromiso coa educación pública de calidade e coa mellora dos centros educativos públicos da cidade, logo de que o Pleno municipal ratificase a aprobación definitiva do estudo detalle para a ordenación de volumes no CEIP Ramón de la Sagra, trámite necesario para levar a cabo o proxecto municipal de ampliación do comedor que emprega o alumnado deste centro educativo. A iniciativa saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno, o PP e o PSOE (a concelleira do BNG non puido asistir á sesión plenaria por motivos de saúde). Como indicou o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, o estudo de detalle é un trámite que consiste na ordenación dos volumes que ocupan a parcela de equipamento público, necesario segundo o actual PXOM para poder ampliar o comedor. O pasado ano, o goberno local xa acometeu as obras de reparación e mellora da zona de xogos infantís deste centro educativo “que se atopaba moi degradada, especialmente logo das polémicas obras acometidas pola Xunta de Galicia para a substitución dunha cuberta con presenza de amianto”. O responsable municipal salientou a dilixencia coa que o executivo levou a cabo os trámites precisos para abordar esta actuación. O estudo de detalle foi aprobado de forma inicial en maio pola Xunta de Goberno Local, mentres que en xuño conseguiu o informe favorable de Patrimonio e en setembro a luz verde de aviación civil sobre servidumes aeronáuticas.

Varela, que destacou o traballo feito tanto polo seu departamento como polo de Xustiza Social, dirixido por Silvia Cameán, salientou que esta actuación “dá resposta a unha demanda da comunidade educativa do Ramón de la Sagra”. Así, fixo fincapé no traballo realizado polo goberno local no actual mandato para a mellora dos centros educativos, acometendo numerosas obras, “moitas delas, que non eran da competencia da administración local, senón da Xunta de Galicia”.

“Do convenio de reparación que asinaron Xunta e Concello e que tiña que estar rematado en 2009, tan só falta, por parte do goberno local, levar a cabo a cuberta do San Francisco Javier. Neste mandato aprobamos os estudos detalle tanto para o Ramón de la Sagra, como para o propio San Francisco Javier, para o British, o Labaca, o Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta”, dixo o concelleiro, quen recordou que dende 2015, o Concello investiu preto de dous millóns de euros en actuacións en centros escolares.

Ademais, o titular de Rexeneración Urbana salientou as obras de mellora de accesibilidade e seguridade postas en marcha polo actual executivo municipal nos centros escolares de Rosalía de Castro, Labaca, Anxo da Garda, Fernando Wirtz, Concepción Arenal, no IES Rafael Dieste, en Manuel Murguía, Dominicios, Cidade Vella, A Sardiñeira e no CEIP José Cornide. “Son algunhas das máis de 500 obras que levamos executadas dende 2015, obras esenciais e moi demandadas”, recordou.

A Cámara tamén aprobou, co voto positivo de todas as formacións presentes, unha modificación puntual no PXOM de 2013 para poder executar a sentenza a favor da empresa Treneo Inversións SL. “A sentenza obriga a manter a aliñación da nave industrial, recualificando parte da parcela onde se asenta. Unha de tantas actuacións que temos que abordar dende o actual goberno local derivadas de chapuzas urbanísticas realizadas en épocas anteriores”, manifestou o edil Varela.

Mocións

Na quenda das mocións, o Pleno apoiou de forma unánime unha iniciativa presentada polo grupo de goberno, e referente á creación dunha renda básica no estado. A moción conxunta entre o grupo de goberno local e o BNG, que recolle a proposta do Colectivo Renda Básica da Coruña, propuña á Corporación municipal apoiar a resolución 2197 da Asemblea do Consello de Europa, aprobada por maioría absoluta no pasado mes de xaneiro e que reclama a posta en marcha dunha “renda básica incondicional, universal, individual e suficiente”. O texto da moción busca tamén “fomentar o debate e a visibilización” desta iniciativa na cidade e instar dende o Concello ao Goberno do Estado a sumarse ao apoio da resolución e “desenvolver todas as medidas que sexan necesarias” para implantar a renda básica.

A iniciativa do Colectivo Renda Básica da Coruña indica que “a petición de implantación da renda básica está sendo un punto de encontro entre diversas correntes ideolóxicas como única vía de solución á crise actual”, ao que se suman os pronunciamentos que se deron “nos últimos meses de diferentes institucións económicas que ata hai pouco se mostraban reticentes” á posta en marcha desta medida. Ante estes avances no debate, entre os que o colectivo menciona a súa aplicación en proxectos piloto en varios países así como o estudo que está a realizar a Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos da ONU ao respecto, esta moción pretende estimular o debate sobre a renda básica, estender o seu coñecemento entre a poboación e “traballar para que esta sexa unha realidade nun futuro non moi afastado, dotando a toda a cidadanía de medios suficientes para garantirlles a existencia material digna e polo tanto, asegurar a desaparición de vez da pobreza”.

No texto da moción considérase que os datos económicos actuais “son concluíntes” e indica que hai “máis paro e precariedade e menos postos de traballo con salarios e condicións dignas”. “Estase rompendo a principal fonte de redistribución da riqueza que existía ata o de agora, o salario digno. Por este motivo, a renda básica é unha resposta eficaz ante este novo paradigma.

De non ser implementada de forma rápida e permanente, arriscámonos ao colapso do sistema nun prazo máis ou menos curto”, afirmou a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, que recordou que durante 2017, o Concello concedeu 2.307 axudas de emerxencia social a través do programa A Flote e houbo 323 persoas beneficiarias da Renda Social Municipal. “O Goberno local puxo en marcha esta iniciativa hai dous anos para atender as necesidades máis básicas de persoas en situación de vulnerabilidade da cidade a través dunha cobertura económica e un itinerario de inserción sociolaboral para favorecer que poidan recuperar a súa autonomía. Na actualidade, a prestación chega a 204 unidades de convivencia e, no conxunto do ano, a Concellería de Xustiza Social e Coidados investiu 753.732,47 euros nesta iniciativa”, recordou.

O Pleno tamén aprobou, cos votos conxuntos dos grupos municipais de PP e PSOE dúas mocións que reclamaban os cumprimentos dos acordos plenarios acadados no Pleno extraordinario solicitado polo grupo popular o pasado 19 de setembro e nos que a oposición solicitou o cese dos concelleiros de Rexeneración Urbana e Emprego e Economía Social. Tamén saíu adiante una iniciativa do grupo popular na que solicitou a atención as demandas veciñais do Ventorrillo na que o grupo de goberno se abstivo “ao entender que a moción non responde á realidade da actuación e o traballo que realiza o goberno local, senón a un mero fin electoralista”. Ao respecto, a concelleira María García recordou algunhas das actuacións levadas a cabo ou que se prevén acometer na zona como a mellora nas áreas infantís, a reurbanización na rúa Liaño Flores ou as actuacións de mellora do alumeado público.

No apartado de mocións, a Cámara plenaria rexeitou, cos votos en contra do grupo de goberno e o PSOE, e o apoio do PP, unha iniciativa do grupo popular que solicitaba resolver o concurso público polo que se adxudicou a cesión da antiga prisión provincial á entidade sen ánimo de lucro Proxecto Cárcere.

Alfombra floral

Durante a sesión plenaria, o alcalde, Xulio Ferreiro, volveu pedir desculpas –como xa fixeran pola mañá tanto a concelleira de Medio Ambiente como el mesmo– polo incidente acaecido esta fin de semana cando un erro da empresa concesionaria de limpeza viaria derivou na retirada da alfombra floral da asociación Faro de Monte Alto. Ante as preguntas e increpacións efectuadas desde o palco por parte das persoas que se congregaron para protestar pola retirada prematura da alfombra floral, o rexedor volveu amosar o seu pesar á cidadanía e insistiu en que non houbo ningún tipo de intencionalidade por parte da administración, toda vez que a mesma ten un convenio de colaboración coa propia entidade que confecciona a alfombra. O rexedor tamén pediu a todos os grupos da oposición “responsabilidade” á hora das declaracións realizadas sobre o asunto xa que “non todo pode ser usado como un argumento da campaña electoral”. As reiteradas ameazas e insultos a membros do goberno local por unha parte das persoas que protestaban, e que impedían a continuidade da sesión plenaria, obrigaron finalmente ao desaloxo do palco.

Ao fío, e nunha pregunta oral formulada polo PP sobre as supostas “compras irregulares” realizadas no marco do Concurso Municipal de Adquisición de Vivenda Pública, o rexedor reivindicou “a honestidade” coa que traballa o goberno local da Coruña, que recoñeceu erros nun concurso público pioneiro posto en marcha para aumentar o parque de vivenda municipal e facilitar o acceso á mesma aos colectivos con maiores dificultades. “Este é un goberno honesto e esa realidade e esa convicción non ma vai sacar ninguén”, dixo, á vez que lamentou que determinados representantes de grupos da oposición “traballen para favorecer á crispación”. “As consecuencias de tratar de crispar e de enganar dan como resultado o que hoxe se viviu no Pleno”, dixo. “Lamento que eses grupos da oposición, en lugar de ter un proxecto de cidade que ilusione á xente, o único que trata é de igualarnos a eles, intentando sementar dúbidas sobre a nosa honestidade”, manifestou.

Noutra orde de asuntos, Ferreiro tamén quixo, ao inicio da sesión, amosar o apoio da Cámara aos e ás veciñas de Mondariz, así como aos medios de extinción que están a loitar contra o lume.

O Pleno aproba o estudo para a ampliación do comedor do CEIP Ramón de la Sagra e a moción pola Renda Básica