Buscar
01:30h. Martes, 17 de Julio de 2018

NOTA DE PRENSA | BNG

O BNG preguntará pola mobilidade no vindeiro pleno

Avia Veira: “O alcalde presentou dez liñas de actuación para acadar unha mobilidade sostíbel ... Queremos saber cal destas se teñen concretado neste mais dun ano desde a celebración do foro, ou se estamos ante outro brinde ao sol, con moita proposta mais ningunha actuación real”

Avia Veira
Avia Veira

O BNG vén de presentar unha batería de preguntas para a súa resposta por escrito no vindeiro Pleno ordinario de maio nas que demanda ao executivo da Marea Atlántica aclaracións a respecto das actuacións ealizadas derivadas das conclusións e propostas que se realizaron durante a celebración do Foro pola Mobilidade Sostíbel Movémonos, realizado a principios de abril do ano pasado.

Deste xeito, a formación nacionalista quere que o Goberno local concrete todas as actuacións que foron debulladas como liñas de actuación para a implementación dunha mobilidade sostíbel na cidade e que resultados se obtiveron desta implementación, os lugares afectados, o período de tempo nas que se aplicaron e numero total de veciñas e veciños que se viron afectados por estas actuacións.

“O alcalde presentou dez liñas de actuación para acadar unha mobilidade sostíbel que pasaban pola “aposta pola intermodalidade, a desconxestión do centro da cidade e do interior dos barrios, a redución progresiva da velocidade máxima do tráfico, o impulso ás vías ciclables e do espazo peonil, a monitorización da mobilidade a nivel urbano e metropolitano, o pulo á mobilidade peonil, ciclista e do transporte público colectivo –incluíndo para iso medidas fiscais e tarifarias– ou a introdución do ferrocarril como medio de comunicación na área metropolitana”. Queremos saber cal destas se teñen concretado neste mais dun ano desde a celebración do foro, ou se estamos ante outro brinde ao sol, con moita proposta mais ningunha actuación real”, advirte a portavoz nacionalista Avia Veira.

Por último, o Bloque na mesma iniciativa tamén pregunta polas propostas realizadas no mesmo foro polo alcalde a respecto dos usos futuro das instalacións de San Diego e a proposta do pacto pola mobilidade para a cidade.

“Neste foro tamén o alcalde fixo referencia ás infraestruturas da estación de mercadorías que hoxe existen no peirao de San Diego e aludiu á elaboración dun pacto pola mobilidade para o que apelaba dun amplo consenso; preguntámonos que medidas concretas ten tomado o Goberno municipal para a posta do servizo do transporte de proximidade en San Diego e que medidas se teñen tomado para acadar ese pacto de cidade pola mobilidade sostible”, conclúe Avia Veira.