REIM | nota de prensa

Comunicado das traballadoras da REIM (Rede de Escolas Infantís Municipais) do Concello da Coruña

As traballadoras da REIM (Rede de Escolas Infantís Municipais) do Concello da Coruña,  queremos denunciar a situación de precariedade laboral na que nos atopamos e o desinterese das Administracións Públicas polas nenas e nenos do primeiro ciclo da  Educación Infantil. Mediante este comunicado queremos dar a coñecer a realidade  desta etapa educativa para intentar que melloren as nosas condicións e as do noso  alumnado. 

Comunicado das traballadoras da REIM (Rede de Escolas Infantís Municipais) do Concello da Coruña

A actual Lei de Educación e o Decreto 150/2022 recollen que a educación infantil  constitúe unha etapa educativa que abarca dende o nacemento ata os 6 anos de idade.  Esta etapa ordenase en 2 ciclos: o primeiro comprende ata os 3 anos e o segundo, ata os 6. Ambos teñen carácter voluntario. 

As distintas Administracións outorgan, na realidade, un tratamento completamente  distinto a ambos, facendo que as regras do xogo varíen en función do ciclo. 

O número de horas lectivas diarias nun centro de 0-3 é dun máximo de 8, aínda que  poden aumentar se se xustifica debidamente por motivos laborais dos proxenitores.  Nunha escola de 3-6, o número descende ás 5 horas diarias. Non debería ampliarse  progresivamente o número de horas de estancia na escola a medida que se incrementa  a idade dos e das nenas? 

As escolas infantís non se rexen polo mesmo calendario escolar que as de 3-6. As  primeiras abrimos en Nadal, Semana Santa e verán e iniciamos o curso 15 días antes  que o resto. Acaso non teñen o mesmo dereito os menores de 3 anos a períodos de  descanso ? 

As ratios na educación infantil son abusivas. A Xunta de Galicia ven de asinar a baixada  das mesmas para o próximo curso 2024-2025 ata un máximo de 20 alumnos e alumnas  por unidade en 4º de infantil, o que significará o descenso das ratios tamén en 5º e 6º  nos cursos posteriores. O Decreto 329/2005 establece para as escolas infantís de 0-3  un máximo de 8 menores de 1 ano por persoa adulta; 13 menores de 1 a 2 anos por  persoa adulta e 20 menores de 2-3 anos por persoa adulta. Como é posible que a  Administración autonómica entenda a necesidade da baixada de ratios no segundo ciclo  e mire para outro lado cando falamos do primeiro? 

As recomendacións da Rede de Atención á infancia da Comisión Europea en cuestión  de ratios son ben distintas das nosas. Nas aulas de menores de 1 ano propón 4 nenos/as por persoa adulta; nas de 1-2 anos, 6 e nas de 2-3 anos, 8. Non estamos a falar de 

cifras sen máis, estamos a falar de persoas, de nenos e nenas de moi curta idade. É  completamente imposible ofrecer un servizo de calidade con aulas ateigadas. A atención  esmerada e os coidados privilexiados que serían fundamentais nestes primeiros anos  de vida quedan relegados a un segundo plano, prevalecendo outros intereses que nada  teñen que ver co que deberían garantir as Administracións para a infancia. As escolas  infantís non deberían converterse en aparcadoiros de meniños e meniñas, deberían ser  espazos educativos nos que o respecto polos e polas menores prevalecera por riba de  calquer outra cuestión. Nós non gardamos, nós educamos. 

E que sucede cando nas aulas dunha escola infantil do primeiro ciclo hai un neno ou  nena con NEE (Necesidades educativas especiais)? Nada que ver coa realidade do  segundo ciclo. No primeiro somos as propias educadoras as que temos que facernos  cargo destas necesidades, sen apoios de ningún tipo, sen servizo de atención temperá,  sen departamento de orientación, sen especialistas en Pedagoxía Terapéutica nin en Audición e Linguaxe, quedando a resposta ás necesidades destes cativos e cativas  supeditada á boa vontade das docentes. 

En relación ás condicións salariais e laborais das profesionais dos distintos ciclos as  situacións son diametralmente opostas. O salario das traballadoras do primeiro  escasamente chega ó SMI. Seguindo o establecido na Carta Social Europea, somos  traballadoras pobres. Para moitas de nós, a xornada laboral non remata ó finalizar o  noso traballo na escola, senón que continúa noutros lugares nos que facemos horas  para poder así chegar a fin de mes. Non é doado sorrir na escola e dar ós e ás pequenas  o mellor de ti sabendo o difícil da nosa situación. 

Amais, a totalidade da nosa xornada é de atención directa ós e ás cativas sen que nos  quede tempo para programar, organizar e preparar todo o traballo que esta etapa  require. Estas tarefas realizámolas fóra da nosa xornada laboral e de xeito non  remunerado. 

Non podemos esquecernos tampouco do persoal non docente das escolas infantís do  0-3. A vida nos nosos centros non sería posible sen as nosas compañeiras de cociña,  de limpeza e de administración. A súa situación laboral e salarial é igualmente, de total  precariedade. 

Todas nós, persoal docente e non docente, queremos poder desenvolver o noso traballo  en condicións laborais e salariais dignas e para isto precisamos do compromiso e  implicación das Administracións coa infancia e coas persoas que traballamos  directamente con ela. Apostar por uns servizos públicos de calidade, e a educación ten  que estar entre os prioritarios, é unha inversión de futuro para o conxunto da sociedade. 

A educación nas primeiras etapas non pode descoidarse xa que ten tanta ou máis  trascendencia que as posteriores. 

Por todo o exposto reivindicamos o compromiso das Administracións: 

  • de cara a unha baixada de ratios, ó igual que acaba de suceder co segundo ciclo da  etapa de educación infantil, tomando como base as propostas da Rede de Atención á  Infancia da Comisión Europea. 
  • para unha equiparación ó calendario escolar do segundo ciclo. 
  • para garantir unha atención adecuada ó alumnado con NEE mediante a dotación dos  recursos materiais e humanos necesarios para a detección temperá e os coidados  apropiados. 
  • nas melloras salariais para as traballadoras, aumentando as partidas orzamentarias  para dignificar o noso salario. 
  • para ter garantías de porcentaxes de tempo da xornada semanal adicado á  preparación e formacións. 
  • de reunión e claustros ou ben pagados como horas extra ou ben realizados dentro da  xornada laboral. 
  • para garantir o modelo da parella educativa en tódalas escolas a xornada completa. - para que as fillas e fillos das educadoras teñan praza con prioridade e subvencionada. - para esixir que estes mínimos se manteñan independentemente do goberno de turno.

 

Comunicado das traballadoras da REIM (Rede de Escolas Infantís Municipais) do Concello da Coruña