BNG | nota de prensa

O BNG de Oleiros solicitará ao Goberno local que se ofreza para acoller refuxiados da ondada que desborda estes días os recursos sociais das Illas Canarias

O portavoz municipal nacionalista está certo de  “que como tantas veces ten demostrado na historia recente o noso Concello, estudará de que xeito pode, no concreto, colaborar no acollemento de persoas refuxiadas sexan estas as  que veñen de conflitos África ou noutros conflitos como o masacre sionista na Palestina”

O BNG de Oleiros solicitará ao Goberno local que se ofreza para acoller refuxiados da ondada que desborda estes días os recursos sociais das Illas Canarias

Oleiros, 31 de outubro de 2024.- Nos vindeiros días, o Goberno trasladará a Galiza a máis de 400 inmigrantes dende as Illas Canarias. O obxectivo é que reciban atención humanitaria e servizos mínimos, xa que os dispositivos de socorro das Illas están desbordados pola ondada de caiucos de persoas desesperadas.

A operación é semellante á que se desenvolveu  para atender os refuxiados da guerra na Ukraína e que tan ben acollidos foron en toda a UE.

Estes tráxicos episodios xunto coa situación de terror á que Israel está a someter aos lexítimos habitantes da Palestina, devolveu moi momentaneamente as olladas da atención mediática, política e social ao masivo drama humanitario que están a padecer as millares e millares de persoas que tratan desesperadamente de chegar a Europa fuxindo das guerras, violencias e agresións económicas que destruíron previamente as súas vidas e sociedades nas súas nacións de orixe. Un drama que, ben sabemos, é diario e cotián, deixa mortes, sufrimento, violacións, humillación, escravitude... todos os días, aínda que iso teña deixado de ser noticia por quen fabrica e decide a “a axenda mediática”. 

Polo que temos visto, eses 400 refuxiados serán derivados a Coruña, Vigo e Sanxenxo trala lamentábel negativa do Alcalde socialista de Sobrado dos Monxes de acoller a 40 destes inmigrantes. A Casa das Audiencias, pertencente ao complexo do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, tería sido o lugar no que se faría a  acollida destes 40 inmigrantes. Fontes do propio mosteiro aseguran que as instalacións xa estaban prestas para a chegada, mais após todos os  preparativos, recibiron o aviso de que finalmente non tería lugar a devandita acollida,  porque « a xente da vila non quería».

Evidentemente, somos conscientes da complexidade que supón o tema do que estamos a falar, das súas implicacións e da importancia que ten non darmos pasos en falso ou non facermos anuncios irresponsábeis que logo non se poidan materializar: falamos de persoas ás que hai que facilitar o dereito a iniciaren unha nova vida. Mais si que ao BNG nos parece necesario, como mínimo, estudarmos co debido rigor e seriedade, á vez que con todas as doses posíbeis da humanidade que tantas veces ten demostrado na historia recente o noso Concello, de que xeito podemos nós, no concreto, colaborar no acollemento de persoas refuxiadas sexan estas que veñen da África ou noutros conflitos como o masacre sionista na Palestina. Sexa a través da FEMP ou da FEGAMP, a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ou de calquera outra vía. 

A traxedia das persoas desprazadas pola guerra, a violencia ou agresións económicas e ambientais propias do peor colonialismo depredador, unha das peores lacras da Humanidade do noso tempo, pensamos que require de pasos decididos, coraxe e iniciativas concretas, construídas sempre desde as propias posibilidades e recursos que poidamos ofrecer.

O BNG de Oleiros solicitará ao Goberno local que se ofreza para acoller refuxiados da ondada que desborda estes días os recursos sociais das Illas Canarias