xente dos mallos

Mercedes Queixas: “Hai que facer políticas que o centro sexan as persoas”

Estivemos a falar con Mercedes Queixas Zas, veciña dos Mallos e nova Concelleira do Concello da Coruña, polo BNG.
Mercedes Queixas: “Hai que facer políticas que o centro sexan as persoas”
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Estás contenta cos resultados do 28M?

Estou moi contenta, moi satisfeita e, a verdade, sempre aspiras a máis, pero estou contenta porque me parece que os resultados electorais deixan claro que o BNG segue sendo a forza política que segue á alza e a forza que medrou máis en número de votos e en número de escanos. Hai case 16.000 razóns de coruñesas e coruñeses que nos obrigan a ser responsables, a facer o mellor traballo posible. Somos tamén unha forza política decisiva, a referencia e forza determinante para conformar algo moi importante na cidade.

Mercedes, antes de seguir, dinos quen é Mercedes Queixas Zas 

É deputada no Parlamento Galego, é mestra no Instituto da Sardiñeira e é “moitas cousas”, dinos. 

Son nai de dúas fillas marabillosas, son filla, son compañeira dun home de vida, 

E que mais Mercedes? 

Sí, tamén son membro da Real Academia Galega, tamén formo parte do Consello da Cultura Galega, da Comisión de Lingua, Cultura e Comunicación. Intento repartir as horas e atender todo na medida das miñas posibilidades.

Como vas compatibilizar o teu traballo de Deputada no Parlamento Galego e ser Concelleira no Concello da Coruña?

Iso é algo que teño que aprender a facer unha vez que tome posesión no Concello e coñeza de primeira man cos compañeiros e compañeiras Francisco Jorquera, Avia Veira, que xa estaban como concelleiros no mandato anterior, e con David Soto, que é o compañeiro que entra novo comigo. Temos que ver como nos organizamos e repartimos as diferentes áreas de traballo, como atendemos á nosa cidade de barrios tendo unha comunicación continuada e fluída. 

Teño que compatibilizar coa a miña responsabilidade como Deputada no Parlamento Galego da Comarca da Coruña e tamén das Mariñas, como sempre organizar ben o traballo.

Hai moita xente do barrio que está moi contenta de que Mercedes Queixas Zas, unha veciña do barrio, estea de concelleira no Concello da Coruña.

Alégrome moito de sabelo. O outro día pasoume unha cousa moi bonita, facendo a compra nunha tenda do barrio, unha muller, que eu non coñezo personalmente, díxome: Parabéns, dasme moita alegría. Xa que se a xente está contenta e eu estou contenta, poderemos facer cousas moi bonitas, con moita ilusión e esperanza. 

Hai veciños e veciñas que comentan que é interesante ver a Mercedes polo barrio, paseando, comprando nas tendas do barrio…

Si, a miña vida está no barrio, tamén está en Santiago e no resto da cidade por todo o que tes que facer, pero o meu núcleo inicial é o barrio. Vivo neste barrio durante toda a vida, sempre me deu todo o que necesitaba e eu teño que devolvelo co traballo político para axudar a melloralo.

Que puntos fundamentais crees que necesitan cambiarse nesta cidade?

Eu creo que hai moitos, eu resumiríaos en que precisamos abrir un proxecto que signifique un cambio de rumbo en moitos temas. Primeiro, precisamos un goberno que teña orzamentos a principios de ano, ano tras ano. Se necesita orzamentos aprobados o 1 de xaneiro  ese é o punto de partida. Abrir un tempo de Goberno que sexa verdadeiramente participativo, o que recibimos moitas veces é un Goberno demasiado pechado á participación, á información e á transparencia, en relación coa cidadanía. Hai que estar na rúa ao lado da veciñanza, ás veces para celebrar éxitos e ás veces para recoller cuestións que non se están resolvendo. O máis honesto é estar a pé de obra coa cidadanía e escoitala e manter diálogo.

Hai retos moi importantes en cohesión interior, por exemplo, en relación á mobilidade. Ten que haber unha maior facilidade á hora dos desprazamentos interiores entre os barrios e entre os polígonos industriais, os hospitais... É necesario facer unha nova distribución das liñas de buses, que aínda seguen os mesmos trazados de hai décadas e a cidade non é a mesma. Unha cidade mellor comunicada, mellor estruturada e máis sustentable. Tamén temos que establecer esas vías de comunicación na comarca e na Área Metropolitana, é fundamental tratar estes temas para ser resoltos.

O plan de rehabilitación dos barrios é fundamental, a diferencia entre os barrios é moi grande, facer políticas ambiciosas pensando en favorecer o acceso a vivenda, promocionar que as propietarias poidan rehabilitar vivendas adaptadas as necesidades de hoxe, hai que facer vivenda pública moi urxente que favorezan o aluguer para toda tipo de persoas. Necesitamos unha cidade inclusiva.

Que dis con referencia o pequeño comercio?

Poñerse ao lado do pequeno comercio e darlle a man ao comercio en lugar de dar sistematicamente ás grandes superficies comerciais, como se fixo na Coruña durante moitos anos, que resultou ser tremendamente negativo. O comercio local ten un impacto positivo día a día, xera postos de traballo e é un elemento de dinamización económica moi importante, pero tamén crea unha rede comunitaria e social no propio barrio, dándolle vida e seguridade.

Cando termine esta lexislatura que che gustaría dicir?

Cando finalice a lexislatura, gustaríame dicir que a veciñanza que confiou en nós e tamén aqueles que aínda non confiaron en nós, vexan o BNG como unha forza política que cumpre coas súas palabras e na que se pode confiar moito máis de cara ao futuro. O proxecto que presentamos é realista, factible, enraizado na cidade, coa participación da sociedade e pode cambiar a Coruña, como fixeron moitos outros Concellos gobernados polo BNG, onde se avanzou na transformación e en poñer a vida das persoas no centro. A Coruña necesita iso, pensar na cidade desde as persoas.

Neste momento, oito de xuño, como están as negociacións?

Hoxe tivemos un primeiro contacto que foi unha escenificación do que a veciñanza da Coruña decidiu co seu voto. Nenhum partido ten maioría absoluta e é necesario dialogar, esa é a lección destas eleccións, hai que dialogar. Está prevista unha reunión entre o BNG e o PSOE o próximo martes, día 13, seguida de moitas mais.

Mercedes Queixas: “Hai que facer políticas que o centro sexan as persoas”