Parque da Agra

Un parque gañado metro a metro pola veciñanza

Tras 40 anos de reivindicación, chega o primeiro paso dun soño colectivo
Un parque gañado metro a metro pola veciñanza
Ricardo Seixo, vicepresidente da Asociación Veciñal AGRA
Ricardo Seixo, vicepresidente da Asociación Veciñal AGRA

Estamos a falar con Ricardo Seixo Fernández, vicepresidente da Asociación Veciñal Agra do Orzán. Cando conta a historia desta loita, queda claro que non estamos diante dunha simple demanda urbanística, senón dunha causa emocional, identitaria: a conquista dun espazo verde nun barrio que nunca deixou de pelexar polos seus dereitos.

O Agra do Orzán é o barrio con máis poboación da Coruña: máis de 30.000 persoas vivindo nunha área chea de vida, comercio e movemento. Un barrio cheo de infancia, maiores e familias traballadoras. E, con todo, leva décadas sen ter un gran parque, un pulmón que permita descansar, xogar e convivir.

“É incrible que o barrio con máis habitantes da cidade non teña unha zona verde ampla. Non colle na cabeza”, afirma Ricardo.

E así empezou unha loita que dura xa corenta anos.

O muro que representou o abandono

Quen pasea ata o final da rúa Barcelona e chega a rúa Canceliña recoñece ese muro gris que pechaba un terreo enorme e desaproveitado. Un muro que parecía dicirlle ao barrio: “Aquí non. Aínda non". Durante anos, detrás do muro estaba unha parcela pechada e allea ao barrio, ocupada en parte polo observatorio meteorolóxico da AEMET e con áreas sen uso público. Un espazo inaccesible para a veciñanza, nun barrio que neses metros pedía vida, continuidade e futuro. E cada vez que a asociación reclamaba un parque, a resposta da Administración era sempre a mesma: “máis adiante.”

Ese muro converteuse no símbolo perfecto da falta de respecto institucional cara ao Agra: un límite que dicía “non se pode” a un barrio que sempre demostrou que si pode.

A loita que pasou de xeración en xeración

A reivindicación comezou nos anos 80. Houbo concentracións, pancartas, protestas, e incluso accións directas impedindo que se construíse sobre o pouco que quedaba libre. “Se non fose por aquela veciñanza, nin sequera existiría a praza das Conchiñas”, lembra Ricardo.

Desde entón, todas as directivas da asociación fixeron do parque unha prioridade. A mesma pancarta pasou polas mans de centos de persoas ao longo de corenta anos. E nunca se deu por perdida.

Parque da Agra. Un paso adiante.
Parque da Agra. Un paso adiante.

O que se abre hoxe… e o que falta

Este decembro inaugúrase a primeira peza do soño: 5.000 metros cadrados cedidos polo Estado ao Concello para uso público. Será un espazo con bancos, camiñiños e arborado novo. Un lugar digno, necesario, un primeiro paso histórico. Pero Ricardo matiza: “Cinco mil metros para máis de trinta mil persoas… Non pode ser o final. É só o comezo.”

O proxecto completo que defende a asociación inclúe o espazo que se abre agora, a parte de terreos que ainda seguen sendo da Aemet e do Campo da Burra e a parcela das antigas Adoratrices. En total: uns 15.000 metros cadrados de parque real. O que lle corresponde a un barrio como o Agra. E o concello terá que traballar para conseguir esos terreos para o barrio. 

Hai que planificar o futuro, non improvisar

A asociación reclama que o Concello non se limite a abrir esta primeira fase. Queremos un proxecto global xa, que pense o parque como un todo, e que medre por fases con sentido común.

O que non pode pasar é isto: un cacho agora, outro dentro de dous anos, e ter que desfacer o primeiro. O barrio non soporta máis chapuzas electoralistas. “Apertura agora si, pero con plan para mañá”, insiste Ricardo.

Outras frontes abertas: convivencia e mantemento

A loita polo parque non é a única batalla do Agra. A Asociación Veciñal tamén leva anos reclamando policía de barrio que prevexa e coñeza á xente; mellor iluminación e seguridade; arranxo de beirarrúas e mobiliario; solución ao abandono do Campo da Burra; coidado dos colectores soterrados; e espazos dignos para cans.

Entre febreiro e xuño deste ano enviaron 379 avisos documentados de baldosas rotas, sinais caídas e outros perigos. E todos se arranxaron en cuestión de días. “Que nos demostra isto? Que se hai ollos no barrio, o barrio mellora.” Por iso piden unha policía de barrio cercana, que conviva e actúe antes de que xurdan os problemas.

A festa que encende un futuro

Se todo vai segundo o previsto, antes de que remate decembro haberá inauguración e festa veciñal. Un día de alegría e de homenaxe a todas as persoas que mantiveron viva esta esixencia durante corenta anos. Pero tamén será unha festa reivindicativa: “Celebramos o primeiro paso. Agora imos polo resto.”

O barrio non vai permitir que o parque se quede na metade.

A forza dun barrio que nunca se rendeu

O Agra do Orzán é un barrio teimudo, orgulloso e solidario. Aquí nada nos veu regalado. Aquí todo se conquistou con unión, con voz e con constancia.

Ricardo resume a filosofía da veciñanza nunha frase que xa podería ser lema do barrio: “Este parque non rematou. Só empezou.”

E cando o Agra empeza algo, é mellor non poñerse diante. Porque o seguinte muro que caia será o do silencio institucional.

Un parque gañado metro a metro pola veciñanza