eleccións municipais

Sande propón crear a Casa Gráfica

O candidato José Manuel Sande, da coalición por Coruña, conformada por Podemos, EU e Alianza Verde, mantivo un encontro de traballo co sector do cómic, da ilustración e das Artes Gráficas, co obxectivo de coñecer as súas inquedanzas e propostas para impulsar e potenciar este importante eido cultural da cidade.

Sande propón crear a Casa Gráfica

O candidato propón solucións para desestacionalizar certas convocatorias como o Viñetas e crear espazos continuados para promover as súas creacións, dende exposicións ata dar soporte a un posible Clúster do sector.

Unha das iniciativas que xurdiu do encontro foi a creación da Casa Gráfica, que permitiría desenvolver residencias artísticas para profesionais da ilustración e das artes gráficas en xeral, coworking para novos creadores facilitando un primeiro acceso á profesión con apoio público, sede de actividades e novas convocatorias, así como converterse na “base” do sector local.

Ademais, Sande comprométese a traballar nunha programación permanente que posibilite exposicións, espazos e publicacións constantes sobre a actividade sectorial, co obxetivo de achegar á veciñanza todas estas iniciativas, non quedando circunscritas a unha ou dúas convocatorias ao ano.

Este tipo de accións son fundamentais para poñer en valor o importante papel que as Artes Gráficas coruñesas teñen en numerosos espazos internacionais e para apoiar e impulsar un eido cultural que necesita dun maior apoio por parte do Concello.

Dende o Goberno actual non se fixo en absoluto nada para potenciar este sector tan importante da cidade, polo que é urxente que se poñan en marcha medidas como a creación da Casa Gráfica, que permita expandir e potenciar o sector e fomentar a súa presenza no panorama cultural e artístico da cidade.

Sande propón crear a Casa Gráfica