DISTOPÍAS COTIÁS

Sen amparo

A segunda xornada de Distopías Cotiás pon en evidencia a ausencia de controis públicos e a indefensión da cidadanía diante da acumulación de datos persoais por parte das empresas e mesmo da Administración.
María Cerviño, este luns no Ágora.
María Cerviño, este luns no Ágora.

A tecnoloxía fixo que a nosa privacidade saltase polo ar, mais os mecanismos para recuperala aínda non se inventaron. As leis para protexer individualmente aos cidadáns son demasiado recentes para teren asentado un muro xurídico [a Lei estatal é de 2018], as entidades públicas son débiles [Agencia Española de Protección de Datos] e mesmo ás Administracións cústalles asumir boas prácticas na xestión de datos. En xeral, di a avogada María Cerviño na segunda xornadas de Distopías Cotiás este luns na biblioteca do Ágora, o problema vén da ausencia dunha conciencia clara do problema.

“As leis son locais, mais os datos andan por aí…”, resume Cerviño, sinalando a primeira dificultade para que a usuaria ou o usuario preitee contra quen roubou a súa privacidade. “O custe de calquera reclamación desalenta”, di. Pero as dificultades empezan antes. Entre as dúas decenas de asistentes, xente xa concienciada de que hai un problema pero que non ten identificadas vías de solución, todo o mundo recoñece que hai que dar datos para acceder a determinados servizos, que as condicións do servizo se aceptan sen ler porque poucos dispoñen das 9 horas que se precisan para ler o prego que presenta Amazon, por exemplo, nin do tempo que levaría entendelas…

A pregunta que enmarca a charla (quen matou a nosa privacidade?) quedará sen responder. Mais polo camiño, Cerviño consegue cando menos espertar a inquedanza no auditorio: a maioría das prácticas empresariais e das Administración en xestión de datos incorrerían en ilegalidades… se fosen denunciadas diante dun xuíz, pero non hai defensa posíbel nas condicións actuais, defensa individual. Tampouco hai defensa colectiva organizada, porque non existe a conciencia social do problema. “Chegará”, promete.

Todo o mundo recoñece que hai que dar datos para acceder a determinados servizos, que as condicións do servizo se aceptan sen ler porque poucos dispoñen das 9 horas que se precisan para ler o prego que presenta Amazon, por exemplo...

Mentres tanto, as alternativas son fracas: o almacenamento de datos local (na casa) que propón IUVA, outros modelos de redes sociais como Mastodon… Non hai alternativas masivas a Twitter, Facebook, Google ou calquera das grandes empresas de comunicación que se teñen convertido en imprescindíbeis. E lexislar sobre elas é inútil. “Estamos intentando lexislar sobre tecnoloxías ás que non temos ningún acceso”, sostén Marta Peirano, xornalista, autora de El enemigo conoce el sistema, citada por Cerviño na charla.

O camiño empeza antes. En intervencións como a de Cerviño neste espazo do Ágora. Socializar a cultura da privacidade, “saber que está a acontecer e que dereitos e garantías temos diante do que acontece”, di Cerviño. Crear conciencia do valor dos datos. Promover iniciativas como as demandas do dereito ao esquecemento ou un deseño responsábel das aplicacións e programas. Protexer aos máis débiles e protexernos diante da “inconsciencia” da Administración que incorre nos mesmos erros que xeran a necesidade de dotarnos de leis. Intentar mudar os hábitos na relación coas empresas. Por exemplo: conseguindo que teñan que pedir os datos, un a un, antes de que lle regalemos o ‘pack’ enteiro.

Distopías Cotiás seguirá teimando neste programa de acción. Nun mes, o luns 16 de marzo, a próxima cita.
 

Comentarios