A Coruña pola Paz
“Os pobos europeos pola paz” mobilízanse na Coruña o 9 de maio
O 9 de maio, coincidindo co 80 aniversario do final da Segunda Guerra Mundial, a plataforma A Coruña pola Paz convoca unha concentración cidadá ás 20:00h na praza de Pontevedra, sumándose ao chamado do European Peace Project, unha mobilización internacional descentralizada en defensa da paz en Europa.

Baixo o lema “Os pobos europeos pola paz”, a convocatoria apela á conciencia cidadá para reclamar o cesamento das guerras, o freo ao gasto militar e o compromiso firme coa resolución pacífica dos conflitos e coa inversión social.
O acto será tamén unha homenaxe ás vítimas da guerra, do odio e da indiferencia en todo o mundo. A apertura correrá a cargo da bailarina Concha Pita Conde, que ofrecerá a súa peza “Danza pola Paz”.
A Coruña Pola Paz chama a asistir vestidas e vestidos de branco ou levando bandeiras brancas como símbolo universal da paz. Convida tamén a traer unha flor para ofrecer colectivamente durante o acto.
O manifesto que se lerá, proposto polo European Peace Project, denuncia a deriva militarista da Unión Europea e reclama recuperar o espírito orixinal do proxecto europeo como espazo de cooperación e convivencia entre pobos. Afirmando a fraternidade entre a cidadanía europea, condena a escalada bélica e reivindica a participación social como única vía para construír unha Europa de paz.
Sobre A Coruña pola Paz
A Coruña pola Paz (https://mundosenguerrascoruna.wordpress.com/2025/04/25/a-coruna-pola-paz/) é unha plataforma cidadá plural e aberta, formada por persoas e entidades que comparten un compromiso común: erguer a voz fronte á guerra e ao militarismo, promover a paz mundial e defender unha Europa baseada na nonviolencia, a xustiza social e a solidariedade entre pobos.
A iniciativa naceu en abril de 2025 como resposta local á convocatoria europea do European Peace Project, promovendo a implicación da sociedade coruñesa nun clamor continental pola paz.
Entidades integrantes de A Coruña Pola Paz:
- Asociación Veciñal As Xunqueiras - Mesoiro - Vío
- Asociación Veciñal Lonzas, Avenida del Ferrocarril, San Cristóbal das Viñas
- Asociación Veciñal Feáns “O Freixo”
- Asociación Veciñal Monte Martelo
- Asociación Veciñal San Cristóbal das Viñas Os Anxos
- Asociación Veciñal San Cristovo das Viñas
- Asociación Veciñal e Cultural Oza Gaiteira Os Castros
- Brigantium Atlántica e Verde
- CUT Galiza
- Greenpeace
- Marcha Republicana de Galicia
- Modepen Coruña
- Mundo Sen Guerras e Sen Violencia A Coruña
- Podemos A Coruña
- Poten100mos
- Sindicato da Elevación Galicia
- Sindicato Labrego Galego
- Solidariedade Galega
- Unión Comarcal Comisións Obreiras A Coruña
- Vangarda Obreira