Se ubican na contorna dos centros cívicos e os mercados municipais

O Concello pón a disposición da cidadanía 26 contedores de recollida de aceites de cociña usados

Estes dispositivos, cuxa colocación se levará a cabo ao longo de toda a semana, son xestionados polo colectivo Mulleres Colleiteiras. A titular de Medio Ambiente destaca que “con esta actuación non só primamos o adecuado tratamento de residuos, senón que promovemos a inserción sociolaboral de colectivos en risco de exclusión”

O Concello pón a disposición da cidadanía 26 contedores de recollida de aceites de cociña usados
Contenedores de aceite
Contedores de aceite

Fuente: Concello da Coruña | 08/07/2016

A Concellería de Medio Ambiente vén de poñer en marcha, este venres, o proceso de colocación na cidade de 26 contedores habilitados especialmente para a adecuada recollida e xestión dos residuos domésticos derivados do uso de aceites vexetais. Estes novos puntos de depósito están xa sendo ubicados polos operarios municipais e o proceso completo culminará ao longo desta semana. Estas infraestruturas quedarán colocadas en zonas cercanas aos centros cívicos e os mercados municipais, co obxecto de facilitar á veciñanza o seu uso. A recollida dos residuos será levada a cabo polo colectivo Mulleres Colleiteiras, en base a un convenio firmado recentemente co Concello.

A concelleira de Medio Ambiente, María García, destacou este venres que coa posta en marcha deste novos contedores na contorna dos mercados e os centros cívicos, "o Concello está atendendo unha demanda recorrente da cidadanía que leva tempo solicitando poder colaborar e ter un lugar específico e tamén accesible no que poder deixar o aceite usado". "Con esta iniciativa, todos e todas contribuímos co medio ambiente, xa que nos aseguramos que ese aceite non crea problemas nin nos nosos cauces fluviais, nin no noso mar nin na nosa depuradora e que, ademais, podemos recuperalo para facer un combustible novo", salientou a responsable municipal.

Por outro lado, a concelleira destacou a vertente de integración laboral que trae aparellada este programa. "Estamos especialmente contentas polo feito de que este proxecto sexa capitaneado polo colectivo de Mulleres Colleiteiras. Desta forma, promovemos o empoderamento de mulleres que estando nunha situación de vulnerabilidade decidiron crear unha cooperativa e apostar por un proxecto de autoinserción laboral, que ademais contribúe ao coidado medioambiental", reflexionou.

A colocación dos contedores rematará aproximadamente nunha semana. Ao longo desta tarde procederase a ubicar tres deles no entorno dos centros cívicos da Sagrada Familia, Os Rosales, San Pedro de Visma e Labañou, así como nos mercado das Conchiñas e da praza de Lugo. Nos vindeiros días tamén se colocarán estes dispositivos nos centros cívicos Os Mallos, Mesoiro, Feáns, Eiris, Elviña, Cidade Vella, San Diego, Monte Alto, Castrillón, Santa Lucía, Pescadores, A Silva, Santa Margarita e de Artesáns, na rúa San Andrés; ademais dos mercados de Elviña, Adormideras, Monte Alto, San Agustín e Palavea. 

A Concellería de Medio Ambiente informa de que os aceites vexetais que despois do seu uso nos fogares se arroxan de maneira inadecuada por vertedeiros e inodoros, chega ás depuradoras de augas a través da rede de suministros, o que xera importantes problemas de atascos nas tubaxes, impedindo que a auga circule con facilidade. No caso da Coruña, así como outros concellos da área metropolitana, a depuración das augas residuais está encomendada á Edar e Bens. "Todos os anos retíranse máis de 800 toneladas de aceites, graxas e outros flotantes na auga. Unha xestión correcta non só fai que a Edar deixe de ter un importante traballo engadido, que xera ademais un importante sobrecusto, senón que tamén xera actividade económica, xa que se estima que cada litro de aceite usado pódese transformr en 0,95 de biodiésel", comentou García. Segundo os datos municipais, o Concello recolle ao ano 11.000 litros de residuos de aceite vexetal, unha ratio aínda moi lonxe da desexada.

O colectivo de Mulleres Colleiteiras recordou a importancia "de que a veciñanza deposite os restos de aceites vexetais de uso doméstico nos contedores dentro de recipientes plásticos transparentes e pechados, de cara a poder facilitar o seu adecuado tratamento".

O Concello pón a disposición da cidadanía 26 contedores de recollida de aceites de cociña usados