Posibilitará a posta en marcha da residencia universitaria no colexio Calvo Sotelo

O Pleno municipal dá o visto e prace á modificación no PXOM

O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, destaca a “mellora, tanto de ubicacións como de instalacións dos equipamentos deportivos públicos que está a acometer este Concello”, tras aprobarse, por unanimidade, os cambios precisos do Plan de Ordenamento Municipal

A Cámara Municipal tamén deu luz verde de forma definitiva, co único voto en contra do PP, á ordenanza que permite a posta en marcha do viveiro de empresas do Papagaio

O Pleno municipal dá o visto e prace á modificación no PXOM
pleno1agosto
Pleno do 1 de agosto

Fonte: Concello da Coruña | 01/08/2016

O Pleno do Concello da Coruña, reunido este luns en sesión extraordinaria, deu o visto e prace, por unanimidade, á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co fin de permitir o cambio de uso da parcela do Colexio Calvo Sotelo, de forma que sexa compatible co proxecto de construción da futura residencia universitaria. Segundo explicou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, ata hoxe, a parcela tiña un uso dotacional local, que pasou tras o Pleno a ter consideración de sistema xeral de equipamento docente da clase 'residencial comunitaria', o que permite a legalidade desa nova función como residencia pública de estudantes. A modificación responde ao convenio de colaboración asinado a finais do pasado ano entre Concello, Universidade da Coruña e Deputación, para que o edificio, de titularidade provincial, posúa nos seus usos aquel que lle permita desenvolver o proxecto da residencia. O ente municipal, destacou Varela, cumpre o seu compromiso de tramitar, en tempo e forma, todas as actuacións necesarias para incorporar ao PXOM o uso urbanístico como residencia no Calvo Sotelo. "Estamos ante un exemplo de colaboración institucional ben entendida entre o Concello, a Deputación e a Universidade. A Coruña terá por primeira vez unha residencia de estudantes tamén de xestión pública e con prezos públicos, no centro da cidade, e con aproximadamente cen prazas de residencia", expuxo Varela, quen fixo fincapé en que "este Goberno municipal desbloqueou un tema que estivo enriba da mesa durante 25 anos". "Até o de agora, neste municipio, consolidouse un modelo que expulsaba os usos universitarios á periferia, deixando á cidade desprovista de toda a riqueza que a unha institución como á universidade se lle presupón. Este é un paso importante para o cambio de modelo que queremos impulsar, de maneira que todo o estudantado universitario teña unha alternativa de residencia pública e de calidade no centro, fronte aos modelos privados ou de aluguer. Desta forma, evitamos a progresiva deslocalización e os longos desprazamentos dende o lugar de estudo ao lugar de residencia", destacou o responsable municipal.

Fomento e mellora das instalacións deportivas da cidade

Do mesmo xeito, o Pleno municipal tamén aprobou de forma inicial e por unanimidade a modificación puntual do PXOM para permitir o cambio de uso do campo de fútbol de Agrela II, no Polígono Agrela-Bens, de dotacional deportivo a industrial. Os servizos que presta o actual campo de fútbol irán a parar ao que está situado no Parque de Eirís (campo non homologado), que experimentará unha ampliación e mellora de cara a favorecer un uso máis intensivo. Ao tempo, o Goberno local tamén levou á sesión plenaria a modificación do uso dun terreo da Fábrica de Armas, un proceso que tamén foi aprobado inicialmente para que a parcela pase a ter consideración de parque deportivo público, un trámite que, en palabras do responsable municipal de Rexeneración Urbana, "realízase polo noso compromiso co interese xeral". "As modificacións que traemos hoxe a Pleno permítennos o impulso industrial e a creación de emprego, ao tempo que redistribuímos de forma máis equilibrada, melloramos e ampliamos os equipamentos e o solo dotacional deportivo do Concello, xerando en números absolutos máis de 3.800 metros cadrados de nova superficie dotacional deportiva", comentou. "Este Goberno non está eliminando unha superficie de dotación deportiva pública --dixo Varela, en referencia ao cambio dotacional da parcela onde está ubicado, na actualidade, o campo Agrela II--, trátase dunha substitución e busca o reequilibrio e a mellora ambiental da localización das instalacións deportivas públicas", indicou, para recordar o compromiso do Concello cos barrios da cidade, e de dotar das infraestruturas necesarias, ás zonas en constante crecemento.

Desta forma, o grupo de Goberno, con esta iniciativa aprobada en Pleno modifica os metros cadrados de uso dotacional deportivo situados nun polígono industrial "e os substitúe e aumenta por metros cadrados de solo dotacional deportivo, en áreas menos afectadas pola emisión de gases tóxicos á atmósfera da área industrial da cidade , como son a zona da Fábrica de Armas, San Pedro de Visma, a Solana e o Parque de Eirís". A reubicación dos servizos do campo de fútbol de Agrela II no campo non homologado do parque de Eirís "traerá consigo unha redistribución máis equilibrada das instalacións deportivas na nosa cidade, ademais do beneficio que supón afastar o campo de fútbol dunha zona industrial e recolocalo nunha zona ambiantal moito máis acaída para a práctica deportiva".

Con respecto aos terreos da Fábrica de Armas, Varela destacou que "o Goberno local quere beneficiar a unha área da cidade que está en constante crecemento demográfico e que sempre tivo unha importante carencia de equipamentos públicos". "Esta modificación puntual no PXOM é un empurrón á industrial local, xa que aportamos máis metros cadrados de solo industrial en apoio á creación de emprego. Esta medida suporá un incremento de aproximadamente 150 novos postos de traballo directos na cidade", indicou o concelleiro.

Varela destacou, ademais, do cambio de usos das parcelas, as actuacións xa levadas a cabo e as previstas polo Goberno local para a mellora das instalacións deportivas. "O Campo de Eirís non está homologado na actualidade, pero pasará a estalo co investimento conseguido. Dispomos xa dun proxecto básico, que conta co informe davorable da Axencia de Seguridade Aéra, e que está valorado en máis de 1,2 millóns", indicou o titular de Rexeneración Urbana. Do mesmo xeito, o edil salientou o proxecto para a recuperación pública da Solana. "Como dotación pública deportiva, a cidade contará a maiores con 23.000 metros cadrados de solo deportivo", explicou. Dentro das actuacións en materia de infraestrutura deportiva, o edil tamén destacou as melloras implementadas no campo García Vizoso (Agrela I), así como o actual proceso de construción, a través da Federación Galega de Fútbol, de dous novos campos de fútbol en Visma que estarán operativos ao longo de 2017.

Viveiro de Empresas do Papagaio

Por outro lado, a Cámara local deu o visto e prace de forma definitiva ao expediente de modificiación da Ordenanza número 46 reguladora do prezo público do viveiro de empresas do Papagaio, o que posibilita, por tanto, que se inicien os trámites para a apertura deste espazo municipal destinado a albergar proxectos innovadores xerados na cidade. A aprobación en Pleno vén precedida do refrendo na Comisión Informativa de Economía das bases reguladoras que rexen o proceso de administación ao centro e da aprobación, na última Xunta de Goberno local celebrada o pasado venres, das modificacións no documento. O asunto contou, ademais de cos votos favorables do grupo de Goberno, co apoio do PSOE e o BNG e a negativa do PP.

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, destacou "o grao de entendemento ao que se chegou co PSOE e BNG, nunhas ordenanzas nas que se recolleron e tiveron en conta as achegas tanto dos grupos como do sector". "O máis importante agora é poñer a andar este centro de empresas canto antes, xa que todos estamos de acordo en que este centro de empresas é necesario", comentou.

Espazo e Ordenanza

Tal e como se recolle nas bases reguladoras do centro Accede Papagaio acordadas a pasada semana, o centro municipal contará con diversas zonas, como o Espazo Emprende, con carácter de preincubadora de proxectos, para atender preferentemente a persoas emprendedoras que queiran crear a súa empresa; o Espazo Crece, con carácter de incubadora, para persoas emprendedoras que xa teñen a súa empresa en funcionamento e queren consolidar o seu proxecto; o Espazo Nube, para emprendedoras externas que non permanezan de xeito continuado no centro, e o Espazo Conecta, unha zona que estará destinada a potenciar o networking, as charlas e o intercambio de información de servizos e empresas. Ademais, o centro conta con zonas comúns como salas de reunións ou espazos de intercambio e formación.

Así, poderán demandar optar ao uso destas instalacións aquelas persoas que estean a desenvolver un proxecto innovador e a aquelas persoas cuxa empresa non leve máis de dous anos en situación de alta censal e que, comezando a súa actividade empresarial "precisen de apoio especial para mellorar as súas expectativas". A cesión de espazo para un mesmo proxecto empresarial está limitada a un máximo de cinco módulos distintos do viveiro de empresas. As bases tamén estabelecen que a utilización de espazos e servizos de Accede Papagaio rexerase por un sistema de convocatoria aberta e de carácter permanente. Os e as emprendedoras que aínda non constituíron una empresa aboarán un prezo de 90 euros mensuais, mentres que aquelas persoas ou entidades empresariais que teñan un negocio xa constituído aboarán 108 euros ao mes, sempre e cando o seu proxecto non teña máis de dous anos de antigüidade.

Comentarios
O Pleno municipal dá o visto e prace á modificación no PXOM